“Radio cun sorriso” é unha iniciativa do CPI Virxe da Cela para traballar na consecución dos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) e o benestar empregando a radio como unha ferramenta de aprendizaxe e cambio social en colaboración con Agareso (Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social)
O alumnado da ESO desenvolveu as súas competencias comunicativas a través
do diálogo e da reflexión sobre os temas que máis lles preocupan, sempre
dende unha perspectiva positiva e tentando achegar solucións. Cómpre dicir que
as temáticas enfocáronse cara ao tratamento dos ODS partindo da análise e posta
en valor da realidade contextual do alumnado e contando con referentes
significativos da súa realidade para enfocala despois cara a unha visión máis
global. Neste caso camiñamos cara a valoración e a consecución do Obxectivo 4: Garantir unha educación inclusiva,
equitativa e de calidade e promover oportunidades de aprendizaxe durante toda a
vida para todos.
As micro-experiencias do Globo desenvólvense en 3 fases:
LUCES
As alumnas e os alumnos escolleron democraticamente a temática de interese
coa técnica da diana e, a través da metodoloxía da árbore de problemas,
identificaron a problemática do horario escolar no centro, analizaron as causas
e tamén as súas consecuencias. Con todo isto elaboraron a introdución do
programa de radio.
Ao introducírense na temática do horario escolar decidiron investigar varias
cuestións que lles xeraban curiosidade e das que non tiñan coñecementos, como
por exemplo: quen decide os horarios dos centros escolares, a posibilidade de
modificar esa cuestión desde o centro ou mesmo a historia do seu horario. Para
isto decidiron recorrer a fontes de información do propio centro e pensaron que
entrevistar ao Secretario sería unha boa opción para obter respostas.
Mais a opinión dunha persoa non era suficiente para facer un estudo completo da
situación e tomaron a decisión de elaborar enquisas sobre o tema para o
resto do alumnado do centro e tamén para as familias.
ACCIÓN
Elaboradas as enquisas só quedaba repartilas polas aulas e recollelas unha
vez finalizadas. Para iso, as alumnas e os alumnos organizáronse en pequenos grupos
e encargáronse da tarefa. Por outro lado, tamén había que recompilar
información da parte das familias e o grupo decidiu que todas e todos
participarían nese labor a nivel individual, ben con gravacións de
voz, ben con recollida escrita de testemuños.
Unha vez recollidos os datos, organizáronos en gráficas e
analizáronos para chegar a unha conclusión sobre a visión xeral desta cuestión
tan importante para o grupo. As súas preocupacións xa non eran só súas, pois
identificaron que tamén lle preocupaban á maioría do alumnado do centro e a
moitas das familias entrevistadas, por diferentes
motivos.
O alumnado de 1º da ESO que participou nesta experiencia partiu da
súa propia visión e opinión sobre o horario escolar e concluíu o seu labor
cunha perspectiva que ía máis aló do propio grupo, pois fixeron visible unha
inquedanza que está presente na comunidade educativa desde hai anos e reabriron
o debate dun posible cambio da
xornada escolar. Con metodoloxías
activas e participativas que buscan a participación social e o cambio, estas
rapazas e rapaces investigaron para logo faceren unha análise crítica
das súas pesquisas e ofrecer alternativas para o dito cambio.
Ademais, a radio serviulles de ferramenta indispensable para a difusión desta actividade e para levar as súas ansias, investigacións e conclusións máis aló da sala de gravación e, deste xeito, chegar a toda a comunidade educativa e a todo aquelas persoas que teñan a ben escoitar a rapazada activa e crítica.
Pódese escoitar o programa radiofónico premendo neste enlace.
No hay comentarios:
Publicar un comentario