miércoles, 11 de junio de 2025

RADIO CUN SORRISO: SUICIDIO XUVENIL E SAÚDE MENTAL

“Radio cun sorriso” é unha iniciativa do CPI Virxe da Cela para traballar na consecución dos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) e o benestar empregando a radio como unha ferramenta de aprendizaxe e cambio social en colaboración con Agareso (Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social)

O alumnado da ESO desenvolveu as súas competencias comunicativas a través do diálogo e da reflexión sobre os temas que máis lles preocupan,  sempre dende unha perspectiva positiva e tentando achegar solucións. Cómpre dicir que as temáticas enfocáronse cara ao tratamento dos ODS partindo da análise e posta en valor da realidade contextual do alumnado e contando con referentes significativos da súa realidade para enfocala despois cara a unha visión máis global. Neste caso camiñamos cara a valoración e a consecución do Obxectivo 3: Garantir unha vida sa e promover o benestar para todos en todas as idades.

A través da micro-experiencia “Radio cun sorriso: Suicidio xuvenil e saúde mental”, 10 alumnas e alumnos de ESO reflexionaron, investigaron e tiraron conclusións sobre a importancia da saúde mental e das consecuencias que pode chegar a ter unha persoa que presente problemáticas relacionadas con esta. Para darlle visibilidade ás súas inquedanzas empregaron a radio como soporte e elaboraron un programa radiofónico que inclúe a presentación do tema, datos estatísticos a nivel autonómico e estatal, unha entrevista con recomendacións dunha profesional e as reflexións do grupo sobre o tema.

As micro-experiencias desenvólvense en tres etapas:

LUCES

As alumnas e os alumnos escolleron democraticamente a temática de interese coa técnica da diana, isto é, escribiron diferentes preocupacións nuns papeliños que logo foron pegando nunha diana desde o centro ata fóra segundo o seu nivel de importancia. Desta dinámica saíron dous temas principais: o racismo e a pedofilia.  A través da metodoloxía da árbore de problemas, identificaron as causas e as consecuencias dos problemas principais e, por último, escolleron  a temática do suicidio xuvenil entre outras temáticas como a perda de falantes en lingua galega, a inmigración ou o racismo. Observaron como remataron por escoller para a súa investigación unha das consecuencias dunha das problemáticas iniciais e non a propia problemática. Con todo isto elaboraron a introdución do programa de radio.

CÁMARA

Ao introducírense na temática do suicidio xuvenil precisaban aclarar varias cuestións que lles xeraban curiosidade e das que non tiñan coñecementos, como por exemplo: cantas casos hai de suicidios na nosa comunidade, cales son as causas que poden levar a unha persoa a tomar esa decisión, se hai un soporte sanitario eficaz para atender as persoas que precisan axuda, como se pode axudar a evitar este problema, etc. Para isto decidiron investigar fontes informáticas como:

https://www.sanidad.gob.es/gabinete/notasPrensa.do?id=6418 https://www.savethechildren.es/actualidad/suicidios-adolescentes-espana-factores-riesgo-datoshttps://www.aldeasinfantiles.es/area-prensa/aldeas-infantiles-sos-urge-a-la-sociedad-en-su-conjunto-a-prevenir-el-suicidio-adolescente-y-juvenil

https://www.sergas.es/Asistencia-sanitaria/Plan-de-prevenci%C3%B3n-do-suicidio-en-Galicia?idioma=es

https://www.stopsuicidiogalicia.org/o-suicidio/

Ademais,  acordaron entrevistar á Orientadora do centro para buscar respostas á súa preocupación. 

ACCIÓN

Recollida toda a información, para gravaren un programa radiofónico que reflectise a importancia da saúde mental na nosa sociedade, as alumnas e alumnos elaboraron un guión que lles facilitou o desenvolvemento do seu traballo. Concretaron unha entrevista con Lara Real, a Orientadora do centro e Psicóloga, e coñeceron de primeira man moitos aspectos sobre a realidade do suicidio xuvenil.


RESULTADO DA EXPERIENCIA

O alumnado de da ESO descubriu que a saúde e o benestar son dereitos que a sociedade debe ter garantidos. Ás veces, a sanidade non é quen de atender todos os casos e cando chega a atención xa é tarde para as persoas que sofren algunha doenza. As rapazas e rapaces do grupo concienciáronse da importancia da saúde e, máis concretamente, da saúde mental xa que, malia non o consideraren, este é un problema que lle afecta tamén á mocidade e podería incluso afectarlles directamente. Asemade, desenvolveron empatía cara ás persoas afectadas e quixeron salientar a importancia do suicidio xuvenil e crear conciencia na comunidade educativa sobre a importancia da boa saúde, dos estilos de vida saudables e do dereito das persoas a uns servizos de atención médica de calidade, especialmente cara aos máis vulnerables, coma as mulleres e os nenos.

Con metodoloxías activas e participativas que buscan a participación social e o cambio, estas rapazas e rapaces investigaron para logo faceren unha análise crítica das súas pesquisas e ofrecer alternativas para o dito cambio empezando polo propio autocoidado.

Ademais, a radio serviulles de ferramenta indispensable para a difusión desta actividade e para levar as súas ansias, investigacións e conclusións máis aló da sala de gravación e, deste xeito, chegar a toda a comunidade educativa e a todo aquelas persoas que teñan a ben escoitar a rapazada activa e crítica.

Pódese escoitar o programa radiofónico no seguinte enlace:  https://go.ivoox.com/sq/2678351

Ao tempo, xa temos a nosa experiencia no Mapa de experiencias para a cidadanía global. Cénit

No hay comentarios:

Publicar un comentario