Mostrando entradas con la etiqueta Ramadevi Rapthadu. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Ramadevi Rapthadu. Mostrar todas las entradas

miércoles, 15 de octubre de 2014

CHARLA DE RAMADEVI RAPTHADU








         Ramadevi Rapthapu deixou ao seu paso polo CPI Virxe da Cela (martes 14 de outubro de 2014) un halo de exotismo, sinxeleza e calidez. Ataviada cun fermosísimo sari de cor azul turquesa e fucsia, elegantemente peiteada coa súa melena brillante nunha extensa trenza e levando outros accesorios típicos das mulleres casadas da India (un bindi colorado na súa fronte, un colar de contas verdes e vermellas e aneis nos dedos dos pes), Ramadevi chegou ao noso centro repartindo sorrisos e abrazos a todo o mundo. Recibiu aos rapaces e rapazas que entraban la aula onde se impartiron as charlas cun sereno “namasté”, xesto de benvida, á par que marcaba as súas frontes cun minúsculo puntiño de pigmento vermello. 
          Presentouse ao seu público cun case que perfecto castelán, e durante tres charlas dunha duración aproximada de 50 minutos cada unha, falou non soamente da labor que a Fundación Vicente Ferrer está a levar a cabo en Anantapur (a India), senón da vida e do papel que as mulleres lles toca vivir neste país no que aínda no século XXI predomina unha cultura patriarcal. Para poder entender as enormes desigualdades que se observan na India, Ramadevi explicou o sistema de castas que aínda impera no seu país e que condena aos dalits e outras castas inferiores a vivir na pobreza e na miseria desde e mesmo momento do seu nacemento. 
         A visita de Ramadevi (ao igual que as de Lancy Dodem e Sasi Cuti en anos anteriores) complementa o traballo de achegamento á cultura india e ao traballo da Fundación Vicente Ferrer que se leva a cabo no noso centro desde o ano 2009 a través do proxecto School to School. Consideramos que entender o mundo máis aló da noso contorna é fundamental para respectar a diversidade cultural e entendela como un elemento que nos enriquece aos seres humanos, e non como unha ameaza e unha semente para o conflito.


martes, 7 de octubre de 2014

RAMADEVI RAPTHADU


O vindeiro martes 14 de outubro de 2014 contaremos no CPI Virxe da Cela coa visita de Ramadevi Rapthadu como embaixadora de Fundación Vicente Ferrer. Impartirá no noso centro varias charlas dirixidas ao alumnado de EI, EP e ESO, enfocadas no papel da muller na India rural. Esbozamos uns datos sobre esta ponente:

Ramadevi é natural de Akutotapalli, unha aldea situada a 10 km. de Anantapur, A India. Ten 32 anos e fala telugu (a lingua local de Anantapur), inglés, castelán e catalán. Casou ao finalizar os seus estudos de secundaria e, despois de casar, estudou Humanidades. Ten un fillo de 11 anos que se chama Sudarsa, como un deus hinduista. En 1998 comezou a traballar como tradutora da Fundación Vicente Ferrer na India, poñendo a disposición as súas capacidades para facilitar a comunicación efectiva dos nenos e nenas apadriñados coas persoas solidarias de España. Ademais, facilita os procesos de visita de colaboradores e colaboradoras que chegan á India para coñecer os proxectos da Fundación. Este será a súa terceira viaxe a España como voceira da Fundación. Durante a súa estancia acompañará o camión-exposición "Mulleres: a forza do cambio na India", que nas vindeiras semanas percorrerá diferentes cidades da xeografía española.