domingo, 22 de diciembre de 2013

FELICITACIÓN DE AECID NO NADAL

A Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo lanza esta esperanzadora mensaxe para o ano que está a piques de comezar, e entre todos, loitar para erradicar a pobreza no mundo. Sabemos que é o primeiro dos obxectivos (ODM), e, por suposto, desde o noso centro trataremos de sensibilizar á nosa comunidade educativa para contribuír á consecución do mesmo.

sábado, 21 de diciembre de 2013

CONVENIO DE COLABORACIÓN COA ONG AYUDA EN ACCIÓN


No pasado mes de novembro tivemos unha reunión coa ONG Ayuda en Acción para negociar un convenio de colaboración entre esta organización e o CPI Virxe da Cela. Ayuda en Acción comunicábanos o seu interese en iniciar un tipo de colaboración co noso centro, xa que a través do proxecto Monferosolidario estabamos a traballar en prol da educación en valores e encaixábamos perfectamente na súa filosofía de acción. Podemos anunciar oficialmente que ese convenio xa está vixente. O pasado xoves 19 de decembro de 2013 tivemos unha reunión na que tomamos parte as coordinadoras de Monferosolidario, a dirección do centro, representantes da AMPA do noso cole e a técnico de Ayuda en Acción, na que se firmou un compromiso conxunto, no que todas as partes uniremos o nosos esforzos e esperamos acadar un enriquecemento mutuo. Polo de pronto estamos xa inscritos no programa educativo "Ahora Toca..." de Ayuda en Acción, e tan pronto iniciemos o segundo trimestre académico incorporaremos as propostas educativas e as actividades do mesmo.

viernes, 20 de diciembre de 2013

362 EUROS PARA FILIPINAS


Grazas á axuda de toda a comunidade educativa do CPI Virxe da Cela, os damnificados/as do furacán Yolanda recibirán con todo o noso cariño os 362 euros recadados na campaña "Emerxencia en Filipinas", a través da ONG Entreculturas. Non servirá para paliar as consecuencias desa castástrofe natural, nembargantes será unha pequena contribución que será moi ben recibida agora que o Nadal está petando nas nosas portas...



miércoles, 18 de diciembre de 2013

ÉXITO DA CAMPAÑA EMERXENCIA EN FILIPINAS

Fantástica acollida da campaña "Emerxencia en Filipinas". Durante esta semana están expostos na entrada do edificio de secundaria os obxectos de fieltro decorativos de nadal elaborados artesanalmente polo alumnado de 1º da ESO e 6º de primaria,así como a hucha mascota-porquiño realizada polos máis pequerrechos/as de educación infantil. Todos os cartos resultantes da venda de obxectos e donativos serán enviados a Filipinas, aos danmificados do desastre do furacán que tivo lugar o pasado mes de novembro, a través da ONG Entreculturas. Quixaramos facer unha mención moi especial ao noso compañeiro Adrián (1º ESO), xa que invertiu unha cantidade de horas e esforzo en materializar parte dos obxectos e recardar entre achegados e familias unha morea de cartos que inauguraron a hucha... Os nosos parabéns, Adrián...



PODCAST MONFEROSOLIDARIO AXUDA A FILIPINAS
  Adrián Marcos, de 1º da ESO do CPI Virxe da Cela, fala da iniciativa que se levou a cabo para axudar aos damnificados do tifón Yolanda, que arrasou Filipinas a finais do ano 2013

OBRADOIRO DE RADIO

Para completar esta xornada de formación dentro do proxecto "Cooperación Galega: O Mundo que Queremos" (Plan Proxecta 13-14), o alumnado de 3º e 4º da ESO recibiu un obradoiro de radio impartido por Monserrat Fernández. Tanto Monserrat como Óscar Vázquez (obradoiro de fotoxornalismo) son membros da ONG AGARESO (Asociación Galega de Reporteiros Solidarios), compartindo e transmitindo a idea de que os medios de comunicación son una poderosa ferramenta para denunciar e combatir as inxustizas. A través dos exemplos das radios comunitarias Monserrat amosounos como poden estas constituír un elemento para empoderar á propia sociedade. Os rapaces e rapazas de 3º e 4º da ESO aprenderon a distinguir diferentes estilos e elementos que conforman a linguaxe radiofónica, e incluso fixeron os seus "pinitos" co micrófono (se ben é certo que previamente no noso centro xa tivemos experiencias previas na gravación de podcasts radiofónicos). Tomando como base os Obxectivos do Milenio e distribuídos en grupos, estes mozos e mozas tratarán de sacarlle partido a este medio, e durante o segundo trimestre elaborarán guións radiofónicos, realizarán as gravacións, e incluso iniciarse no mundo da edición, a través do programa Audacity. Os resutados estarán en breves no aire...


martes, 17 de diciembre de 2013

OBRADOIRO DE FOTOGRAFÍA

Dentro do proxecto "Cooperación Galega: O Mundo que Queremos", (Plan Proxecta 2013-2014) contémplanse unha serie de obradoiros que se desenvolverán ao longo do curso. O primeiro deles está baseado na fotografía, e levouse a cabo no CPI Virxe da Cela o pasado martes 17 de decembro de 2013. Neste caso concreto, este obradoiro de fotografía estivo dirixido para os rapaces e rapaces de 2º da ESO, e impartido polo fotoxornalista galego Óscar Vázquez, quen amosou parte do seu traballo fotográfico, así como as creacións doutos fotógrafos a nivel mundial que utilizan a fotografía coma unha ferramenta para a denuncia e a crítica social. Baseándonos na temática dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, o alumnado de 2º da ESO organizouse en pequenos grupos, tratando de fixar un dos ODM no que centrarán o seu traballo para o segundo trimestre. Por unanimidade elexiuse o Obxectivo nº 7, que consiste en garantir a sostenibilidade do medio ambiente, e tratarase de desenvolvelo a nivel local, incidindo na nosa contorna máis próxima. 


martes, 10 de diciembre de 2013

10 DE DECEMBRO "DÍA DOS DEREITOS HUMANOS"

Con esta foto tomada no corazón de Soweto (Sudáfrica) vos desexamos un feliz Día dos Dereitos Humanos e, ao mesmo tempo, dedicamos o noso adeus ao maestro MANDELA un símbolo mundial da defensa dos mesmos e da loita contra o apartheid.

EMERXENCIA EN FILIPINAS


miércoles, 4 de diciembre de 2013

SOLIDARIEDADE POR QUILOS...




Unha vez máis a solidariedade do noso centro pódese pesar en quilos... Esta campaña de recollida de roupa tivo unha gran acollida entre alumnado e familias, e foron moitísimos os quilos de roupa que se depositaron no noso centro e que posteriormente, o luns 9 de decembro, a organización Glorr pasou a recoller. Grazas a todos pola vosa colaboración, non so aportando as vosas prendas de roupa e calzado, senón axudando a mobilizar todo este cargamento. Esperemos que outros nenos e nenas do noso país podan facer uso da nosa axuda para pasar un inverno máis cálido.









O ALUMNADO DE PRIMARIA DO CPI VIRXE DA CELA IMPARTE UNHA CLASE NA FACULTADE DE CIENCIAS DE EDUCACIÓN DE LUGO

Estupenda experiencia a vivida polo alumnado do 3º ciclo do CPI Virxe da Cela na Facultade de Formación do Profesorado da USC (Campus de Lugo). Invitados por Marta Poncet Souto (Coordinadora da Titulación  de Grao de Educación Primaria en dita Facultade) e por Rufino  González Fernández (Subdirector da Facultade Universitaria de Formación do Profesorado do Campus de Lugo, USC) presentaron o proxecto no marco das materias  de Socioloxía da Educación e Didáctica e Tarefas Docentes ao alumnado do Grao de Ed. Primaria. 
Foi unha forma de dar a coñecer as prácticas metodolóxicas do centro, a nosa configuración como paisaxe cultural e como non, poñer en práctica as nosas habilidades como comunicadoras e comunicadores. 

Tamén sinalar a repercusión que esta actividade tivo nos medios de comunicación. Destacamos a reportaxe publicada polo xornal "El Progreso", e que incluímos na seguinte imaxe.


ELECCIÓN DE LOGOS "O MUNDO QUE QUEREMOS"

Cooperación galega adxutaba estes tres logotipos para representar o seu proxecto "O mundo que queremos", pertencente ao Plan Proxecta 13-14, no que participamos cinco centros escolares galegos. Como unha das finalidades deste proxecto é o traballo en equipo e a cooperación, a acción de elexir unha imaxe que nos representase foi plantexada como unha actividade conxunta. Pois aí vai o resultado do CPI Virxe da Cela. Comunicamos que por unanimidade, o alumnado da ESO do noso cole elexiu a 3º opción, ese logo que nos semella algo moi romántico (podería lembrarnos á Torre Eiffel?) e moi natural (podería ter reminiscencias cos prados que nos rodean neste o noso enclave rural?)







martes, 3 de diciembre de 2013

OBRADOIRO DE COEDUCACIÓN E EDUCACIÓN NON SEXISTA

Catro voluntari@s da Cruz Vermella de Betanzos visitaron o noso centro para impartir unha charla-obradoiro ao alumnado de 3º e 4º da ESO, centrándose na temática da coeducación e a educación non sexista. Mediante a realización de diversas dinámicas pretendeuse sensibilizar aos mozos e mozas sobre a gran desigualdade que existe todavía entre os xéneros, analizando toda unha serie de prexuízos que están no ollar das persoas e que como consecuencia dan lugar a unha situación de desigualdade e incluso de violencia. Algo tan sinxelo como interpretar o conto da Cincenta ao revés... como cambia a historia!!  No obradoiro os voluntarios da Cruz Vermella servíronse tamén de fragmentos de vídeos e de documentos excritos para analizar as diferenzas entre xénero e sexo e loitar contra moitos estereotipos. Esta é unha actividade organizada a través do Departamento de Orientación e que aproveitaremos desde Monferosolidario para abordar o 2º Obxectivo (ODM): promover a igualdade entre os xéneros e a autonomía da muller. 





lunes, 2 de diciembre de 2013

SOLIDARIOS CON FILIPINAS

O alumnado de 1º da ESO das materias de Educación para a Cidadanía e Relixión demostraron que é posible e moi enriquecedor traballar conxuntamente en equipo, a pesares do mito de que estes dous elementos non son compatibles... Pois, como é hora de ir rompendo estereotipos, no CPI Virxe da Cela temos o lema de que da unión nace a forza! Sobre todo se andamos tras a mesma meta. Nesta ocasión quixemos convertir a aula de 1º nun obradoiro artesanal, onde os rapaces e rapazas exhibiron os seus talentos á hora de combinar cores, deseñar formas, manexar agulla e fío (sen diferenciar estas tarefas, que habitualmente están incluídas nunha lista que segrega ás persoas por xénero). Pasounos a hora voando... e xa temos resultados visibles: unha serie de figuras o obxectos de fieltro baseados na temática do nadal que venderemos para recadar cartos e colaborar na axuda de emerxencia tras o furacán que asolou as Filipinas. Así que nesta ocasión e case sen darnos conta, estamos a traballar os Obxectivos do Desenvolvemento do Milenio (Obxectivo 3: promover a igualdade entre os xéneros; Obxectivo 7: fomentar unha asociación mundial para o desenvolvemento).







domingo, 1 de diciembre de 2013

AS COMPETENCIAS BÁSICAS NA ACCIÓN SOLIDARIA

Penduramos nesta plataforma a presentación powerpoint "As competencias básicas no voluntariado", un documento que se traballou nas Xornadas de Formación Inicial do Plan Proxecta, no obradoiro que recibimos os centros galegos que participan no curso 2013-2014 no Rede de Centros Escolares Solidarios do Plan Proxecta. Pode servir de grande axuda entre os docentes á hora de programar a súa práctica educativa. Desde Monferosolidario trataremos de seguir estas directrices para potenciar o noso traballo.

RCES: REDE DE CENTROS ESCOLARES SOLIDARIOS

A continuación vemos unha fotografía de Ramón Molina, encargado de impartir o obradoiro "Rede de Centros Escolares Solidarios", na Xornada de Formación Inicial do Plan Proxecta 2013-2014. Na súa intervención fixo un percorrido polas diferentes fases que tiveron lugar dentro do proxecto no pasado curso académico, centrándose na actividade "Micromovies en Prol do Voluntariado". Podedes tamén visionar un video que ilustra todo o proceso.