sábado, 31 de enero de 2026

30 XANEIRO: DÍA DA PAZ E DA NON VIOLENCIA

 -Reparto agasallo Paz 

-Desexos que tecen Paz e quitan Penas



MISIÓN CUMPRIDA: OS GARDIÁNS DA PAZ SALVAN A MENSAXE UNIVERSAL

Este ano, o alumnado da ESO celebrou o Día Escolar da Paz e a Non Violencia converténdose en axentes especiais dunha misión crítica. A través dun emocionante Escape Room titulado "Os Gardiáns da Paz", os nosos mozos e mozas tiveron que facer fronte a unha ameaza silenciosa que pretendía sementar o caos e o illamento no mundo.

🕵️ O Desafío: 50 minutos para salvar o mundo

Cun cronómetro marcando unha conta atrás de 50 minutos, os alumnos e alumnas dividíronse en equipos de elite para abortar o "Protocolo de Desconexión Global". A misión non era doada: o Axente do Caos fragmentara a Mensaxe Universal da Paz, e os seus pedazos estaban espallados e ocultos.

Para superar a proba, os equipos seguiron estas Regras de Ouro:

·         Traballo en equipo: A colaboración foi a súa mellor arma, compartindo ideas e escoitando aos compañeiros.

·         Observación e Enxeño: Tiveron que mirar con atención cada detalle e resolver enigmas usando a mente, sen forza bruta.

·         Xestión do tempo: O reloxo non se detivo, e cada pista solicitada supoñía un pequeno sacrificio de tempo no contador.

🕊️ Unha metáfora de convivencia

O obxectivo final foi a reconstrución da Mensaxe Universal da Paz. Esta actividade serviu para que o alumnado entendese que a paz non se constrúe en solitario, senón que require do esforzo colectivo e da comunicación para romper as barreiras do illamento.

O alumnado estivo moi activo e implicado durante toda a sesión, demostrando unha gran axilidade mental para resolver os enigmas que os levarían a localizar e recompoñer cada un dos fragmentos da mensaxe. A tensión do reloxo e o misterio do sistema de desconexión converteron a aprendizaxe nunha aventura inesquecible. Con actividades coma esta, os nosos mozos e mozas non só aprenden sobre a paz, senón que a poñen en práctica a través do compañeirismo e a resolución de problemas en común

  Noraboa aos nosos Gardiáns da Paz polo seu enxeño e compromiso!

 

 
 

-Lectura Manifiesto Paz

 










miércoles, 21 de enero de 2026

OBRADOIRO REDE SOLIDARIA DA MOCIDADE ENTRECULTURAS

O Mércores 21 e o venres 23 de xaneiro 2026 contamos coa visita de Estefanía Franco e Patricia Meléndez, da ONGD Entreculturas, que impartiron un obradoiro a cada un dos grupos da ESO para abordar a través de diferentes dinámicas o concepto de Cidadanía Global. Esta foi unha oportunidade ideal para a creación de grupos focais e debatir sobre as problemáticas locais. A rapazada visibilizou as súas necesidades, tendo en conta a situación que se está a vivir no rural galego, onde a falta de transporte público e lugares para a socialización supón unha fenda ás veces difícil de superar. Outro dos obxectivos que pretendía este obradoiro era presentar e reactivar a Rede Solidaria da Mocidade Entreculturas, unha rede que tivo grandísima importancia entre a mocidade do noso centro entre os anos 2009 e 2019, e que desde a situación sociosanitaria da covid-19 foi perdendo forza. 

Levar a cabo os obradoiros no CPI Virxe da Cela permitiume lembrar e reconectar co meu pasado na Rede Solidaria da Mocidade. Foi un pracer ver como os rapaces e as rapazas identificaban as problemáticas que lles afectan directamente e como debatían sobre elas. As súas inquedanzas difiren das que poden ter outros grupos cos que facemos sesións similares na cidade, o cal é sumamente enriquecedor para unha rede con alcance nacional (no caso da RSJ) e internacional ( no da RG21+). Ademais, tras indagar distintas realidades, decátaste de que moitas coinciden independentemente do código postal ou do país. En resumo: a xuventude reclama ser escoitada e que se cumpran os seus dereitos. Patricia Meléndez

Como participante do obradoiro, considero que foi unha experiencia moi enriquecedora. Non só aprendemos conceptos novos, senón que tamén tivemos a oportunidade de expresar o que sentimos sobre a nosa realidade como mozos e mozas do rural. Gustoume especialmente ver que as nosas voces foron escoitadas e tomadas en serio. Saín da actividade coa sensación de que, aínda que sexamos novos, podemos contribuír a mellorar o noso entorno se traballamos unidos. Oxalá esta rede solidaria recupere a forza que tivo no pasado e se converta nun espazo onde a nosa xeración tamén deixe pegada. Marcos Garabana (4º ESO).

A través desta actividade fixémonos preguntas xerais de como está o mundo e as nosas vidas, como están os nosos dereitos, por exemplo, e se serve  o que facemos para evitar o cambio climatico. Na miña opinión, este obradoiro de Entreculturas fíxonos replantexar as nosas ideas sobre o mundo, xa que como hoxe en día todo é moi efímero e descontrolado non nos deixa pensar sobre estas cousas. Erik Allegue (3º ESO). 







martes, 20 de enero de 2026

PRESENTACIÓN FERRAMENTA DE AVALIACIÓN DE COMPETENCIAS DE CIDADANÍA GLOBAL. MOVEMENTO 4.7

O pasado curso académico o noso centro participou na experimentación cunha nova ferramenta para a avaliación de competencias de Cidadanía Global e Desenvolvemento Sostible, que foi deseñada e impulsada desde as ONGs da Alianza 4.7 (Alboan, Entreculturas, InteRed e ONGAWA). É por isto que fomos convidados para participar nunha sesión en liña de presentación da ferramenta cos equipos dos 7 centros que participaron no proceso, para comentar os primeiros resultados da implementación. Consistiu nunha sesión de 90 minutos, o luns 19 de xaneiro, en horario de 15.00-16.30h. O espazo foi facilitado polo equipo da Universidade Loyola Andalucía, e acompañado por compañeiras da Alianza 4.7.