Mostrando entradas con la etiqueta Pavani. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Pavani. Mostrar todas las entradas

lunes, 17 de junio de 2024

CARTAS DE PAVANI, A NENA INDIA APADRIÑADA A TRAVÉS DA FUNDACIÓN VICENTE FERRER

 Na sesión realizada o martes 17 de xuño 2024 ás 11:30 horas, damos por finalizado o Proxecto School to School que levamos a cabo a través da Fundación Vicente Ferrer. O alumnado de 4º EP visitou a Aula Ferraganchos xunto coa súa mestra de inglés, Cristina Cillero, e alí a coordinadora de Monferosolidario amosoulle varios videos que os nenos e nenas da Konampalli School nos envían desde a India. E xa como remate abrimos varias cartas de Pavani, a nena india (agora xa moza) que fai anos o noso centro apadriñou a través da FVF. Foi emotivo ler as súas cartas, e comprobando como aquela pequena nena que grazas ao noso apoio e á FVF poido iniciar os seus estudos, agora xa está gañándose a vida e axudando á súa familia a saír do círculo da pobreza.








miércoles, 23 de mayo de 2018

CARTAS PARA PAVANI

Aproveitando a visita de Lancy Dodem ao noso centro, o alumnado da ESO entregoulle ao primeiro neno apadriñado pola Fundación Vicente Ferrer (hoxe xa un adulto) un libriño con cartas dirixidas á nosa nena apadriñada Pavani. Estas cartas foron redactadas en inglés por rapaces e rapazas de 1º, 2º, 3º e 4º da ESO, e nelas explican os seus intereses, gustos, soños, etc. Espero que a nosa amiga Pavani poda aprender algo da nosa cultura e tradicións.

 

martes, 22 de mayo de 2018

CARTA DE PAVANI




Queridos padriños/as: Namaste! Envíovos un forte saúdo a través desta carta. Estudo 9º curso. Xa fixen os exames semestrais e espero sacar boas notas. As miñas asignaturas favoritas son o inglés, matemáticas e telegu. O 14 de novembro celebramos o "Día dos Nenos". Ese día organizo un programa de cultura e ganei o primeiro premio. Tamén os meus amigos mais eu fixemos unha obra de teatro titulada "As vodas precoces". Por iso os meus maestros felicitáronnos moito. Os meus irmáns están ben. Os meus pais traballan no campo. Envíovos moitos bicos e abrazos. Pavani.




martes, 9 de enero de 2018

PAVANI


Estamos moi felices de recibir esta fotografía de Pavani, a nosa nena apadriñada na India a través da Fundación Vicente Ferrer. Sabemos que a nosa pequena aportación permite a esta nena cursar estudos e labrar un futuro mellor para ela e a súa familia, isto vainos contando nas súas cartas. Esta imaxe reflicte que tamén é una nena sana, alimentada, e vive nunhas condicións dignas. Alegrámonos todos e todas e damos os parabéns á Fundación por esta labor tan importante tratando de erradicar a pobreza e a desigualdade na India.

viernes, 30 de septiembre de 2016

CARTA PAVANI



     Comezamos o curso cunha nova carta da nosa amiga Pavani. Xa son moitos os anos que levamos co apadriñamento desta nena da India, a través da Fundación Vicente Ferrer. Recentemente o alumnado de 4º da ESO do CPI Virxe da Cela celebrou unha cerimonia oficial de cambio de relevo no apadriñamento de Pavani, por tanto durante este curso estes dez rapaces e rapazas serán os seus padriños oficiais, aportando entre todos os 18 euros mensuais que supón a participación neste programa e que garante a educación desta nena.  Transcribimos a continuación as palabras de Pavani nesta última carta:

      Queridos amigos/as: Aquí estamos moi ben de saúde e esperamos que vós tamén o esteades. Pasei de curso e estou moi contenta de darvos esta noticia. Estudo na escola de internado, no pobo de Ramagiri. O meu irmá está facendo o curso de diplomatura. Gústame xogar ao Kaladi, ao pilla pilla, ao xadrez, á goma e ao volante cos meus amigos. A miña nai é modista e o meu pai traballa no campo. No meu pobo o goberno está construíndo carreteras de cemento. Participamos en todos os programas da Fundación Vicente Ferrer. Moitos Besos. Pavani. 

viernes, 29 de abril de 2016

CARTA PAVANI


Acabamos de recibir unha nova carta de Pavani, a nena que temos apadriñada na India a través da Fundación Vicente Ferrer. Transcribimos as súas palabras: 
 
Namaste! A miña familia mais eu estamos ben e esperamos que vós tamén o esteades. Estudo 4º curso na escola residencial do goberno. Fixen os exames semestrais e saquei boas notas. Os meus irmáns estudan moito. Tiven as vacacións das festas de Nadal  Samkanthi. Celebramos Samkanthi moi ben. Ese día merquei pulseiras e xoguetes. Os meus pais traballan no campo. A miña familia mais eu vos mandamos un forte abrazo. Pavani.

jueves, 17 de septiembre de 2015

CARTA DE PAVANI



Iniciamos un novo curso, nin máis nin menos que o 2015-2016... (como pasa o tempo), e a carta da nosa amiga Pavani non tardou en chegar á nosa escola. Como todos/as ben sabedes, Pavani é unha nena da India a quen temos apadriñada desde fai anos a través da Fundación Vicente Ferrer. Nesta carta (escrita por ela en alfabeto telegu e traducida ao castelán por voluntarios/as que viven e colaboran no proxecto que a Fundación Vicente Ferrer ten en Anantapur (India), Pavani cóntanos as últimas novidades da súa vida. Queredes estar ao día? Pois prestar atención:

Queridos amigos/as. Alégrome moito de poder escribirvos esta carta outra vez. Estou contenta de darvos unha boa nova: aprobei de 6º a 7º curso. Desde o 24 de abril ate o 11 de xuño estiven de vacacións de verán. Nestes días fun ao pobo dos meus familiares e divertinme moito. Durante o verán fai moita calor. En abril celebramos unha festa local da Deusa Peddanma. Eu comprei pulseiras e divertinme moito. Teño amigas na escola. Os meus pais son xornaleiros. Empezou o verán, que é desde marzo ata maio. Agradézovos moito a vosa axuda. Pavani. 

lunes, 18 de mayo de 2015

CARTA DE PAVANI



         Queridos amigos e amigas:

       Namasté. Estou ben de saúde e espero que vós tamén o esteades. Estudo 6º de primaria na escola do goberno no pobo de Ramagiri. Xa fixen os exames semestrais e saquei moi boas notas. A miña tía deu a luz un neno no mes de marzo. É moi guapo. O quero moito. A miña nai traballa como mestra na escola da Fundación Vicente Ferrer e gana 1000 rupias ao mes. No mes de novembro celebramos a festa de Moharam. Ese día rezamos aos deuses hindús e musulmáns xuntos. Nesa celebración os meus familiares viñeron á miña casa. Paseino moi ben con eles. Moitas grazas pola vosa axuda. Con cariño. Pavani.

jueves, 25 de septiembre de 2014

PAVANI 2014



Iniciamos o curso académico 2014-2015 cunha carta de Pavani, a nosa amiguiña da India que está a ser apadriñada polo alumnado do CPI Virxe da Cela dentro dun programa da Fundación Vicente Ferrer. Fai xa case catro anos que o alumnado que cursaba entón 4º da ESO tivo esta iniciativa, e desde entón, ano tras ano, estes alumnos/as que deixan o noso colexio, pasan o relevo á nova clase de 4º da ESO. Transcribimos a continuación a carta que Pavani escribiu en lingua telegu aos seus padriños e madriñas: 


     Queridos amigos/as: 

      Aquí estamos moi ben de saúde e esperamos que tamén o esteades vos. Pasei o 6º curso, por iso estou moi contenta desde que sei esa noticia. Tiven as vacacións de verán desde o 24 de abril ao 12 de xuño. Nestes días, a Fundación Vicente Ferrer deu unhas clases especiais aos alumnos/as de 6º curso para as materias de Hindi, Inglés, Telegu e Matemáticas, e eu tamén asistín a elas. Fun á cidade de Bangalore. Alí viven os meus tíos. Os meus pais traballan no campo. 

       Moitas grazas pola vosa axuda. Pavani.

martes, 3 de junio de 2014

O SOÑO DE PAVANI: TEATRO DO OPRIMIDO

Este ano o alumnado da ESO do CPI Virxe da Cela tivo a oportunidade de descubrir o "Teatro do Oprimido" a través da compañía 100tol@s, enmarcando esta actividade dentro do programa Cooperación Galega "O mundo que queremos" (Plan Proxecta). Encantounos a idea de poder intervir no devenir das historias, xa que como espectadores podemos reflexionar sobre o que é ou non é xusto, e se nos ofrecen saír ao escenario podemos actuar para buscar un final feliz. 

Partindo pois dos preceptos do "teatro do oprimido" e inspirándonos na figura de Pavani, esa nena india de 10 anos que o noso colexio ten apadriñada a través da Fundación Vicente Ferrer, o alumnado de Atención Educativa de 1º da ESO escribiu a seguinte historia: "O soño de Pavani". Un título moi poético e aberto, que nos invita a pensar que todo cambio é posible, e que se perseguimos con tenacidade os nosos soños, estos poderán convertirse en realidade...

 

viernes, 25 de abril de 2014

CARTA PAVANI ABRIL 2014




No mes de abril de 2014 recibimos un sobre da Fundación Vicente Ferrer, na que aparece manuscrita cunha fermosa grafía unha nova carta da nosa amiga Pavani, esa rapaza india que o alumnado do CPI Virxe da Cela ten apadriñada a través da FVF. Grazas a esta iniciativa que tiveron fai tres anos os rapaces e rapazas de 4º da ESO, a nosa amiga Pavani pode asistir á escola. Os seus avances son evidentes, tan como narra na súa carta. Ademais, o feito de que ela mesma, co seu puño e letra, fose quen de redactala, significa que todos xuntos apoiamos o dereito á educación e loitamos contra a lacra do analfabetismo, aínda tan presente en moitos países do mundo. Deixámosvos pois coas novas de Pavani, que os voluntarios da FVF traduciron ao castelán: 

 ¡Namaté! Me encuentro bien de salud, espero que vosotros también lo estéis. Estudio 5º curso. He hecho los exámenes semestrales muy bien, saqué buenas notas. Así que estoy muy contenta de decíroslo. En mi pueblo, la escuela de la Fundación organizó un concurso de preguntas y respuestas. Participé en la asignatura de Telegu. En mi escuela, el 26 de enero celebramos el “Día de la República”. Ese día nos organizan deportes. Participé en la carrera y gané un premio, por eso estoy muy contenta. En mi pueblo no ha llovido mucho. Así que no recogimos la cosecha de cacahuetes. Muchas gracias por todo vuestro apoyo. Pavani.



miércoles, 18 de septiembre de 2013

INICIAMOS O CURSO CON NOVAS DE PAVANI




A finais de outubro a nosa amiga Pavani cumplirá dez anos. Coñecímola fai tres anos, a través da iniciativa dos propios alumnos/as que daquela cursaban 4º da ESO, que decidiron comezar un programa de apadriñamento a través da Fundación Vicente Ferrer. Ano tras ano os alumnos/as de 4º que rematan os seus estudos no CPI Virxe da Cela pásanlle o relevo a unha nova promoción. Anualmente recibimos unha carta de Pavani, falándonos da súa vida e dos seus progresos. A verdade e que é moi emocionante saber que a través da nosa axuda esta nena da India ten na actualidade acceso á educación, e isto marcará o seu futuro e o da súa familia. Acabamos de recibir a última das súas cartas, na que Pavani nos relata o éxito nos seus estudos, as actividades que levou a cabo durante o verán e incluso fálanos das súas mellores amigas. E, importantísimo, nesta ocasión Pavani escribiu a carta co seu puño e letra, polo tanto son máis que evidentes os seus avances, tendo en conta que son aínda moitísimos os nenos e nenas dese país que non teñen acceso á educación.

viernes, 19 de abril de 2013

VISITA DE ENTRECULTURAS AO CPI VIRXE DA CELA





O pasado venres 19 de abril de 2013 contamos coa visita de Sandra Couso, técnico de Entreculturas e persoa moi querida no noso cole. Aínda que moi breve esta visita (soamente dispuxemos de unha xornada de clase), foi á vez moi fructífera, xa que ademais de revisar o traballo que o alumnado de 1º da ESO está a desenvolver dentro do "Proxecto Compartido Norte-Sur", Sandra motivou aos rapaces e rapazas a reflexionar sobre a importancia de educación, e como resultado surdiron grandes ideas.

Os rapaces e rapazas de 1º da ESO do CPI Virxe da Cela demandaron a elaboración de presentacións individuais por parte do resto dos alumnos/as que están a participar no proxecto, e desta forma, coñecernos todos un pouquiño mellor.

Visitamos a páxina de Entreculturas que apoia a campaña da SAME 2013 (Semana de Acción Mundial pola Educación), que este ano leva o título "Sen profes non hai escola". Mergullámonos por ese mapa mundi que reflexa a cantidade de áreas nos diferentes continentes que aínda carecen do profesorado necesario para levar a cabo o gran proxecto da EDUCACIÓN. O vindeiro luns 22 de abril voltaremos a esta páxina para facer individualmente as nosas aportacións, e aínda que sexa dunha maneira simbólica, trataremos de acadar o obxectivo.

Unha das grandes ideas que tiveron lugar froito desta visita foi a de poñer todos os medios para convidar a nosa amiga Pavani, a nena india que temos apadriñada a través da Fundación Vicente Ferrer, a visitar Monfero e compartir unha experiencia máis real. Para o próximo curso pensaremos en diferentes accións para finanzar a súa viaxe, ao igual que solicitar todos os permisos pertinentes. Todo é posible se estamos comprometidos coa nosa causa.






sábado, 13 de abril de 2013

NOVA CARTA DE PAVANI


Pavani, a nena india apadriñada polo alumnado de 4º da ESO, enviounos unha carta con un debuxo. Nesta carta podemos ver a evolución escolar desta rapaza, que coa axuda dos nenos e nenas de Monfero, será quen de aprender e educarse nunha escola da Fundación Vicente Ferrer, e deste xeito poder ter a oportunidade de loitar por un cambio no futuro de moitas nenas e mulleres da India. Sabemos que o sistema de castas é moi inxusto, e que para unha nena "dalit" ou "intocable", como é Pavani, é case imposible sair do círculo pechado da pobreza: nacida en familia pobre e predestinada a casar a través dun matrimonio de conveniencia cun home da súa mesma casta, e traer fillos e fillas ao mundo que tampouco poderán escapar da pobreza e o estigma social. Grazas únicamente á educación, Pavani poderá converterse nunha muller independiente, acadar un traballo digno e ascender a escala social, escapando das imposicións dunha sociedade inxusta. 

Sasi Cutti, o representante da Fundación Vicente Ferrer, que o pasado martes 9 de abril visitou a nosa escola, prometeunos visitar a Pavani unha vez regrese á India e transmitirlle os nosos saúdos personalmente.


viernes, 9 de noviembre de 2012

PROGRAMA APADRIÑA UN/UNHA NENO/A

A comezos do mes de novembro o alumnado de 4º da ESO elaborou unha taboa de pagamentos para determinar o número de alumnos/as e profesores/as que durante este curso escolar participarán no programa "Apadriña un/unha neno/a", da FVF. Por segundo ano consecutivo unha nena da India, chamada Pavani, terá acceso á educación, e deste xeito aumentarán as posibilidades de transformar no futuro a súa vida e a da súa familia, xa que as posibilidades de desenvolvemento no districto de Anantapur (A India) son moi reducidas por mor da pobreza. Estas posibilides van en aumento grazas ao traballo da Fundación Vicente Ferrer, que desenvolve proxectos en diferentes eidos: sanidade, educación, vivenda, etc. Mostramos un debuxo que acabamos de recibir da nosa nena Pavani, e esperamos en breves ofrecerlle unha resposta, elaborando unha carta de presentación dos seus novos/as "padriños/as" de Monfero:

Lucía Bouzón Díaz
Elisa Fernández Martínez
Sandra Fernández Rodríguez
Antonio González López
Lucía Otero Rodríguez
Natalia Rodríguez Iglesias
Kevin Rubianes Deibeç
Yaiza Seijas Abeal
Daniel Vázquez Coira
Oscar Vidal Couceiro