Mostrando entradas con la etiqueta Rede de Centros Escolares Solidarios. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Rede de Centros Escolares Solidarios. Mostrar todas las entradas

lunes, 23 de junio de 2025

Save the Children. Carreira Solidaria

Desde Save the Children chegounos un correo de agradecemento pola colaboración do conxunto da Comunidade educativa na carreira solidaria pola infancia que precisa de protección. Aquí deixamos a mensaxe e o diploma de participación. Parabens!!! Alumnado e familias

GRAZAS!.

Querida comunidade educativa,

O 20/06/2025 recibimos un ingreso pola cantidade de 400€ do voso centro.

En nome dos nenos e nenas dos nosos programas, queremos agradecer profundamente o voso esforzo e dedicación. Grazas por implicarvos con tanta ilusión e por transmitir a importancia desta causa ao voso alumnado, que, co seu entusiasmo, puxo en marcha todos os recursos ao seu alcance para apoiar aos máis vulnerables.

Grazas tamén ás familias que contribuíron xerosa e solidariamente co seu donativo. O seu apoio permítenos seguir loitando polos Dereitos da Infancia, garantindo que os nenos e nenas sobrevivan, accedan a unha educación de calidade e estean protexidos; en definitiva, que teñan a oportunidade dun futuro mellor.

Facémosvos chegar tamén o noso selo de centro solidario. Podede descargalo e incluílo na vosa web ou blogue. Este selo representa todo aquilo polo que traballamos en conxunto: a defensa dos Dereitos da Infancia.

A vosa solidariedade marca a diferenza.

Con gratitude,

Equipo de Centros Escolares 

Diploma_15087_20250623 (1).pdf de Maria del Camino

lunes, 15 de febrero de 2016

MÓVETE

             








 A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, inaugurou hoxe este proxecto piloto no CEIP Virxe da Cela de Monfero. A iniciativa tamén se levará a cabo no CEIP das Fontiñas de Santiago e no da Lomba en Vilagarcía de Arousa. O programa “Móvete” pretende ser un instrumento para a formación integral dos estudantes máis novos a través de valores asociados ao voluntariado e á solidariedade dende un contexto lúdico e vincula á música como elemento de motivación. A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, inicia de xeito experimental o programa “Móvete” de dinamización do voluntariado entre o alumnado dos primeiros cursos de educación Primaria. 

Este proxecto piloto levarase a cabo en tres centros de ensinanza Infantil e Primaria: o Virxe da Cela de Monfero, o das Fontiñas de Santiago e o da Lomba en Vilagarcía de Arousa. En total, participarán en Móvete ata final de curso máis dun cento de nenos e nenas entre os 6 e os 10 anos de idade. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, inaugurou esta mañá este programa no CEIP Monfero, que “pretende ser un instrumento para a formación integral dos estudantes máis novos a través dos valores asociados ao voluntariado e á solidariedade dende un contexto lúdico e vinculado á música como elemento de motivación”, dixo. 

 Así, este programa conta como base coa canción e o vídeo “Móvete” de Paco Nogueiras, a través da que se elaborará unha unidade didáctica de aplicación a través duns obradoiros en cada centro. Os obxectivos da unidade didáctica céntranse na posta en valor da solidariedade e na acción voluntaria como medio para mellorar as realidades dos máis desfavorecidos. Accións solidarias en cada centro. Nas unidades didácticas cada centro escollerá unha acción solidaria para desenvolver co alumnado, que estará adecuada ás idades do grupo seleccionado e que poderá ser de sensibilización ou dun carácter máis activo, segundo o diagnosticado nos obradoiros iniciais. 

 Por último, Cecilia Vázquez destacou que “con este proxecto estamos en disposición de ofrecerlles aos mozos e mozas galegos a posibilidades de que desenvolvan un itinerario voluntario completo e continuo”. De tal xeito que este itinerario comeza en Primaria con Móvete, segue con Pasaporte Solidario –dirixido a rapaces de ata 12 anos-, continua coa Rede de Centros Solidarios para estudantes de Secundaria, e complétase co Servizo de Voluntariado Xuvenil, que se prolonga ata os 30 anos.


miércoles, 3 de junio de 2015

III ENCONTRO DA RCES







     Aínda que nesta ocasión o CPI Virxe da Cela non poido asistir ao III Encontro da Rede de Centros Escolares Solidarios (RCES-Plan Proxecta-Xunta Galicia), deixamos neste espazo unha crónica da actividade:    

     O pasado 28 de maio tivo lugar na Cidade da Cultura o III Encontro da Rede de Centros Escolares Solidarios, na que 110 alumnos e alumnas e 12 profesores e profesoras de 7 centros da rede compartiron proxectos, experiencias e iniciativas de gran valor educativo e impacto solidario. A xornada iniciouse coa inauguración por parte de Alberto Otero Peña, subdirector xeral de Voluntariado e Participación, e por parte de Felicitas Rodríguez González, xefa de departamento da Sociedade da Información. 
    Despois da inauguración puidemos ollar as micromovies elaboradas polo alumnado, referidas a temáticas moi diversas: a etnia xitana, cooperación para o desenvolvemento, o bullyng e o consumo de drogas … e onde a acción voluntaria e a solidaridade xogaban un papel esencial no seu deseño. A continuación puidemos coñecer de primeira man o resultado do II Encontro Construíndo redes, celebrado no albergue Lug-II e onde se elaborou un lipdub da canción da RCES e se determinaron as accións a realizar para o vindeiro día internacional do voluntariado. Antes de rematar a actividade matutina visionamos diversos spots solidarios realizados polos centros da rede e que son en si mesmos instrumentos para a dinamización do voluntariado. 
    Despois dun merecido descanso tivemos espazo para interactuar, comunicar e facer rede, e alí traballamos na elaboración dun lema, coñecer o que é un comité solidario ou realizar fotos solidarias moi creativas. Tralo xantar desenvolvemos o espazo interactivo aberto onde se daban a coñecer os proxectos dos centros, a realización das actividades solidarias a compartir, un mercado do troco, un “World café” para o profesorado, e puidemos asistir ao “Volunradio”, primeiro programa de radio da RCES con entrevistas, información, publicidade solidaria, e que permitiu coñecer un pouco máis a RCES. 
     O encontro rematou coa gravación do videoclip da canción da RCES “móvete” composta por Paco Nogueiras, e na que contamos coa colaboración do alumnado do CEIP de Fontiñas na elaboración da coreografía. Finalmente desfrutamos dun miniconcerto de Paco Nogueiras que puxo fin a unha intensa xornada chea de amizade, valor educativo e compromiso solidario.

sábado, 28 de febrero de 2015

II XORNADA CONSTRUÍNDO REDES

Andrea Brage e Ana Pena, ambas alumnas de 2º da ESO do CPI Virxe da Cela, representaron ao noso centro na II Xornada Construíndo Redes, que tivo lugar no Albergue Xuvenil de Lugo o pasado fin de semana (28 febreiro a 1 de marzo de 2015), e á que acudiron unha vintena de mozos/zas galegos que cursan estudos nos centros participantes na Rede de Centros Escolares Solidarios (RCES), da Xunta de Galicia (Plan Proxecta).  

Ademais de compartir e intercambiar experiencias, esta xuntanza tiña como obxectivo fundamental deseñar parte do programa do III Encontro do Alumnado da RCES (programado para finais deste curso académico 2014-2015) e idear unha acción conxunta para realizar de xeito compartido o Día Internacional do Voluntariado.








viernes, 28 de marzo de 2014

SE TI PODES... POR QUE NON?
















Esta frase tan directa é a elixida polo alumnado de 1º da ESO do CPI Virxe da Cela para lanzar unha campaña en prol do voluntariado, obxectivo principal do obradoiro impartido por Ramón Molina dentro do programa "Rede de Centros Escolares Solidarios" do Plan Proxecta. Así que estes rapaces e rapazas pasarán todo o día de hoxe deseñando un guión e finalmente gravando as imaxes que ilustrarán un spot publicitario.

domingo, 16 de marzo de 2014

XORNADA DE CONVIVENCIA NA REDE DE CENTROS ESCOLARES SOLIDARIOS

A pasada fin de semana do 15 e 16 de marzo xuntáronse no Albergue Xuvenil Lug II de Lugo 17 mozos e mozas, de idades comprendidas entre os 12 e 17 anos, procedentes dos nove dos centros de ensino que forman parte da Rede de Centros Escolares Solidarios. Antía e Sofía (3º ESO) foron as representantes do noso centro, o CPI Virxe da Cela. Durante a xornada de convivencia os rapaces e rapazas participantes elaboraron ata 5 propostas de logo que servirán para identificar a Rede de Centros Escolares Solidarios (a proposta final vai sair elexida por todo o alumnado integrante da RCES) e traballaron na definiron dunha acción solidaria conxunta de cara a conmemorar o Día Internacional do Voluntariado, que cada ano se celebra o 5 de decembro. Outra das actividades desenvolvidas foi a elaboración de pulseiras solidarias+abrazos solidarios... unha combinación perfecta que pronto teremos a oportunidade de coñecer. Se queredes acceder á noticia desde a páxina do voluntariado galego, premede na seguinte imaxe: 



 

http://www.voluntariadogalego.org/web/index.php?mod=not&ide=2224



domingo, 1 de diciembre de 2013

RCES: REDE DE CENTROS ESCOLARES SOLIDARIOS

A continuación vemos unha fotografía de Ramón Molina, encargado de impartir o obradoiro "Rede de Centros Escolares Solidarios", na Xornada de Formación Inicial do Plan Proxecta 2013-2014. Na súa intervención fixo un percorrido polas diferentes fases que tiveron lugar dentro do proxecto no pasado curso académico, centrándose na actividade "Micromovies en Prol do Voluntariado". Podedes tamén visionar un video que ilustra todo o proceso.

viernes, 29 de noviembre de 2013

A XERACIÓN DE CULTURA DE CENTRO DESDE A ACCIÓN SOLIDARIA

O pasado sábado 30 de novembro asistimos á Xornada Inicial do Plan Proxecta 2014-2014, que tivo lugar no Instituto Politécnico de Santiago. Estas xornadas deron cabida á presentación do noso proxecto Monferosolidario baixo o formato experiencia de centro e baixo o título de "A xeración de cultura de centro desde a acción solidaria", dentro da formación específica para o proxecto Rede de Centros Escolares Solidarios. Conxuntamente con outros centros educativos galegos que están nesta rede, tratamos de realizar unha planificación para o presente curso académico 2013-2014.



 

lunes, 7 de octubre de 2013

CRÓNICA DO I ENCONTRO DE CENTROS SOLIDARIOS PLAN PROXECTA

Case unha treintena de alumnos/as e dúas profesoras participamos no I Encontro de Centros Galegos Solidarios, que tivo lugar o pasado venres 4 de outubro en Santiago de Compostela. Partimos ben cedo de Monfero para chegar a tempo á inauguración do Encontro, prevista para as 10:30 de mañá, econtando nin máis nin menos que coa presenza e discurso de Beatriz Mato Otero, Conselleira de Traballo e Benestar, quen enmarcou esta actividade dentro do Plan de Voluntariado da Xunta de Galicia. Acto seguido o noso ben coñecido Ramón Molina, alma mater do proxecto "Micromovies en Prol do Voluntariado", foi o encargado de presentar, guiar e dinamizar toda a xornada. Noraboa, Ramón, por ter toda esa enerxía e entusiasmo, e pola túa dedicación (comprendemos que foron moitísimas as horas empregadas para a montaxe das micromovies e para a preparación deste encontro). E ao fin... o máis esperado... poder ver o resultado das gravacións nos sete centros participantes e comprobar a cantidade e a calidade das iniciativas levadas a cabo en cada un deles.

A nosa compañeira Antía (3º ESO) foi a encargada de saír ao escenario e presentar o CPI Virxe da Cela, describindo as nosas actividades e perfilando a nosa filosofía de traballo. O resultado da micromovie... xa está á vosa disposición. E para todos vós, os rapaces e rapazas que este ano xa non estades no noso centro e que tedes unha presenza tan notable na micromovie... os nosos parabéns. Vaia dotes interpretativas!!!




Despois de permanecer sentados e atentos toda a sesión de mañá, na proxección das micromovies, a planificación para a tarde estivo centrada en actividades máis dinámicas e participativas, nas que todos os asistentes mesturámonos na colectividade, tendo a oportunidade de coñecer a outros alumnos/as e profes, e entre todos levando a cabo xogos e dinámicas do máis divertido. Paralelamente podíase visitar os "stands" dos diferentes centros, donde atopábamos documentos e obxectos que ilustraban as súas actividades solidarias, e incluso falar directamente, para o intercambio de impresións. O noso compañeiro Iago (4º ESO) exerceu a figura de xornalista, e con micrófono a man, foi achegándose aos alí presentes para recoller as súas impresións. Posteriormente o seu compañeiro Adrián (4º ESO) realizou unha entrevista do mais "formal" a Alberto Otero, Subdirector Xeral de Voluntariado, quen agradeceu a toda a mocidade polo seu compromiso.






Como punto final da xornada realizouse un "mercado do troco", onde cada quen poido intercambiar un obxecto traído da casa e que posiblemente estaba en desuso, con un novo obxecto que captara a nosa atención, previo "regateo" entre os protagonistas do troco.

Se queredes ampliar información sobre este encontro, podedes premer na seguinte imaxe, que será o enlace que vos levará á páxina web do servizo de voluntariado galego.



jueves, 3 de octubre de 2013

I ENCONTRO DE CENTROS ESCOLARES SOLIDARIOS

Estades preparados para o I Encontro de Centros Escolares Solidarios? Por suposto que si. Un grupo de 30 alumnos/as da ESO e dúas profesoras representarán ao CPI Virxe da Cela no I Encontro de Centros Escolares Solidarios, que terá lugar mañá venres 4 de outubro de 2013. Reunirémonos no Hotel Congreso de Santiago de Compostela xunto con outros escolares e profesores/as dos restantes seis centros educativos que conformamos a Rede de Centros Escolares Solidarios do Plan Proxecta, para a presentación das "Micromovies en prol do voluntariado" que realizamos o pasado curso académico 2012-2013. Sabemos que será unha oportunidade única para o intercambio de experiencias, para aprender xogando e para coñecer a outros mozos e mozas que cren que o cambio é posible e é responsabilidade de todos e todas. Penduramos o programa do encontro, e estade ben atentos/as porque mañá subiremos ao blogue o video da micromovie gravada no noso centro, xunto con todas as fotos do encontro.



domingo, 2 de diciembre de 2012

MONFEROSOLIDARIO NA REDE DE CENTROS ESCOLARES SOLIDARIOS, DO PLAN PROXECTA


O pasado sábado 1 de decembro de 2012 as coordinadoras de Monferosolidario asistimos á xornada de formación inicial do Plan Proxecta, celebradas na Universidade Laboral (Culleredo). Cunha duración de 8 horas, estas xornadas de formación ofrecéronnos unha visión global dos obxectivos e liñas estratéxicas do Plan Proxecta, así como unha visión máis detallada dos 18 programas específicos que conforman este plan. O CPI Virxe da Cela é un dos seis centros galegos incluídos na REDE DE CENTROS ESCOLARES SOLIDARIOS, a través do noso proxecto Monferosolidario. Próximamente as coordinadoras de Monferosolidario reunirémonos co resto do profesorado do noso centro inscrito no Plan Proxecta para deseñar as liñas de actuación conxunta para desenvolver nos próximos meses, e así poder ir aumentando paulatinamente actividades que promovan a solidariedade, a participación e o compromiso a través das diferentes materias do currículo.