lunes, 7 de octubre de 2013

CRÓNICA DO I ENCONTRO DE CENTROS SOLIDARIOS PLAN PROXECTA

Case unha treintena de alumnos/as e dúas profesoras participamos no I Encontro de Centros Galegos Solidarios, que tivo lugar o pasado venres 4 de outubro en Santiago de Compostela. Partimos ben cedo de Monfero para chegar a tempo á inauguración do Encontro, prevista para as 10:30 de mañá, econtando nin máis nin menos que coa presenza e discurso de Beatriz Mato Otero, Conselleira de Traballo e Benestar, quen enmarcou esta actividade dentro do Plan de Voluntariado da Xunta de Galicia. Acto seguido o noso ben coñecido Ramón Molina, alma mater do proxecto "Micromovies en Prol do Voluntariado", foi o encargado de presentar, guiar e dinamizar toda a xornada. Noraboa, Ramón, por ter toda esa enerxía e entusiasmo, e pola túa dedicación (comprendemos que foron moitísimas as horas empregadas para a montaxe das micromovies e para a preparación deste encontro). E ao fin... o máis esperado... poder ver o resultado das gravacións nos sete centros participantes e comprobar a cantidade e a calidade das iniciativas levadas a cabo en cada un deles.

A nosa compañeira Antía (3º ESO) foi a encargada de saír ao escenario e presentar o CPI Virxe da Cela, describindo as nosas actividades e perfilando a nosa filosofía de traballo. O resultado da micromovie... xa está á vosa disposición. E para todos vós, os rapaces e rapazas que este ano xa non estades no noso centro e que tedes unha presenza tan notable na micromovie... os nosos parabéns. Vaia dotes interpretativas!!!




Despois de permanecer sentados e atentos toda a sesión de mañá, na proxección das micromovies, a planificación para a tarde estivo centrada en actividades máis dinámicas e participativas, nas que todos os asistentes mesturámonos na colectividade, tendo a oportunidade de coñecer a outros alumnos/as e profes, e entre todos levando a cabo xogos e dinámicas do máis divertido. Paralelamente podíase visitar os "stands" dos diferentes centros, donde atopábamos documentos e obxectos que ilustraban as súas actividades solidarias, e incluso falar directamente, para o intercambio de impresións. O noso compañeiro Iago (4º ESO) exerceu a figura de xornalista, e con micrófono a man, foi achegándose aos alí presentes para recoller as súas impresións. Posteriormente o seu compañeiro Adrián (4º ESO) realizou unha entrevista do mais "formal" a Alberto Otero, Subdirector Xeral de Voluntariado, quen agradeceu a toda a mocidade polo seu compromiso.






Como punto final da xornada realizouse un "mercado do troco", onde cada quen poido intercambiar un obxecto traído da casa e que posiblemente estaba en desuso, con un novo obxecto que captara a nosa atención, previo "regateo" entre os protagonistas do troco.

Se queredes ampliar información sobre este encontro, podedes premer na seguinte imaxe, que será o enlace que vos levará á páxina web do servizo de voluntariado galego.



No hay comentarios:

Publicar un comentario