Mostrando entradas con la etiqueta Pinadari School. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Pinadari School. Mostrar todas las entradas

viernes, 30 de mayo de 2014

PINNADARI SCHOOL








Inmediatamente despois da apertura do paquete da Pinnadari School (A India), o alumnado de 1º da ESO reuniuse na aula de usos múltiples para facer unha lectura en voz alta da carta de presentación que contén o dossier enviado polos nosos amigos da India a través do proxecto School to School (Fundación Vicente Ferrer). Antía, Iván e Carlos foron os encargados de poñer voz a esa carta, que ademais de vir escrita en lingua telegu (dialecto falado na zona de Anantapur), contiña unha tradución ao castelán. É moi interesante poder coñecer unha cultura tan diferente á nosa, aínda que se o pensamos ben, a pesares da enorme diversidade todos os seres humanos están unidos por uns lazos comúns: podemos comprobar que aos nenos/as da India gústalles xogar, aprender, realizar festas e festivais... Agradecémoslles toda esa información que foi elaborada manualmente sen a xa imprescindible “tecnoloxía”, e está perfectamente presentada, trocando as ferramentas dixitais por outras analóxicas... É curioso poder comprobar que aínda utilizan o pegamento para pegar fotos en lugar do xa habitual “copiar+pegar”, que fan a mano fermosas filigranas con rotuladores de cores que serven de marco ao papel, e un sen fin de cousas máis. No noso blogue Monferosolidario tendes pendurado o dossier completamente escaneado, para que con moita calma podades facer unha viaxe moito máis profunda...

miércoles, 28 de mayo de 2014

CHEGOU O PAQUETE DA INDIA!!!

Chegou o ansiado paquete que estábamos esperando!!! Vén da India, en concreto da Pinadari School, situada nunha aldea de Anantapur, nas lonxanas terras da India… Sabiamos que estaba a piques de chegar, e … nin que estivéramos totalmente sincronizados!!! Fai escasamente unha semana que enviamos o noso paquete á India, repleto de traballos realizados polo alumnado de Educación Infantil e de 1º da ESO do CPI Virxe da Cela durante o presente curso académico 2013-2014 dentro do programa “School to School”, da Fundación Vicente Ferrer.
Pois para celebrar tan importante momento, a apertura deste enigmático paquete, reunímonos todos os “axentes implicados”  o pasado mércores 28 de maio de 2014 na aula da profe Oliva, isto é, Educación Infantil de 3 anos: os nenos e nenas das dúas aulas de infantil coas súas respectivas profes (Vane e Oliva), os mozos e mozas de 1º da ESO coas profes Verónica (Atención Educativa) e Yolanda (Relixión), xa que nestas materias desenvolveron o proxecto. Foi unha xornada inesquecible… a verdade é que hai que repetir estas xuntanzas máis a cotío, na que ademais do acto “académico”  saboreamos unhas deliciosas “pombiñas de millo” que nos fixo nun “plis-plás” a profe Oliva, que é “todo-terreo”: tanto se lle da cultivar tomates e pementos cos pequerrechos que poñer un mandil e deleitarnos coas súas delicias gastronómicas!!!
Andrea e Tania, as nosas “mascotas” de Monferosolidario, foron as encargadas de dinamizar esta actividade: sabemos que teñen moitas táboas nas artes da docencia, xa que pasan moitos dos seus recreos visitando aos pequenos e pequenas de infantil para xogar con eles e tamén de paso transmitir os seus saberes. Abriron o sobre e explicáronnos o contido do “dossier”: unha carta escrita en lingua telegu (o dialecto que se fala en Anantapur), a verdade é que aínda que non se entendía nada, era curioso describir un novo alfabeto con eses caracteres  tan fermosos e artísticos. O dossier tamén recollía os debuxos dos nenos e nenas da India, así como unha pila de fotografías que a profe Vane amosou aos seus alumnos/as indicando semellanzas e diferenzas coa nosa cultura. 
Se a chegada deste sobre supón unha celebración no noso cole, esperamos que os nenos e nenas da Pinadari School podan disfrutar dunha xornada tan divertida e interesante cando reciban o noso paquete!!!