Mostrando entradas con la etiqueta 2º ESO. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta 2º ESO. Mostrar todas las entradas

miércoles, 11 de junio de 2025

Radio cun sorriso: por un horario escolar feliz. Á procura do consenso sobre o horario escolar no CPI Virxe da Cela.

O alumnado de 2º da ESO do CPI Virxe da Cela de Monfero levou a cabo unha investigación sobre os motivos polos que se fixou o actual horario escolar e as consecuencias que ten na distribución do seu tempo de estudo e lecer. O resultado foi a elaboración dun programa de radio no que se realizou unha enquisa entre as alumnas e alumnos do centro para coñecer o grao de conformidade co horario no que se desenvolve a xornada escolar e unha entrevista á directora, que resolveu dúbidas e orientou de cara á posibilidade de lograr cambios.

Imaxe representativa da proposta realizada polo alumnado de 2º da ESO.

Esta experiencia radiofónica pretende que o alumnado se familiarice coas formas de participación que regulan a vida dun centro e se implique nos procedementos para obrar transformacións que redunden na mellora da calidade educativa, contribuíndo ao desenvolvemento do obxectivo 4 das ODS: “Garantir unha educación de calidade”. 

Descrición do proceso (e accións principais). Como se desenvolveu.

O proxecto desenvolveuse entre os meses de xaneiro e xuño de 2025 abranguendo un total de cinco sesións impartidas cunha periodicidade mensual por unha profesional da comunicación da agrupación AGARESO. Na primeira sesión o alumnado propuxo varios temas do seu interese e despois de poñelos en común decidiron investigar sobre un asunto que os concernía especialmente, o horario escolar. A partir de aí, elaboraron un plan de traballo e un guión de programa radiofónico que concluiría coa entrevista a María del Camino Pereiro González, directora do CPI da Virxe da Cela, que ofreceu información contrastada e fundamentada sobre o tema.   

(LUCES)

Que situacións actuais no noso arredor nos preocupan?

A experiencia comezaba preguntando ao alumnado sobre situacións actuais que os afectaban ou preocupaban especialmente. Cada participante escribiu nun post-it os asuntos do seu interese e expúxoos diante dos demais para despois proceder a unha votación mediante puntos adhesivos de cores.  A elección foi practicamente unánime, pois sentían que o feito de entrar máis tarde que noutros centros condicionaba o seu día a día. Decidida a temática, o alumnado abordou o asunto a partir das seguintes preguntas: por que entramos tan tarde?, quen decidiu o horario?,  estamos conformes?, como afecta as nosas vidas?, é posible entrar máis cedo e que non se alongue a xornada pola tarde? Tras o debate en grupo, o alumnado decidiu facer unha entrevista á directora do centro para informarse máis sobre o tema e unha enquisa entre o alumnado para saber se estaban de acordo co horario actual e se coñecían as causas de entrar máis tarde do normal.

(CÁMARA)

Por que entramos máis tarde que noutros centros? Estamos de acordo co actual horario?

No proceso de análise chegouse á conclusión de que entrar ás 9.45 condicionaba a xornada de alumnado e familias. O feito de entrar a esa hora retrasa a saída ata as 16.45 e ademais fai que se acurte o tempo para comer ao mediodía, obrigando en moitos casos a usar o comedor escolar. Para coñecer a opinión do alumnado do centro fíxose unha enquisa entre compañeiros e compañeiras de 1º, 3º e 4º da ESO e 6º de EP. Nela preguntábase cal crían que eran as razóns polas que entraban máis tarde que noutros centros e se  estaban de acordo co horario. A enquisa puxo de manifesto a desconformidade da maior parte do alumnado, que prefería saír antes pola tarde para dedicarllo a tarefas escolares e extraescolares ou dispor de máis tempo de lecer. Entre as causas, o alumnado destacou o horario dos autobuses, que se ocupan antes do transporte doutros centros. A enquisa foi gravada e emitida no programa de radio.

Imaxe realizada polo alumndo para representar a súa proposta de acción a partir desta investigación.
(ACCIÓN)

Pedimos unha entrevista coa directora do CPI Virxe da Cela

Despois de coñecer as preferencias do alumnado sobre o horario escolar, o grupo decidiu dirixirse á dirección do centro coa intención de afondar sobre os motivos que xustificaban o horario e saber se é posible cambialo.

Concertouse unha entrevista coa directora do CPI Virxe da Cela, Camino Pereiro González, que resolveu moitas das dúbidas, ofreceu o seu punto de vista, solidarizándose coas inquietudes do estudantado, invitou á reflexión e orientou para actuar no caso de que estivesen dispostos a intentar cambialo. 

Ao tempo, xa temos a nosa experiencia no Mapa de experiencias para a cidadanía global.
Cénit
Imaxe do mapa do Cenit onde se recolle a experiencia.


viernes, 26 de abril de 2024

STOP BULLYING

Hoxe, venres 26 de abril de 2024, remata a SAME (Semana de Acción Mundial pola Educación), unha celebración que se leva a cabo en máis de 124 países á que o noso centro, o CPI Virxe da Cela, leva uníndose dende máis dunha década. O lema da SAME deste ano 2024 é "Transforma-T para (con)vivir", e ten o foco no poder da educación para acabar cos discursos de ocio, aceptar as diferencias e resolver conflitos. 

A SAME (Semana de Acción Mundial pola Educación) é unha das actividades máis significativas da CME (Campaña Mundial pola Educación), coalición internacional que defende o dereito á educación de todas as persoas. 

Queremos contribuír a alcanzar os Obxectivos do Desenvolvento Sostible (Axenda 2030), traballando en torno ao ODS 4: "Garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade e promover oportunidades de aprendizaxe para toda a vida para todos e todas", e concretamente na campaña de 2024 enfocados no ODS 16: "Promover sociedades pacíficas e inclusivas, facilitar o acceso á xusticia para toda a poboación e crear institucións eficaces, responsables e inclusivas a todos os niveis". 

O alumnado de 2º da ESO realizou unha curtamentraxe baixo o título "Stop Bullying", examinando os discursos de odio, traballando a aceptación das diferencias e a resolución pacífica de conflitos, e  cuestionando e tratando de mudar as construcións sociais e culturais.