miércoles, 31 de enero de 2024

DÍA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA E DA PAZ.

O CPI Virxe da Cela unímonos á celebración do Día Escolar da non Violencia e a Paz. Esta actividade consistiu na elaboración dun mural conxunto achegando as aportacións das diferentes aulas a modo de vagón con palabras relacionadas coa paz: un poema, unha canción, titulares de noticia... unha proposta aberta para fomentar a diversidade e creatividade do alumnado. O martes 30 de xaneiro de 2024 o tren cos seus respectivos vagóns articulouse nun  taboleiro de cortiza do patio cuberto, e as diferentes clases/aulas foron visitalo ese día con motivo da conmemoración.  




jueves, 25 de enero de 2024

III PREMIO GALEGO EPDCG

 A Coordinadora Galega de ONG de Desenvolvemento ten o pracer de informar que, proximamente, no vindeiro mes de febreiro, se publicarán na nosa páxina web as Bases da Convocatoria da III Edición do Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global.

O propósito do galardón é recoñecer experiencias educativas transformadoras, realizadas durante o curso escolar 2022/23 e/ou 2023/24, que fomenten unha cidadanía solidaria, crítica e comprometida coa construción dun mundo máis xusto.

O premio contará con tres categorías de participación: Categoría A: Educación Infantil e Primaria; Categoría B: E.S.O, Bacharelato, Formación Profesional, Centros de Ensinanza de Réxime Especial e Ensinanzas Artísticas; Categoría C: Ensinanzas universitarias. Polo que poderán presentarse docentes ou equipos de docentes de centros de ensino e universidades galegas de titularidade pública, concertada ou privada que sexan oficialmente recoñecidos pola Consellería de Educación.

Nesta edición, o Premio incorpora como gran novidade, a dotación cunha viaxe a un proxecto de cooperación internacional en Guatemala cos gastos pagados para 6 docentes (2 profesores/as de cada centro gañador). Ademais da visita a Guatemala, as experiencias gañadoras recibirán tamén: un elemento distintivo para o centro; diplomas para o alumnado e certificados para o profesorado; a publicación das experiencias; a asistencia e participación protagonista na gala de entrega de premios.

A  próxima publicación das Bases da Convocatoria incluirá toda a información necesaria para participar: lugar e prazo de presentación de candidaturas; documentación que se debe achegar; criterios de valoración das iniciativas; composición do xurado avaliador; prazos de resolución e datas orientativas dos actos e viaxes.

A información previa está xa dispoñible na web da Coordinadora. Aquí tes o enlace: https://galiciasolidaria.org/o-premio-galego-de-educacion-convocarase-en-febreiro/

Por iso, dende a Coordinadora Galega de ONGD, queremos animar ao profesorado e centros de ensino galegos a participar achegando este avance d os puntos máis relevantes do certame.

Cando se publiquen as bases da nova convocatoria e se abra o prazo de presentación de candidaturas volveremos a informar.  Un saúdo e moitas grazas pola atención prestada.

III Premio Galego EPDCG by veracruces on Scribd

miércoles, 24 de enero de 2024

PILABOT: RECICLA CON ENERXÍA


Martes 24 de xaneiro de 2024. Reparto circular familias e contedores individuais de cartón para participar 
na V edición do Concurso Pilabot. Dito concurso ten como obxectivo fomentar a recollida selectiva de pilas e acumuladores portátiles entre o alumnado e a súa familia e o persoal do centro. Esta actividade estará coordinada polo alumnado do 2º curso da Ed. Primaria e piden a nosa colaboración. Desta forma, repartirán polas aulas uns pequenos contedores onde depositar as pilas e acumuladores usados que teñamos nos nosos fogares. O alumnado as poderá depositar, unha vez cheos, nos contedores colocados no centro para tal finalidade. Unha vez baleirados os poderán levar de novo para o fogar e así, seguir depositado neles estes residuos. Desta forma, queremos favorecer a xestión adecuada da súa recollida selectiva (ben no centro, ben noutros espazos dos Concellos destinados ao efecto). 

viernes, 19 de enero de 2024

CPI VIRXE DA CELA: 3º PREMIO INNOVAGAL 2023-2024

Parabéns a todo a comunidade educativa do CPI Plurilingüe Virxe da Cela, xa que a A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa vén de publicar a resolución pola que se resolven os premios educativos Innovagal para os centros docentes públicos da comunidade autónoma de Galicia durante o curso escolar 2023/24. O noso centro resultou premiado na categoría B,  correspondente a centros públicos integrados, institutos de educación secundaria e centros públicos de educación e promoción de adultos, concretamente acadando o Terceiro Premio. 

O CPI Plurilingüe Virxe da Cela fíxose co terceiro premio grazas ao seu proxecto de centro Monferosolidario, cunha aposta como  Unha Escola no Medio e Para o Medio, que ten o obxectivo de mellorar a calidade educativa e dar resposta ás necesidades identificadas polo claustro. As actuación abarcan ámbitos de organización, de mellora das competencias lingüísticas, matemáticas e dixitais, e traballan aspectos emocionais e hábitos de vida saudable e desenvolvemento sostible, entre outras.

Os centros premiados na categoría A, correspondente cos ciclos de educación infantil, primaria, educación especial e centros rurais agrupados, son os seguintes:
  • Primeiro premio: CEIP Plurilingüe de Outes (Outes, A Coruña)
  • Segundo premio: CEIP de Viñagrande-Deiro (Vilanova de Arousa, Pontevedra)
  • Terceiro premio: CEIP Plurilingüe nº1 (Tui, Pontevedra)
  • Mención de honra: CEIP Plurilingüe da Carrasqueira (Vigo, Pontevedra)

Na categoría B, correspondente a centros públicos integrados, institutos de educación secundaria e centros públicos de educación e promoción de adultos, os premiados son:
  • Primeiro premio: CPI Plurilingüe O Cruce (Cerceda, A Coruña)
  • Segundo premio: IES Maximino Romero de Lema (Zas, A Coruña)
  • Terceiro premio: CPI Plurilingüe Virxe da Cela (Monfero, A Coruña)
  • Mención de honra: IES Celanova Celso Emilio Ferreiro (Celanova, Ourense)

Resolucion Innovagal Asinada Cotexado 23 24 by veracruces on Scribd

martes, 16 de enero de 2024

CENTRO DE INTERCAMBIO DE PRÁCTICAS DOCENTES: AYUDA EN ACCIÓN

Lorena Boga e Jennifer Chamadoira, da Fundación Ayuda Acción, visitaron o CPI Virxe da Cela o martes 16 de xaneiro para presentar aos docentes o Centro de Intercambio de Prácticas Docentes (para a Ed. Primaria ás 13:55 e para a ESO a partir das 14. 10 h).  Afondaron nos contidos de dous cursos en especial: o de Radio Escolar e Participación Infantil e o de Xestión Emocional, ambos cursos de especial interese dado que grazas a esta entidade contamos con programas como a Radio Escolar, de Ioga para a Ed. Infantil ou o de Habilidades sociais para as etapas da Ed. Primaria e da ESO.







lunes, 15 de enero de 2024

VII CONCURSO PARA DESÑO DE CARTELES 8 MARZO: DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

A Secretaría Xeral da Igualdade e no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades promove o concurso do deseño do cartel do día 8 de marzo co gallo da celebración do Día Internacional da Muller, no que poderán participar os centros educativos galegos. Como en anos anteriores, o obxectivo é fomentar a promoción da igualdade a través dunha acción que visibilice a contribución das mulleres nos distintos ámbitos e promova a reflexión sobre os estereotipos de xénero que aínda existen na sociedade, as causas e a orixe da discriminación de xénero, así como o camiño que as mulleres tiveron que percorrer para ver recoñecidos os seus dereitos.

O contido do cartel deberá transmitir unha mensaxe positiva sobre a participación activa das mulleres na sociedade e promover a loita contra as desigualdades de xénero.

O prazo de presentación dos traballos remata o vindeiro 22 de febreiro.

00 BASES Concurso Carteis 8M 2024-Sen Anexo by veracruces on Scribd

viernes, 12 de enero de 2024

Pegada ecolóxica: responsabilidade persoal e social.

 

A emerxencia climática é probablemente un dos maiores retos ao que nos temos que enfrontar. Xa estamos a comprobar como se están a cumprir os peores escenarios previstos hai tempo por investigadores e expertos. En xaneiro de 2020 o goberno declarou a emerxencia climática e ambiental, en resposta ó consenso da comunidade científica, a cal reclama accións urxentes para salvagardar o medio ambiente. Pese a isto, a sensación é que a cidadanía continúa allea a este problema e non estamos a mudar nin os nosos hábitos e moito menos os nosos comportamentos.

Coa participación do alumnado de 5º e 6º curso da Ed. Primaria no programa “Para unha Transición Ecolóxica”, desenvolvido polo CEIDA co apoio da Deputación da Coruña, pretendemos sensibilizar sobre o futuro que nos agarda de non combater a emerxencia climática, e concienciar dende os centros escolares; posto que a comunidade escolar non está formada só por nenas e nenos, senón tamén por pais, profesorado, persoal non docente, etc. Isto ofrece a oportunidade de converterse en laboratorios de posta en marcha de novas medidas de sustentabilidade e cooperación.

Imaxe do desenvolvemento do primeiro dos obradoiros co alumnado de 5º curso da Ed. Primaria

Son dous obradoiros onde, no primeiro  contaremos cunha sinxela e amena exposición, as causas e consecuencias do cambio climático, as súas evidencias en Galicia, adquirir conciencia do noso impacto persoal e como podemos adaptarnos ou tentar mitigar os seus efectos.

No segundo trataremos a pegada ecolóxica, onde cada un/unha da nosa rapazada calculará a súa pegada mediante un sinxelo test recollendo datos da vida cotiá.  Cos resultados debateremos para que cada persoa poña en valor  a importancia de minimizala.

lunes, 8 de enero de 2024

Reyes Magos de Verdad

 Este Nadal continuamos coa iniciativa coa que colaboramos coa asociación "Reyes Magos de Verdad". Este curso todo o alumnado de educación infantil, así como o alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º de educación primaria participaron nesta iniciativa da man de Alba e  Camino como mestras de Valores e Proxecto Competencial, e de Cris Rabuñal como mestra de Reli.


Recordemos que esta asociación busca que ningunha persoa quede sen agasallos nestas festas. Neste caso, a nosa pequena colaboración foi enfocada cara tres usuarios da Residencia García Hermanos de Betanzos: Celso, Rocío e Mª Carmen.

O alumnado, trala lectura das súas cartas implicouse en todo o proceso: dende a elección dos agasallos, a preparación de postais, debuxos e manualidades ou incluso no pintado e personalización do papel de regalo.

Bo Nadal Celso, Rocío e Mª Carmen!