jueves, 25 de enero de 2024

III PREMIO GALEGO EPDCG

 A Coordinadora Galega de ONG de Desenvolvemento ten o pracer de informar que, proximamente, no vindeiro mes de febreiro, se publicarán na nosa páxina web as Bases da Convocatoria da III Edición do Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global.

O propósito do galardón é recoñecer experiencias educativas transformadoras, realizadas durante o curso escolar 2022/23 e/ou 2023/24, que fomenten unha cidadanía solidaria, crítica e comprometida coa construción dun mundo máis xusto.

O premio contará con tres categorías de participación: Categoría A: Educación Infantil e Primaria; Categoría B: E.S.O, Bacharelato, Formación Profesional, Centros de Ensinanza de Réxime Especial e Ensinanzas Artísticas; Categoría C: Ensinanzas universitarias. Polo que poderán presentarse docentes ou equipos de docentes de centros de ensino e universidades galegas de titularidade pública, concertada ou privada que sexan oficialmente recoñecidos pola Consellería de Educación.

Nesta edición, o Premio incorpora como gran novidade, a dotación cunha viaxe a un proxecto de cooperación internacional en Guatemala cos gastos pagados para 6 docentes (2 profesores/as de cada centro gañador). Ademais da visita a Guatemala, as experiencias gañadoras recibirán tamén: un elemento distintivo para o centro; diplomas para o alumnado e certificados para o profesorado; a publicación das experiencias; a asistencia e participación protagonista na gala de entrega de premios.

A  próxima publicación das Bases da Convocatoria incluirá toda a información necesaria para participar: lugar e prazo de presentación de candidaturas; documentación que se debe achegar; criterios de valoración das iniciativas; composición do xurado avaliador; prazos de resolución e datas orientativas dos actos e viaxes.

A información previa está xa dispoñible na web da Coordinadora. Aquí tes o enlace: https://galiciasolidaria.org/o-premio-galego-de-educacion-convocarase-en-febreiro/

Por iso, dende a Coordinadora Galega de ONGD, queremos animar ao profesorado e centros de ensino galegos a participar achegando este avance d os puntos máis relevantes do certame.

Cando se publiquen as bases da nova convocatoria e se abra o prazo de presentación de candidaturas volveremos a informar.  Un saúdo e moitas grazas pola atención prestada.

III Premio Galego EPDCG by veracruces on Scribd

No hay comentarios:

Publicar un comentario