lunes, 30 de octubre de 2023

O ESPELLO DE CLAUDE

O noso centro está moi concienciado e interesado pola saúde emocional do noso alumnado, por tanto este ano solicitamos o obradoiro "O Espello de Claude: Fotografía e identidade", unha iniciativa de AFUNDACION, da man do fotógrafo e psicólogo Fuco Reyes. O mércores 19 de outubro de 2023 tivemos a primeira das 5 sesións programadas.

O espello de Claude (ou espello negro) é un pequeno espello lixeiramente convexo​ que ten a súa superficie tinxida. Estes espellos eran usados por artistas, pintores de paisaxes, viaxeiros e afeccionados ao paisaxismo. A súa curvatura producía o efecto de abstraer a porción da paisaxe que interesaba ver de todo cando a rodeaba, reducindo a escala da vista, e simplificando a cor e a gradación tonal.

Fuco Reyes e a súa lente serán para estes escolares o espello de Claude das súas emocións. Psicólogo e fotógrafo, con esta actividade Fuco explora aspectos clave na etapa da adolescencia coma a construción da identidade, a autoimaxe, a autoestima, a xestión das emocións e a motivación. Procesos determinantes no desenvolvemento persoal e na aprendizaxe sobre un mesmo e as relacións cos demais.



XX CONCURSO DE CARTAS "DILLO A QUEN MALTRATA 2023"

Compartimos información sobre XX Concurso de cartas "Dillo a quen maltrata" 2023 (o prazo de presentación remata o día 9 de novembro), organizado pola Oficina de Igualdade do Concello de Lalín, co obxectivo de promover a reflexión sobre a problemática da violencia de xénero nas súas diferentes manifestacións física, psicolóxica, sexual, económica, estrutural..., así coma os efectos e consecuencias da mesma.

DÍPTICO Concurso de Cartas XX Dillo a Quen Maltrata 2023 by veracruces on Scribd

ç

Bases Reguladoras Premios Xx Concurso de Cartas Dillo a Quen Maltrata 2023 (Asinadas) by veracruces on Scribd

miércoles, 18 de octubre de 2023

RTV ENXEBRE POLA PARTICIPACIÓN INFANTIL

Desde a Fundación Ayuda en Acción achegáronnos algunhas das reflexións e propostas que fixo o alumnado de 5º de Educación Primaria e, que queren transmitir ao conxunto da Comunidade educativa, sobre un tema que lles preocupa: a conciliación familiar. Foron froito dun proceso de traballo de participación infantil e para levalas a cabo contaron coa colaboración de toda a comunidade educativa do centro e co apoio da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia e da Fundación "la Caixa", a través da dinamización da radio escolar. Así, esperamos que este traballo de investigación integral e de tanto esforzo por parte das nenas e nenos de 5º de EP poda ser tomado en consideración, así como que as súas propostas e preocupacións podan ter resposta pola súa parte.

Podedes escoitar o podcast en: https://go.ivoox.com/rf/111495165

Carta Alumnado CPI Virxe Da Cela - ANPA by veracruces on Scribd

lunes, 16 de octubre de 2023

SEGREGACIÓN OCUPACIONAL POR RAZÓN DE XÉNERO

A área de Igualdade da Deputación da Coruña desenvolveu o programa coeducativo  de "Segregación ocupacional por razón de xénero" en colaboración co centro I.E.S Rosalía Mera, acción enmarcada no Plan provincial de Igualdade “Compartimos Plan” na área estratéxica 4 adicada á igualdade de xénero no acceso ao mercado laboral.

Na diagnose do plan constatouse que á hora de que rapazas e rapaces escollan os seus itinerarios formativos os estereotipos e os roles de xénero entran en xogo. Así o mostran os datos de matriculación da formación profesional, bacharelato e da formación universitaria, pois existen determinadas familias formativas nas que se matriculan maioritariamente mulleres e noutras nas que as mulleres apenas están representadas. Isto ten como consecuencia unha marcada segregación ocupacional no mercado de traballo que perpetúa as desigualdades de xénero.

O equipo docente do centro I.E.S Rosalía Mera, detectou a necesidade de traballar co profesorado e co alumnado e propúxose levar a cabo a pilotaxe dun proxecto integral de centro onde traballar con perspectiva de xénero desde as súas aulas, visibilizando e procurando referentes femininas que promovan que o acceso os ciclos sexa mais equilibrado.

O proxecto iniciouse no 2022 e contou coas seguintes fases: investigación preliminar, deseño de contidos do programa formativo, impartición e implementación do programa formativo no centro e realización dun microvídeo que recolle a experiencia e unha Guía Didáctica onde recóllense os resultados así como  as unidades didácticas para que o profesorado poda implantar noutros centros a experiencia.

Onte presentamos o microvídeo e a Guía e queremos compartila para facer desta pilotaxe unha experiencia transferible, especialmente a outros centros educativos de secundaria, pero tamén como unha oportunidade para sensibilizar sobre a segregación ocupacional á poboación en xeral.

Podedes completar a información do programa e descargar a guía neste enlace.

domingo, 1 de octubre de 2023

SEMANA DO DEPORTE NO CPI VIRXE DA CELA

O 29 de setembro é o día do deporte escolar e como cada ano imos celebralo con moita actividade física, non so nese día, senón na semana que vai do luns 25 ao venres 29. Durante todos os días, a principio e a final de cada clase, o alumnado realizou exercicios físicos de maneira voluntaria. O xoves 28 organizouse unha xornada especial na que de 10:00 a 14:00 horas todo o alumnado e profesorado do centro participou nun evento deportido a base de estacións rotativas. Con esta proposta da mestra de EF Ruth e o profesor de EF Lois están encamiñados a sensibilizar a toda a comunidade educativa para rematar co sedentarismo pouco a pouco, así como concienciar ao alumnado da importancia que ten o exercicio físico e aproveitar os descansos activos para unha mellor concentración e capacidade de asimilar todos os conceptos ensinados en cada materia.