Mostrando entradas con la etiqueta ESO. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta ESO. Mostrar todas las entradas

domingo, 15 de junio de 2025

Accións de comunicación de guerrilla en marcha! Rede Compás

O pasado 30 de maio a mocidade da #redcompás saíu á rúa con mensaxes claras e creativas.

En Silleda, quixeron chamar a atención sobre o transporte público no rural. Como? Cun esqueleto viaxeiro que percorreu paradas abandonadas de tren e bus. O Día D plantárono na porta do Concello xunto cun panel de fotos e fixeron enquisas á veciñanza. O obxectivo: levar os resultados ao pleno municipal o 9 de xuño.

En Monfero, o alumnado da Rede puxo o foco na defensa do sector primario e do medio ambiente como clave para garantir o futuro do rural. Fixeron unha pancarta e leron un manifesto diante de veciñanza e autoridades locais.

A comunicación de guerrilla é acción directa, creativa e reivindicativa no espazo público, para sacudir conciencias e abrir conversacións importantes.

Seguimos creando, soñando e loitando por un rural digno e vivo.




Imaxes das accións de guerrilla do alumnado dos dous centros educativos.


jueves, 12 de junio de 2025

Proxecto patios: limpamos o patio de troncos

Na liña de buscar mellorar os nosos espazos, hoxe estivemos todos os nenos e nenas de 4º e 5º de Ed. Infantil limpando as malas herbas do patio. 

Pero tivemos un problema! había herbas que estaban moi duras! Así que pedimos axuda aos nenos e nenas más grandes do cole: Os de 4º da ESO!




Imaxes do traballo conxunto entre o alumnado.

Eles viñeron axudarnos no seu tempo de lecer e grazas a eles e ao noso traballo quedou o patio de troncos limpo de malas herbas.



Rede Compás: xuventude unida por un futuro digno no rural galego

 Xa contamos co vídeo resumo da xuntanza da Rede Compás en Allariz. Son máis de 50 mozas e mozos de cinco concellos para crear propostas sobre vivenda, transporte, educación e emprego que lanzaron nun manifesto por un futuro digno no rural galego.

Durante estes meses levan a cabo as súas accións de comunicación de guerrilla, están a reunirse con institucións locais e autonómicas e, en setembro, levarán o seu manifesto ao Parlamento Europeo.


Porque rural tamén é futuro. Queremos liberdade para elixilo!


miércoles, 11 de junio de 2025

Radio cun sorriso: por un horario escolar feliz. Á procura do consenso sobre o horario escolar no CPI Virxe da Cela.

O alumnado de 2º da ESO do CPI Virxe da Cela de Monfero levou a cabo unha investigación sobre os motivos polos que se fixou o actual horario escolar e as consecuencias que ten na distribución do seu tempo de estudo e lecer. O resultado foi a elaboración dun programa de radio no que se realizou unha enquisa entre as alumnas e alumnos do centro para coñecer o grao de conformidade co horario no que se desenvolve a xornada escolar e unha entrevista á directora, que resolveu dúbidas e orientou de cara á posibilidade de lograr cambios.

Imaxe representativa da proposta realizada polo alumnado de 2º da ESO.

Esta experiencia radiofónica pretende que o alumnado se familiarice coas formas de participación que regulan a vida dun centro e se implique nos procedementos para obrar transformacións que redunden na mellora da calidade educativa, contribuíndo ao desenvolvemento do obxectivo 4 das ODS: “Garantir unha educación de calidade”. 

Descrición do proceso (e accións principais). Como se desenvolveu.

O proxecto desenvolveuse entre os meses de xaneiro e xuño de 2025 abranguendo un total de cinco sesións impartidas cunha periodicidade mensual por unha profesional da comunicación da agrupación AGARESO. Na primeira sesión o alumnado propuxo varios temas do seu interese e despois de poñelos en común decidiron investigar sobre un asunto que os concernía especialmente, o horario escolar. A partir de aí, elaboraron un plan de traballo e un guión de programa radiofónico que concluiría coa entrevista a María del Camino Pereiro González, directora do CPI da Virxe da Cela, que ofreceu información contrastada e fundamentada sobre o tema.   

(LUCES)

Que situacións actuais no noso arredor nos preocupan?

A experiencia comezaba preguntando ao alumnado sobre situacións actuais que os afectaban ou preocupaban especialmente. Cada participante escribiu nun post-it os asuntos do seu interese e expúxoos diante dos demais para despois proceder a unha votación mediante puntos adhesivos de cores.  A elección foi practicamente unánime, pois sentían que o feito de entrar máis tarde que noutros centros condicionaba o seu día a día. Decidida a temática, o alumnado abordou o asunto a partir das seguintes preguntas: por que entramos tan tarde?, quen decidiu o horario?,  estamos conformes?, como afecta as nosas vidas?, é posible entrar máis cedo e que non se alongue a xornada pola tarde? Tras o debate en grupo, o alumnado decidiu facer unha entrevista á directora do centro para informarse máis sobre o tema e unha enquisa entre o alumnado para saber se estaban de acordo co horario actual e se coñecían as causas de entrar máis tarde do normal.

(CÁMARA)

Por que entramos máis tarde que noutros centros? Estamos de acordo co actual horario?

No proceso de análise chegouse á conclusión de que entrar ás 9.45 condicionaba a xornada de alumnado e familias. O feito de entrar a esa hora retrasa a saída ata as 16.45 e ademais fai que se acurte o tempo para comer ao mediodía, obrigando en moitos casos a usar o comedor escolar. Para coñecer a opinión do alumnado do centro fíxose unha enquisa entre compañeiros e compañeiras de 1º, 3º e 4º da ESO e 6º de EP. Nela preguntábase cal crían que eran as razóns polas que entraban máis tarde que noutros centros e se  estaban de acordo co horario. A enquisa puxo de manifesto a desconformidade da maior parte do alumnado, que prefería saír antes pola tarde para dedicarllo a tarefas escolares e extraescolares ou dispor de máis tempo de lecer. Entre as causas, o alumnado destacou o horario dos autobuses, que se ocupan antes do transporte doutros centros. A enquisa foi gravada e emitida no programa de radio.

Imaxe realizada polo alumndo para representar a súa proposta de acción a partir desta investigación.
(ACCIÓN)

Pedimos unha entrevista coa directora do CPI Virxe da Cela

Despois de coñecer as preferencias do alumnado sobre o horario escolar, o grupo decidiu dirixirse á dirección do centro coa intención de afondar sobre os motivos que xustificaban o horario e saber se é posible cambialo.

Concertouse unha entrevista coa directora do CPI Virxe da Cela, Camino Pereiro González, que resolveu moitas das dúbidas, ofreceu o seu punto de vista, solidarizándose coas inquietudes do estudantado, invitou á reflexión e orientou para actuar no caso de que estivesen dispostos a intentar cambialo. 

Ao tempo, xa temos a nosa experiencia no Mapa de experiencias para a cidadanía global.
Cénit
Imaxe do mapa do Cenit onde se recolle a experiencia.


Radio cun sorriso. Buscamos solucións ao despoboamento rural

O alumnado de 3º da ESO do CPI Virxe da Cela de Monfero levou a cabo unha investigación sobre os motivos polos que se produce o despoboamento do mundo rural, moi visible no seu entorno. O resultado foi a elaboración dun programa de radio no que se propiciou a reflexión sobre este tema e no que se realizou unha entrevista a unha persoa que podía dar testemuño da vida no rural e dos cambios que se produciron na localidade de Monfero desde os tempos da súa infancia.   

Con esta experiencia preténdese que o alumnado reflexione sobre as formas de habitar o territorio, valore as posibilidades do rural, identifique as causas do despoboamento neste medio e procure solucións que contribúan a desenvolver o obxectivo 11 das ODS: facer que as cidades e os asentamentos humanos sexan inclusivos, seguros e sostibles. https://www.un.org/sustainabledevelopment/cities/

O proxecto desenvolveuse entre os meses de xaneiro e xuño de 2025 en varias sesións impartidas por Rocio experta no medio radiofónico de Agareso. Para empezar preguntouse ao alumnado polos temas que lles preocupaban e despois dunha posta en común e un debate decidiron investigar sobre o despoboamento que afecta ao entorno rural no que viven. A experiencia concretouse nun programa de radio no que se analizaron as causas do despoboamento, as vantaxes e inconvenientes de vivir no campo ou a posibilidade de facelo no futuro. Tamén realizaron unha entrevista a unha persoa natural da zona que deu conta da experiencia de vivir no medio rural e dos cambios que percibiu no seu entorno desde que el era neno.  

(LUCES)

Que situacións actuais no noso arredor nos preocupan?

A experiencia comezaba preguntando sobre situacións actuais que afectaban ou preocupaban ao alumnado. O punto de partida foi unha chuvia de ideas; expuxéronse varios temas, debateuse e elixiron investigar sobre o despoboamento do rural. Despois traballaron en pequeno grupo arredor das causas e consecuencias do despoboamento nas zonas rurais de Galicia e compartiron os resultados para abordar a problemática con maior amplitude desde o propio coñecemento que tiñan da realidade: avaliaron as vantaxes e inconvenientes de vivir no rural, expuxeron as súas expectativas de cara a poder desenvolver a súa vida futura nel e buscaron solucións aos déficits que presenta a actual situación das nosas aldeas. Polo xeral, o alumnado amosou apego ao campo, valora vivir neste entorno e de ser posible afincaríase nel aínda recoñecendo as dificultades que implica, por exemplo de cara a realizar estudos superiores ou atopar un posto de traballo.  

(CÁMARA)

Quen pode responder as nosas preguntas sobre a vida no rural?

Para completar a visión  sobre a problemática do despoboamento no mundo rural e achegar solucións, o alumnado de terceiro curso da ESO do CPI de Virxe da Cela decidiu entrevistar unha persoa coñecida na comunidade que puidese responder as súas preguntas e resolver algunhas dúbidas. O elixido foi Amando, técnico de deportes do Concello, que ademais de explicar as razóns persoais que o levaron a escoller o rural para vivir e analizar a problemática, deixounos o testemuño dos cambios que se produciron desde que el era estudante. Ao tratarse dunha persoa relativamente nova e cun traballo que non resulta un impedimento para residir na zona, o seu caso pode tomarse como un exemplo para a xente que desexa desenvolver a súa vida no medio rural, sexa no lugar onde naceu ou noutro.  

Imaxe representativa do pensamento crítico do alumnado de 3º da ESO.

(ACCIÓN)

Compartindo a experiencia da Rede Compás

Aproveitando que parte do alumnado participara, dentro do marco do proxecto europeo de “Rede Compás”, nun encontro entre centros no que se tratara a mesma temática, trasladouse ao programa de radio a experiencia e as conclusións ás que se chegara alí. Moitas eran as mesmas que apareceran no proceso de análise realizado nas sesións de traballo: deficiencias no transporte público, dificultades da mocidade para realizar os estudos desexados en centros próximos, limitada oferta de traballo, carencias nos servizos, pouca vida social ou deterioro da vivenda. Seguindo o espírito da Rede Compás, plan impulsado desde a UE que procura fomentar o activismo entre a xuventude propondo modelos de futuro sostibles, propuxéronse solucións como impulsar mellorar as condicións de vida da poboación do campo, promover o asociacionismo ou demandar axuda das entidades públicas, igual que se fixera no manifesto elaborado no encontro entre centros no que participou o CPI de Monfero.  

 
Ao tempo, xa temos a nosa experiencia no Mapa de experiencias para a cidadanía global.Cénit
Imaxe do mapa do CENIT onde se recolle a nosa experiencia.


RADIO CUN SORRISO: SUICIDIO XUVENIL E SAÚDE MENTAL

“Radio cun sorriso” é unha iniciativa do CPI Virxe da Cela para traballar na consecución dos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) e o benestar empregando a radio como unha ferramenta de aprendizaxe e cambio social en colaboración con Agareso (Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social)

O alumnado da ESO desenvolveu as súas competencias comunicativas a través do diálogo e da reflexión sobre os temas que máis lles preocupan,  sempre dende unha perspectiva positiva e tentando achegar solucións. Cómpre dicir que as temáticas enfocáronse cara ao tratamento dos ODS partindo da análise e posta en valor da realidade contextual do alumnado e contando con referentes significativos da súa realidade para enfocala despois cara a unha visión máis global. Neste caso camiñamos cara a valoración e a consecución do Obxectivo 3: Garantir unha vida sa e promover o benestar para todos en todas as idades.

A través da micro-experiencia “Radio cun sorriso: Suicidio xuvenil e saúde mental”, 10 alumnas e alumnos de ESO reflexionaron, investigaron e tiraron conclusións sobre a importancia da saúde mental e das consecuencias que pode chegar a ter unha persoa que presente problemáticas relacionadas con esta. Para darlle visibilidade ás súas inquedanzas empregaron a radio como soporte e elaboraron un programa radiofónico que inclúe a presentación do tema, datos estatísticos a nivel autonómico e estatal, unha entrevista con recomendacións dunha profesional e as reflexións do grupo sobre o tema.

As micro-experiencias desenvólvense en tres etapas:

LUCES

As alumnas e os alumnos escolleron democraticamente a temática de interese coa técnica da diana, isto é, escribiron diferentes preocupacións nuns papeliños que logo foron pegando nunha diana desde o centro ata fóra segundo o seu nivel de importancia. Desta dinámica saíron dous temas principais: o racismo e a pedofilia.  A través da metodoloxía da árbore de problemas, identificaron as causas e as consecuencias dos problemas principais e, por último, escolleron  a temática do suicidio xuvenil entre outras temáticas como a perda de falantes en lingua galega, a inmigración ou o racismo. Observaron como remataron por escoller para a súa investigación unha das consecuencias dunha das problemáticas iniciais e non a propia problemática. Con todo isto elaboraron a introdución do programa de radio.

CÁMARA

Ao introducírense na temática do suicidio xuvenil precisaban aclarar varias cuestións que lles xeraban curiosidade e das que non tiñan coñecementos, como por exemplo: cantas casos hai de suicidios na nosa comunidade, cales son as causas que poden levar a unha persoa a tomar esa decisión, se hai un soporte sanitario eficaz para atender as persoas que precisan axuda, como se pode axudar a evitar este problema, etc. Para isto decidiron investigar fontes informáticas como:

https://www.sanidad.gob.es/gabinete/notasPrensa.do?id=6418 https://www.savethechildren.es/actualidad/suicidios-adolescentes-espana-factores-riesgo-datoshttps://www.aldeasinfantiles.es/area-prensa/aldeas-infantiles-sos-urge-a-la-sociedad-en-su-conjunto-a-prevenir-el-suicidio-adolescente-y-juvenil

https://www.sergas.es/Asistencia-sanitaria/Plan-de-prevenci%C3%B3n-do-suicidio-en-Galicia?idioma=es

https://www.stopsuicidiogalicia.org/o-suicidio/

Ademais,  acordaron entrevistar á Orientadora do centro para buscar respostas á súa preocupación. 

ACCIÓN

Recollida toda a información, para gravaren un programa radiofónico que reflectise a importancia da saúde mental na nosa sociedade, as alumnas e alumnos elaboraron un guión que lles facilitou o desenvolvemento do seu traballo. Concretaron unha entrevista con Lara Real, a Orientadora do centro e Psicóloga, e coñeceron de primeira man moitos aspectos sobre a realidade do suicidio xuvenil.


RESULTADO DA EXPERIENCIA

O alumnado de da ESO descubriu que a saúde e o benestar son dereitos que a sociedade debe ter garantidos. Ás veces, a sanidade non é quen de atender todos os casos e cando chega a atención xa é tarde para as persoas que sofren algunha doenza. As rapazas e rapaces do grupo concienciáronse da importancia da saúde e, máis concretamente, da saúde mental xa que, malia non o consideraren, este é un problema que lle afecta tamén á mocidade e podería incluso afectarlles directamente. Asemade, desenvolveron empatía cara ás persoas afectadas e quixeron salientar a importancia do suicidio xuvenil e crear conciencia na comunidade educativa sobre a importancia da boa saúde, dos estilos de vida saudables e do dereito das persoas a uns servizos de atención médica de calidade, especialmente cara aos máis vulnerables, coma as mulleres e os nenos.

Con metodoloxías activas e participativas que buscan a participación social e o cambio, estas rapazas e rapaces investigaron para logo faceren unha análise crítica das súas pesquisas e ofrecer alternativas para o dito cambio empezando polo propio autocoidado.

Ademais, a radio serviulles de ferramenta indispensable para a difusión desta actividade e para levar as súas ansias, investigacións e conclusións máis aló da sala de gravación e, deste xeito, chegar a toda a comunidade educativa e a todo aquelas persoas que teñan a ben escoitar a rapazada activa e crítica.

Pódese escoitar o programa radiofónico no seguinte enlace:  https://go.ivoox.com/sq/2678351

Ao tempo, xa temos a nosa experiencia no Mapa de experiencias para a cidadanía global. Cénit

martes, 10 de junio de 2025

RADIO CUN SORRISO: ESTA É A NOSA HORA

“Radio cun sorriso” é unha iniciativa do CPI Virxe da Cela para traballar na consecución dos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) e o benestar empregando a radio como unha ferramenta de aprendizaxe e cambio social en colaboración con Agareso (Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social)

O alumnado da ESO desenvolveu as súas competencias comunicativas a través do diálogo e da reflexión sobre os temas que máis lles preocupan,  sempre dende unha perspectiva positiva e tentando achegar solucións. Cómpre dicir que as temáticas enfocáronse cara ao tratamento dos ODS partindo da análise e posta en valor da realidade contextual do alumnado e contando con referentes significativos da súa realidade para enfocala despois cara a unha visión máis global. Neste caso camiñamos cara a valoración e a consecución do Obxectivo 4: Garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade e promover oportunidades de aprendizaxe durante toda a vida para todos.

 A través da micro-experiencia “Radio cun sorriso: Esta é a nosa hora”, 18 alumnas e alumnos de 1º ESO reflexionaron, investigaron e tiraron conclusións sobre a importancia do seu horario escolar e a repercusión nas súas propias vidas a todos os niveis. Para darlle visibilidade ás súas inquedanzas empregaron a radio como soporte e elaboraron un programa radiofónico que inclúe a presentación do tema, o punto de vista da maioría dos axentes implicados, as conclusións e as posibles solucións ás súas preocupacións.

As micro-experiencias do Globo desenvólvense en 3 fases:

LUCES

As alumnas e os alumnos escolleron democraticamente a temática de interese coa técnica da diana e, a través da metodoloxía da árbore de problemas, identificaron a problemática do horario escolar no centro, analizaron as causas e tamén as súas consecuencias. Con todo isto elaboraron a introdución do programa de radio.


CÁMARA

Ao introducírense na temática do horario escolar decidiron investigar varias cuestións que lles xeraban curiosidade e das que non tiñan coñecementos, como por exemplo: quen decide os horarios dos centros escolares, a posibilidade de modificar esa cuestión desde o centro ou mesmo a historia do seu horario. Para isto decidiron recorrer a fontes de información do propio centro e pensaron que entrevistar ao Secretario sería unha boa opción para obter respostas. Mais a opinión dunha persoa non era suficiente para facer un estudo completo da situación e tomaron a decisión de elaborar enquisas sobre o tema para o resto do alumnado do centro e tamén para as familias.


ACCIÓN

Elaboradas as enquisas só quedaba repartilas polas aulas e recollelas unha vez finalizadas. Para iso, as alumnas e os alumnos organizáronse en pequenos grupos e encargáronse da tarefa. Por outro lado, tamén había que recompilar información da parte das familias e o grupo decidiu que todas e todos participarían nese labor a nivel individual, ben con gravacións de voz, ben con recollida escrita de testemuños.

Unha vez recollidos os datos, organizáronos en gráficas e analizáronos para chegar a unha conclusión sobre a visión xeral desta cuestión tan importante para o grupo. As súas preocupacións xa non eran só súas, pois identificaron que tamén lle preocupaban á maioría do alumnado do centro e a moitas das familias entrevistadas, por diferentes motivos.



RESULTADO DA EXPERIENCIA

O alumnado de 1º da ESO que participou nesta experiencia partiu da súa propia visión e opinión sobre o horario escolar e concluíu o seu labor cunha perspectiva que ía máis aló do propio grupo, pois fixeron visible unha inquedanza que está presente na comunidade educativa desde hai anos e reabriron o debate dun posible  cambio da xornada escolar.  Con metodoloxías activas e participativas que buscan a participación social e o cambio, estas rapazas e rapaces investigaron para logo faceren unha análise crítica das súas pesquisas e ofrecer alternativas para o dito cambio.

Ademais, a radio serviulles de ferramenta indispensable para a difusión desta actividade e para levar as súas ansias, investigacións e conclusións máis aló da sala de gravación e, deste xeito, chegar a toda a comunidade educativa e a todo aquelas persoas que teñan a ben escoitar a rapazada activa e crítica.

Pódese escoitar o programa radiofónico premendo neste enlace. 

 

viernes, 6 de junio de 2025

Radio cun sorriso. Por que a guerra? Xente comprometida.

Neste curso escolar dentro da radio escolar o alumnado de 4º curso investigou sobre os conflitos bélicos coa finalidade de coñecer e entender as súas causas e consecuencia e a incidencia que teñen na sociedade e no medio natural. Concretamente, contribuímos ao desenvolvemento do obxectivo 16 dentro dos ODS: “Promover sociedades xustas, pacíficas e inclusivas”

Comezaron identificando temas do seu interese e de forma consensuada, escolleron a temática sobre o que ían a traballar: os conflitos bélicos. Dentro desta investigación precisaban contar cunha persoa experta que lles amosase desde unha perspectiva máis global as súas consecuencias na infancia. Escolleron a Omenuke Mfulu, xogador do Deportivo, que participa dun proxecto deportivo para a rapazada do Congo en situación de risco pola guerra.

Foi toda unha experiencia que estivo acompañada da visita ás instalacións deportivas do Depor onde, como periodistas profesionais, entrevistaron ao xogador en compañía do alumnado de 6º curso da Ed. Primaria que tamén, escollera a mesma temática de traballo. Pero ademais, puideron acudir ao último partido de liga desta tempada do Deportivo.

Pero, o seu remate foi o máis especial desta experiencia, sentir que podían facer algo para axudar. Neste caso, realizar unha  achega económica en apoio á escola de novos talentos do fútbol en Kinshasa. 

Imaxe autoeditada da entrevista a Omenuke Mfulu.


(LUCES)

Que situacións actuais do noso arredor nos preocupan?

Comezamos a experiencia cunha chuvia de ideas sobre as preocupacións do alumnado, sinaladas con etiquetas nunha arbore de cartolina. Todas elas foron defendidas antes de realizar a votación. Neste debate destacou a presenza das noticias da prensa, elementos como o Kit de emerxencia, o conflito en Palestina ou o predominio nas mensaxes políticas de probables conflitos bélicos. 

A partir delas, eliminamos barreiras e atacamos medos, por exemplo á deriva que poden tomar  os acontecementos que están a escoitar nas noticias.

A tarefa aquí, como profesionais da educación,  é actuar desde o recoñecemento aos sentimentos do alumnado, explicándolles que son algo natural. Fixémolo desde unha escoita activa apoiada na confianza de que na familia e na escola estamos para escoitar e axudar a comprender a realidade.  Unha realidade na que tamén existen moitas persoas que traballan para que estes conflitos non cheguen a ser parte das súas vidas. Ao tempo, apartámonos de prexuízos e de discriminacións e evitamos culpas e mensaxes negativas cara a persoas ou países. 

Unha tarefa acompañada de compaixón e amabilidade ante a situación daquelas persoas que sobren os conflitos. Por exemplo, as que teñen que abandonar o territorio da súa identidade. 

En definitiva, achegar seguridade desde o coñecemento e o acompañamento para que a rapazada vexa que a familia e a escola son entornas seguras. 

Todo isto, complementado coa achega de referentes, persoas con accións positivas. Estas accións da igual que sexan pequenas, todas  contribúen a construír unha sociedade máis xusta.

Imaxe autoeditada de procesos de selección do tema de investigación.

(CÁMARA)

Que referentes coñecemos?

Nesta seguinte fase investigamos e centramos o noso traballo en ver como os conflitos non están alleos ás persoas e tamén que moita xente co seu traballo e as súas accións contribúen a cuestionar as inxustizas e a construír unha sociedade mellor.
Entre estas persoas encontramos a Omenuke Mfulu, xogador francés do Deportivo da Coruña cuxa familia é de orixe congolés, que xunto co seu primeiro adestrador crearon unha escola deportiva en Kinshasa para darlle un pouco de benestar á rapazada do Congo que ten que enfrontarse a un conflito bélico que perdura no tempo. 
Estamos ante unha pequena pero gran acción que queremos coñecer. É o momento da posta en común do  que queremos saber e a partir de aquí, preparar as preguntas da súa posible entrevista. Esta tarefa a compartimos co alumnado do 6º curso dado que dentro da Radio cun sorriso esta a traballar a mesma temática.

(ACCIÓN)

Responsabilidade e compromiso ante as problemáticas e reflexión compartida

 Contactamos co Deportivo da Coruña e a través del, con Mfulu que acolle con moito agrado a iniciativa. Desta forma, xunto co alumnado de 6º curso  acudimos á Cidade Deportiva de Abegondo para facerlle a entrevista. Toda unha experiencia onde exercemos de profesionais do periodismos na sala de prensa tras ver o adestramento do equipo.

De volta á aula toca reflexionar e sacar conclusións para que as mesmas queden reflectidas no programa e darlle visibilidade. Primeiro na escola e despois no fogar tras rematar a edicións.

En todo este camiñar contamos co apoio e acompañamento de Rocio, a estupenda profesional de Agareso, que fixo da Radio cun sorriso a Radio para o cambio social.

Pódese escoitar o programa radiofónico aquí:


Ao tempo, xa temos a nosa experiencia no Mapa de experiencias para a cidadanía global.


Imaxe do mapa do Cenit onde se recolle a experiencia.

jueves, 29 de mayo de 2025

COMUNICACIÓN DE GUERRILLA REDE COMPÁS

Un grupo de mozos e mozas do CPI Virxe da Cela pertencentes á Rede Compás realizan unha "comunicación de guerrilla" no pavillón polideportivo de Monfero (venres 30 de maio 2025). O proxecto Rede Compás intégrase na convocatoria Erasmus Plus KA154, financiado por la UE, e realizarse a través dun convenio de colaboración con AGARSO (Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social). 

Con esta acción performativa, levada a cabo diante dun numeroso público e contando coa presencia de representantes políticos dos concellos de Monfero e Irixoa, e baixo o lema "Sen boas condicións non haberá relevo xeneracional" esta mocidade comprometida visibiliza a situación que se está a vivir no rural galego, pedindo unha mellora das condicións (sobre todo para a xente que vive do sector primario) para que deste xeito poder seguir vivindo no seu lugar de orixe sen ten que ir ás cidades en busca de oportunidades. 

Nas próximas semanas este grupo de mozas e mozas teñen previsto concertar unha reunión co alcalde do Concello para tratar en persoa este problema, entregarlle un documento escrito coas súas pedicións de mellora e respaldar as súas demandas aportando os resultados dunha doble enquisa (para persoas menores de idade por unha banda e para persoas maiores de idade por outra) que recolle o sentir da cidadanía da zona ao respecto: a precariedade do sector primario supón unha discriminación para a mocidade da zona, que non conta coas mesmas oportunidades de educación, de experiencias e de futuro, xa que a  precariedade do emprego forza a migración a núcleos máis grandes. 









MANIFESTO REDE COMPÁS VERSIÓN GALEGO by veracruces

miércoles, 23 de abril de 2025

HACKATLON DA REDE COMPÁS EN ALLARIZ

 Varios alumnos/as de 2º, 3ºe 4º  ESO participarán na actividade de mobilidade organizada no marco do proxecto “Red Compás: juventud europea y participación”, coordinado por AGARESO, que terá lugar entre os días 23 e 25 de abril de 2025.

As actividades previstas nesta mobilidade forman parte dun programa educativo extraescolar, certificado con Youthpass, e teñen como obxectivo a formación do alumnado en:

 ✔️ Competencias dixitais e mediáticas

 ✔️ Xestión de grupos e traballo en equipo

 ✔️ Habilidades de comunicación interpersoal e pública

 ✔️ Cidadanía e participación social (dereitos, deberes, institucións e vías de participación a nivel local, rexional e europeo)








Noticia do xornal "La Región".









miércoles, 9 de abril de 2025

XORNADA DE LIMPEZA NA PRAIA DO PREDRIDO E VISITA AO PAZO DE MARIÑAN RESERVA BIOSFERA MARIÑAS CORUÑESAS

Que mellor maneira de rematar o trimestre que pasar unha xornada lúdica, educativa e cultural na zona das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo  (Reserva de Biosfera pola UNESCO,  2013), encadrada dentro do proxecto Education4theplanet. Foi o  venres 11 abril 2025, e todo o alumnado da ESO participou nesta actividade, pasando a xornada na Praia do Pedrido e no Pazo de Mariñán. O tempo nos acompañou e resultou moi agradable percorrer o areal do Pedrido en busca de obxectos de refugallo cunha doble intención: limpar de lixo este paraíso natural e utilizar os materiais recollidos para unha futura actividade artística, dándolle un novo uso. A poucos quilómetros desta praia se atopa o Pazo de Mariñán, e tivemos a sorte de poder disfrutar dunha visita guiada a este edificio tan fermoso, así como percorrer os fabulosos xardíns e gozar das vistas á Ría de Betanzos. 

miércoles, 26 de marzo de 2025

O ALUMANDO DE 3º DA ESO, GAÑADOR AUTONÓMICO DO CONCURSO ESCOLAR ONCE

 O alumnado de 3º da ESO do CPI Plurilingüe Virxe da Cela de Monfero resultou gañador  en Galicia do 41 Concurso Escolar do Grupo Social ONCE. En esta ocasión, a iniciativa invitaba aos participantes –tomaron parte 12.700 escolares de 249 centros educativos da Comunidade– a reflexionar e traballar sobre os aspectos negativos que ten  a soedade  non desexada, “tendo  en conta a maior incidencia que esta ten nas persoas con discapacidade”.

O xurado baseou a súa decisión na creatividade,  orixinalidade e adaptabilidade sendo os traballos presentados accesibles para todas as persoas. Tras a fase autonómica, agora representarán a Galicia no nacional. Nesta iniciativa tamén participou o alumnado de 1º da ESO.

Moita sorte e parabéns ao alumnado e a súa titora Inés.

 Logo da actividade presentada


Explicación do logo.


       
                                                  
                
TÍTIULO DA ACTIVIDADE: PARCHIS DA AMIZADDE INCLUSIVA

ACTIVIDADE CONCURSO ESCOLAR ONCE. by veracruces


Imaxes de dous dos xornais nos que se recolle o recoñecemento.


viernes, 21 de marzo de 2025

ENTREVISTA A MULLERES ACTIVISTAS POLO CLIMA EN GALICIA: CASA GRANDE XANCEDA

Venres 21 de marzo de 2025. 15:35 horas. Aula Ferraganchos. Entrevista a Cristina (Casa Grande Xanceda)

Entrevistas a realizar polo alumnado a mulleres cun papel protagónico no combate contra o cambio climático a partir do sector primario (gandería, pesca, agricultura, apicultura) que sairán maquetadas nunha publicación de carácter colaborativo, que levará por título: Historia de mulleres activistas polo clima en Galicia. 

Casa Grande de Xanceda, é unha granxa láctea ecolóxica en Galicia. Co leite fresco e ecolóxico das nosas 380 vacas felices producimos iogures e queixos ecolóxicos! Realizamos visitas guiadas á granxa, nas que aprenderemos todo o proceso desde o campo á neveira.







miércoles, 19 de marzo de 2025

O ESPÍRITO DA COLMEA

Videoconferencia. Mércores 19 marzo 2025. 12:35 horas. Apicultora Natalia Varela. Espíritu da Colmea. 

Entrevistas a realizar polo alumnado a mulleres cun papel protagónico no combate contra o cambio climático a partir do sector primario (gandería, pesca, agricultura, apicultura) que sairán maquetadas nunha publicación de carácter colaborativo, que levará por título: Historia de mulleres activistas polo clima en Galicia.

lunes, 10 de marzo de 2025

Obradoiro “Achegarmos á Historia dos Medios en Galego”


Coruña veñen de publicar a Guía Didáctica: Coñecendo a Historia dos Medios en Galego (2025). Esta

conta con dúas unidades didácticas: unha centrada na orixe, historia e evolución dos medios en galego; e

outra na situación, posibilidades e recursos que ofrecen os medios en galego na actualidade. Ademais,

conta cuns apuntamentos para coñecer a historia e acceder aos recursos dixitais dispoñibles dos medios

en galego; un anexo cun listado, descrición e ligazón a máis dun centenar de medios en lingua galega de

diferentes temáticas e épocas; e o encaixe curricular de cada recurso para alumnado da ESO e

Bacharelato.

Para comezar a difusión deste novo recurso didáctico, a Área de Igualdade da Deputación promoveu a

elaboración de obradoiros que traballen con estes contidos en tres centros educativos da provincia, entre

os que foi seleccionado o CPI Virxe da Cela. Este obradoiro, de título “Achegarmos á Historia dos

Medios en Galego”, foi impartido por David Miguel Rodríguez Martínez: historiador e co-autor da guía didáctica.
Imaxe de Miguel Rodríguez, o historiador que deu valor a Historia dos Medios en Galego na biblioteca do centro.

O obxectivo principal do obradoiro é conectar o pasado e o presente dos medios en galego. Desta

forma o alumnado poderá comprender a súa evolución e as limitacións que sufriron no pasado, e ao

mesmo tempo analizar a grande oferta que hoxe existe. Isto permitirá transmitir unha mensaxe positiva

e ofrecer exemplos para que o estudantado incorporen ao seu repertorio informativo estas

ferramentas e así comprender mellor o entorno que os rodea. É dicir, consolidar a idea de que é posible

consultar información do día a día do alumnado en xornais escritos na súa lingua.

A charla mesturará un formato teórico, sobre os contidos referidos ao longo da guía didáctica, e un

traballo máis colaborativo, practicando metodoloxías activas para favorecer a adquisición de

aprendizaxes e o traballo do alumnado cos materiais físicos e dixitais en grupos de discusión.

Comparanse medios do pasado e do presente para ver reminiscencias nas temáticas e preocupacións da sociedade

galega ao longo da historia, ao mesmo tempo os cambios e avances sociais en materia de linguaxe,

discriminación, sexismo etc.

Imaxe da guía desde a que se pode descargar para o seu uso educativo.
Esta actividade tamén foi recollida polo Diario de Santiago:

Imaxe da actividade recollida no Diario de Santiago.