O alumnado de 3º da ESO do CPI Virxe da Cela de Monfero levou a cabo unha investigación sobre os motivos polos que se produce o despoboamento do mundo rural, moi visible no seu entorno. O resultado foi a elaboración dun programa de radio no que se propiciou a reflexión sobre este tema e no que se realizou unha entrevista a unha persoa que podía dar testemuño da vida no rural e dos cambios que se produciron na localidade de Monfero desde os tempos da súa infancia.
Con esta experiencia preténdese que o alumnado reflexione sobre as formas de habitar o territorio, valore as posibilidades do rural, identifique as causas do despoboamento neste medio e procure solucións que contribúan a desenvolver o obxectivo 11 das ODS: facer que as cidades e os asentamentos humanos sexan inclusivos, seguros e sostibles. https://www.un.org/sustainabledevelopment/cities/
O proxecto desenvolveuse entre os meses de xaneiro e xuño de 2025 en varias sesións impartidas por Rocio experta no medio radiofónico de Agareso. Para empezar preguntouse ao alumnado polos temas que lles preocupaban e despois dunha posta en común e un debate decidiron investigar sobre o despoboamento que afecta ao entorno rural no que viven. A experiencia concretouse nun programa de radio no que se analizaron as causas do despoboamento, as vantaxes e inconvenientes de vivir no campo ou a posibilidade de facelo no futuro. Tamén realizaron unha entrevista a unha persoa natural da zona que deu conta da experiencia de vivir no medio rural e dos cambios que percibiu no seu entorno desde que el era neno.
(LUCES)
Que situacións actuais no noso arredor nos preocupan?
A experiencia comezaba preguntando sobre situacións actuais que afectaban ou preocupaban ao alumnado. O punto de partida foi unha chuvia de ideas; expuxéronse varios temas, debateuse e elixiron investigar sobre o despoboamento do rural. Despois traballaron en pequeno grupo arredor das causas e consecuencias do despoboamento nas zonas rurais de Galicia e compartiron os resultados para abordar a problemática con maior amplitude desde o propio coñecemento que tiñan da realidade: avaliaron as vantaxes e inconvenientes de vivir no rural, expuxeron as súas expectativas de cara a poder desenvolver a súa vida futura nel e buscaron solucións aos déficits que presenta a actual situación das nosas aldeas. Polo xeral, o alumnado amosou apego ao campo, valora vivir neste entorno e de ser posible afincaríase nel aínda recoñecendo as dificultades que implica, por exemplo de cara a realizar estudos superiores ou atopar un posto de traballo.
(CÁMARA)
Quen pode responder as nosas preguntas sobre a vida no rural?
Para completar a visión sobre a problemática do despoboamento no mundo rural e achegar solucións, o alumnado de terceiro curso da ESO do CPI de Virxe da Cela decidiu entrevistar unha persoa coñecida na comunidade que puidese responder as súas preguntas e resolver algunhas dúbidas. O elixido foi Amando, técnico de deportes do Concello, que ademais de explicar as razóns persoais que o levaron a escoller o rural para vivir e analizar a problemática, deixounos o testemuño dos cambios que se produciron desde que el era estudante. Ao tratarse dunha persoa relativamente nova e cun traballo que non resulta un impedimento para residir na zona, o seu caso pode tomarse como un exemplo para a xente que desexa desenvolver a súa vida no medio rural, sexa no lugar onde naceu ou noutro.
![]() |
Imaxe representativa do pensamento crítico do alumnado de 3º da ESO. |
(ACCIÓN)
Compartindo a experiencia da Rede Compás
Aproveitando que parte do alumnado participara, dentro do marco do proxecto europeo de “Rede Compás”, nun encontro entre centros no que se tratara a mesma temática, trasladouse ao programa de radio a experiencia e as conclusións ás que se chegara alí. Moitas eran as mesmas que apareceran no proceso de análise realizado nas sesións de traballo: deficiencias no transporte público, dificultades da mocidade para realizar os estudos desexados en centros próximos, limitada oferta de traballo, carencias nos servizos, pouca vida social ou deterioro da vivenda. Seguindo o espírito da Rede Compás, plan impulsado desde a UE que procura fomentar o activismo entre a xuventude propondo modelos de futuro sostibles, propuxéronse solucións como impulsar mellorar as condicións de vida da poboación do campo, promover o asociacionismo ou demandar axuda das entidades públicas, igual que se fixera no manifesto elaborado no encontro entre centros no que participou o CPI de Monfero.

![]() |
Imaxe do mapa do CENIT onde se recolle a nosa experiencia. |
No hay comentarios:
Publicar un comentario