Mostrando entradas con la etiqueta micromovies. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta micromovies. Mostrar todas las entradas

lunes, 7 de octubre de 2013

MICROMOVIE MONFEROSOLIDARIO

Pois ben, despois desta longa espera, aquí tedes en exclusiva o resultado da micromovie gravada no CPI Virxe da Cela o pasado curso académico. Moitas caras coñecidas, e algún papel intercambiado... non si? Alumnos/as responsables facendo de pasotas, alumnos/as escépticos facendo de activista, e tamén suplantando a personalidade dos mestres/as... Esperemos que teñades un rato agradable, e que vos quededes coa mensaxe deste vídeo:

 

TOMAS FALSAS 

CRÓNICA DO I ENCONTRO DE CENTROS SOLIDARIOS PLAN PROXECTA

Case unha treintena de alumnos/as e dúas profesoras participamos no I Encontro de Centros Galegos Solidarios, que tivo lugar o pasado venres 4 de outubro en Santiago de Compostela. Partimos ben cedo de Monfero para chegar a tempo á inauguración do Encontro, prevista para as 10:30 de mañá, econtando nin máis nin menos que coa presenza e discurso de Beatriz Mato Otero, Conselleira de Traballo e Benestar, quen enmarcou esta actividade dentro do Plan de Voluntariado da Xunta de Galicia. Acto seguido o noso ben coñecido Ramón Molina, alma mater do proxecto "Micromovies en Prol do Voluntariado", foi o encargado de presentar, guiar e dinamizar toda a xornada. Noraboa, Ramón, por ter toda esa enerxía e entusiasmo, e pola túa dedicación (comprendemos que foron moitísimas as horas empregadas para a montaxe das micromovies e para a preparación deste encontro). E ao fin... o máis esperado... poder ver o resultado das gravacións nos sete centros participantes e comprobar a cantidade e a calidade das iniciativas levadas a cabo en cada un deles.

A nosa compañeira Antía (3º ESO) foi a encargada de saír ao escenario e presentar o CPI Virxe da Cela, describindo as nosas actividades e perfilando a nosa filosofía de traballo. O resultado da micromovie... xa está á vosa disposición. E para todos vós, os rapaces e rapazas que este ano xa non estades no noso centro e que tedes unha presenza tan notable na micromovie... os nosos parabéns. Vaia dotes interpretativas!!!




Despois de permanecer sentados e atentos toda a sesión de mañá, na proxección das micromovies, a planificación para a tarde estivo centrada en actividades máis dinámicas e participativas, nas que todos os asistentes mesturámonos na colectividade, tendo a oportunidade de coñecer a outros alumnos/as e profes, e entre todos levando a cabo xogos e dinámicas do máis divertido. Paralelamente podíase visitar os "stands" dos diferentes centros, donde atopábamos documentos e obxectos que ilustraban as súas actividades solidarias, e incluso falar directamente, para o intercambio de impresións. O noso compañeiro Iago (4º ESO) exerceu a figura de xornalista, e con micrófono a man, foi achegándose aos alí presentes para recoller as súas impresións. Posteriormente o seu compañeiro Adrián (4º ESO) realizou unha entrevista do mais "formal" a Alberto Otero, Subdirector Xeral de Voluntariado, quen agradeceu a toda a mocidade polo seu compromiso.






Como punto final da xornada realizouse un "mercado do troco", onde cada quen poido intercambiar un obxecto traído da casa e que posiblemente estaba en desuso, con un novo obxecto que captara a nosa atención, previo "regateo" entre os protagonistas do troco.

Se queredes ampliar información sobre este encontro, podedes premer na seguinte imaxe, que será o enlace que vos levará á páxina web do servizo de voluntariado galego.



jueves, 30 de mayo de 2013

CÁMARA...ACCIÓN: XORNADA DE GRAVACIÓN DE MICROMOVIES

O xoves 30 de maio de 2013 convertimos o CPI Virxe da Cela nun auténtico plató cinematográfico. Esta xornada constituiu o último módulo do proxecto "Micromovies" que estamos a facer na Rede de Centros Galegos Solidarios, dentro do Plan Proxecta (Xunta de Galicia). Ao noso centro achegáronse Ramón Molina e Ximena Valle, xa coñecidos por todos nós por impartiren as charlas de presentación e os obradoiros de introdución á elaboración das "Micromovies". Unha curtametraxe de ficción na que entrelaza a propia realidade, xa que todos nós xa estamos habituados a efectuar accións solidarias na nosa xa longa traxectoria de Monferosolidario. Pero neste caso os rapaces e rapazas darán vida tamén a docentes comprometidos, a técnicos municipais, e outras personaxes: protagonistas do cambio, opositores, figurantes, etc.., case un total de 30 alumnos/as que formaron parte neste proceso de gravación. Agora nos queda esperar ao proceso edición e ver o resultado final... Será para o mes de setembro, e está previsto realizar unha xuntanza de todos os centros desta Rede Solidaria para participar nunha "gala inaugural". Polo de pronto vos deixamos unhas cantas fotografías do making-off. 



     


lunes, 15 de abril de 2013

OBRADOIROS DE MICROMOVIES, PLAN PROXECTA



Son rapaces e rapazas dun centro escolar que fan da solidariedade unha forma de vida, xa que son conscientes de que o cambio soamente será posible a través da acción. Así son o protagonistas desta historia de banda deseñada. Agora os alumnos e alumnas da ESO do CPI Virxe da Cela deberán pensar no desenvolvemento e final, aportando múltiples ideas que darán paso a creación dunha obra colectiva. Así o estiveron a facer no obradoiro de "Micromovies en prol do Voluntariado", dentro do Plan Proxecta da Xunta de Galicia. Tivo lugar o pasado luns 15 de abril, no horario de tarde (de 14:45 a 16:25), desenvolvido simultáneamente nas aulas de UUMM2 (alumnado de 1º e 2º da ESO) e UUMM3 (alumnado de 3º e 4º da ESO). Traballaron por parellas e por grupos, e a modo de torbellino de ideas sacaron á luz moitas solucións para o cambio. O próximo paso será pasar esta historia do papel ao cine, e convertila nunha pequena película que ilustre o facer solidario de moitos xóvenes que están a participar nunha transformación positiva da sociedade.









lunes, 4 de marzo de 2013

CONSTRUÍNDO EN REDE


Este ano o noso centro sumouse á Rede Galega de Centros Solidarios, a través do Plan Proxecta (Xunta de Galicia). Tras unha primeira fase de presentación, na que recibimos unha charla sobre os obxectivos desta iniciativa, durante o mes de marzo realizaremos unha segunda fase, titulada "Construíndo en Rede".

Coa intención de xerar un contido conxunto para a parte final das “micromovies” (audiovisual
colectivo), que permitan ensalzar os valores e beneficios da acción voluntaria, e por outra
banda para promover o fortalecemento do sentimento de pertenza á Rede de Centros Escolares Solidarios, se xenera unha fase de traballo na que o alumnado dende o seu propio centro e empregando as plataformas xa existentes dende a Dirección Xeal de Voluntariado, constituír un espazo común dirixido a conquerir productos concretos en 2 liñas:

1) Recoller un lema que identifique, o traballo do alumnado na acción voluntaria, e que axude a sensibilizar á comunidade educativa e a cidadanía en xeral sobre a importancia dos proxectos de voluntariado.
2) Identificar os beneficios, e valores que hai trala acción voluntaria e que tanto aportan aos axentes de acción voluntaria, no desenvolvemento dos diferentes proxectos. Esa identificación a través de preguntas concretas, con respostas estruturadas que axudan a facer unha presentación didáctica e atractiva.

Se premedes na seguinte imaxe podedes conectar coa wiki para introducir a información: 


jueves, 7 de febrero de 2013

CHARLA PRESENTACIÓN DE MICROMOVIES


O pasado luns 4 de febreiro de 2013 o alumnado de secundaria tivo unha primeira charla de presentación da actividade "micromovies", eixo vertebrador da Rede de Centros Solidarios do Plan Proxecta, á cal pertence o CPI Virxe da Cela. Esta charla-presentación, tal como explicou o ponente Ramón Molina,  constitúe a primeira das catro fases nas que se estructura a actividade, que describimos a continuación:
  • Fase1: Sesión presencial de presentación e construción colectiva de lemas e contidos destinados á creación dun produto audiovisual.
  • Fase 2: A través dunha plataforma virtual construirase un espazo para que o alumnado realice achegas, que serán contidos construídos colectivamente dende a Rede, fortalecendo o seu sentimento de pertenza á mesma.
  • Fase 3: Obradoiro “Do cómic ao cine”: xerar un proceso creativo sobre o desenlace do cómic presentado que permita deseñar o guión da “micromovie”.
  • Fase 4: Gravación e edición da “micromovie”, no que participará alumnado dos diferentes centros da Rede de Centros Solidarios. 

Ramón Molina, quen  impartiu esta charla, explicou con tode detalle cada unha das fases do proxecto, e tratou de crear un clima de participación entre o alumnado para acadar un tema que fose a base da "micromovie" que se desenvolverá no CPI Virxe da Cela. Nas próximas semanas recibiremos instrucións para ir introducindo a segunda fase a través dunha plataforma virtual. Esperamos que con todas as ideas do noso alumnado poidamos levar a cabo un rexistro audiovisual con gancho e, sobre todo, cunha mensaxe ben solidaria para difundir entre todos os posibles espectadores....








Micromovies fases from satelite1



Se queredes ver esta noticia pendurada no blogue VOLUNTARIADO GALEGO, da Dirección de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia, clicade na seguinte imaxe: