Mostrando entradas con la etiqueta O mundo que queremos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta O mundo que queremos. Mostrar todas las entradas

lunes, 3 de abril de 2017

O MUNDO QUE QUEREMOS.

Coa xenerosidade das persoas que están afeitas a traballar pola súa comunidade, o alumnado da ESO do CPI Virxe da Cela puido gozar de Marleni Polo, coordinadora das promotoras de saúde dos bateyes, palabra de orixe caribeño, que significa “lugar ocupado polas vivendas, barracóns,…nas fincas das Antillas dedicadas ao cultivo da cana de azucre”, acompañada de varias persoas da ONG Solidariedade Internacional de Galicia.
Concretamente, Marleni Polo traballa polo desenvolvemento destes bateyes en República Dominicana, e comezou a facelo con só 13 anos de idade!!.
O papel das promotoras de saúde é organizarse entre as mulleres de forma voluntaria que, coa axuda de ONGs galegas, de Asamblea de Cooperación pola Paz, que comezou o seu traballo en Galicia coa execución dun proxecto en República Dominicana, pretenden o acceso sostible a auga potable salubre e ao saneamento básico e a mellora no eido sanitario nos bateyes.
Destacar o papel de Marleni por convertirse nun exemplo positivo para todas as mulleres, dándolles protagonismo no desenvolvemento da súa comunidade e reivindicando os seus dereitos desde unha perspectiva de xénero.

A charla rematou animando ao alumnado a ser consciente do poder que temos cando todos e todas xuntos traballamos en prol da nosa comunidade.




viernes, 4 de abril de 2014

ACTO DE CLAUSURA "COOPERACIÓN GALEGA: O MUNDO QUE QUEREMOS"

    A Sala Capitol de Santiago de Compostela reuniu o pasado venres 4 de abril de 2014 aos escolares e profesores/as dos 5 centros participantes no programa “Cooperación Galega: o mundo que queremos” nunha divertida, orixinal e emotiva gala de clausura. Divertida pola variedade de números e espectáculos e polas grandes doses de humor desprendidas polos compoñentes de “100tolas”, o grupo de teatro encargado de guiar a gala. Orixinal por trocar a formalidade dun salón de actos por un alternativo local de ocio con amplo espazo para moverse, bailar a ritmo do rap de Pachamama Crew na semipenumbra baixo focos con luces multicolor. E emotivo porque establecíase o punto e final para un programa que encheu de actividades e de visitantes aos cinco centros escolares galegos (Santiago, Melide, Ourense, Monfero e Viana do Bolo) durante todo o curso académico, froito do traballo e dedicación de persoas vinculadas a un grupo de ONGs que apostan pola construción dun mundo mellor. 
   Como punto final desta travesía mostráronse fragmentos os traballos elaborados nos centros participantes, tanto na modalidade de fotoxornalismo como no formato de podcast radiofónico. Podedes ter acceso á totalidade dos mesmos a través da web de cooperación galega. Andrea, Ana 1 e Ana 2 (de 1º da ESO) subiron ao escenario para representar ao CPI Virxe da Cela e para explicar aos asistentes programas de radio gravados no noso centro, que están pendurados no noso blogue na pestana “O Xestal nas Ondas” (http://cpivirxedacelasolidario.blogspot.com.es/p/o-xestal-nas-ondas-radio-monfero-39.html). 
    A parte de coñecer ás profes e aos rapaces e rapazas dos outros centros, foi tamén un momento para o reencontro, coincidindo cos nosos xa amigos salvadoreños Iris, Yasmine e José Manuel,e cos responsables do proxecto, membros de ONGs e talleristas que estiveron no noso cole dirixindo os obradoiros (María Caride, Rosa, Montse, Óscar, etc). Ignacio (4º da ESO) foi o “number one” na pista de baile, aínda que as profes Teresa e Adela, e os rapaces e rapazas de 1º da ESO facíanlle a competencia como bailongos. E que mellor que finalizar a festa cunha parada obrigada para xantar no novo centro comercial de Santiago!!! Que llo digan a os cativos de 1º da ESO, que iniciaron a Ignacio (4º) na cultura do churrasco. Galicia Calidade!!











martes, 11 de febrero de 2014

TEATRO DO OPRIMIDO

Ana é unha rapaza peruana que, deixando con morriña a súa terra e a súa familia, lánzase á aventura dunha nova vida en España. Pola súa condición de inmigrante e de muller, non vai facer máis que atoparse con trabas burocráticas e cun trato discriminatorio, e á pesares de ter estudos e experiencia laboral, no noso país non vai poder aspirar máis que a traballar como asistenta de fogar nunhas condicións de explotación. Os espectadores asistimos a esta representación, que non se alonxa á realidade de centos de miles de persoas que se encontran na mesma situación que Ana.  Pero en lugar de aceptar de maneira pasiva todas esas inxustizas, teremos a oportunidade de saír ao escenario e trocar o curso da historia. 

Así o fixeron os rapaces e rapazas da ESO no CPI Virxe da Cela, que tomaron parte nesta interesante sesión de Teatro do Oprimido (martes 11 de febreiro de 2014) organizada por Cooperación Galega no seu proxecto "O Mundo que queremos" (Plan Proxecta 2013-2014). Deste xeito imos completando e enriquecendo o plan de acción neste proxecto, que comezou cun obradoiro sobre os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (novembro 2013), continuou con dous obradoiros de fotografía e radio (decembro 2013) impartidos pola ONG de xornalismo AGARESO (Asociación Galega de Reporteiros Solidarios), pasando por esta interesante experiencia de Teatro do Oprimido, e que finalizará coa visita de varios mozos/as do Ecuador para contar a súa propia experiencia ao noso alumnado. 

 Aos proxectos de fotoxornalismo e radio que estanse levando a cabo en todos os cursos da ESO, engadiremos agora a práctica de Teatro do Oprimido, tratando de reflexionar sobre os contidos da obra á que asistimos, e animándonos a lanzar novas propostas utilizando o mesmo formato. Esperamos que próximamente podamos compartir os traballos realizados con toda a nosa comunidade educativa a través deste blogue de educación en valores.







miércoles, 18 de diciembre de 2013

OBRADOIRO DE RADIO

Para completar esta xornada de formación dentro do proxecto "Cooperación Galega: O Mundo que Queremos" (Plan Proxecta 13-14), o alumnado de 3º e 4º da ESO recibiu un obradoiro de radio impartido por Monserrat Fernández. Tanto Monserrat como Óscar Vázquez (obradoiro de fotoxornalismo) son membros da ONG AGARESO (Asociación Galega de Reporteiros Solidarios), compartindo e transmitindo a idea de que os medios de comunicación son una poderosa ferramenta para denunciar e combatir as inxustizas. A través dos exemplos das radios comunitarias Monserrat amosounos como poden estas constituír un elemento para empoderar á propia sociedade. Os rapaces e rapazas de 3º e 4º da ESO aprenderon a distinguir diferentes estilos e elementos que conforman a linguaxe radiofónica, e incluso fixeron os seus "pinitos" co micrófono (se ben é certo que previamente no noso centro xa tivemos experiencias previas na gravación de podcasts radiofónicos). Tomando como base os Obxectivos do Milenio e distribuídos en grupos, estes mozos e mozas tratarán de sacarlle partido a este medio, e durante o segundo trimestre elaborarán guións radiofónicos, realizarán as gravacións, e incluso iniciarse no mundo da edición, a través do programa Audacity. Os resutados estarán en breves no aire...


martes, 17 de diciembre de 2013

OBRADOIRO DE FOTOGRAFÍA

Dentro do proxecto "Cooperación Galega: O Mundo que Queremos", (Plan Proxecta 2013-2014) contémplanse unha serie de obradoiros que se desenvolverán ao longo do curso. O primeiro deles está baseado na fotografía, e levouse a cabo no CPI Virxe da Cela o pasado martes 17 de decembro de 2013. Neste caso concreto, este obradoiro de fotografía estivo dirixido para os rapaces e rapaces de 2º da ESO, e impartido polo fotoxornalista galego Óscar Vázquez, quen amosou parte do seu traballo fotográfico, así como as creacións doutos fotógrafos a nivel mundial que utilizan a fotografía coma unha ferramenta para a denuncia e a crítica social. Baseándonos na temática dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, o alumnado de 2º da ESO organizouse en pequenos grupos, tratando de fixar un dos ODM no que centrarán o seu traballo para o segundo trimestre. Por unanimidade elexiuse o Obxectivo nº 7, que consiste en garantir a sostenibilidade do medio ambiente, e tratarase de desenvolvelo a nivel local, incidindo na nosa contorna máis próxima. 


miércoles, 4 de diciembre de 2013

ELECCIÓN DE LOGOS "O MUNDO QUE QUEREMOS"

Cooperación galega adxutaba estes tres logotipos para representar o seu proxecto "O mundo que queremos", pertencente ao Plan Proxecta 13-14, no que participamos cinco centros escolares galegos. Como unha das finalidades deste proxecto é o traballo en equipo e a cooperación, a acción de elexir unha imaxe que nos representase foi plantexada como unha actividade conxunta. Pois aí vai o resultado do CPI Virxe da Cela. Comunicamos que por unanimidade, o alumnado da ESO do noso cole elexiu a 3º opción, ese logo que nos semella algo moi romántico (podería lembrarnos á Torre Eiffel?) e moi natural (podería ter reminiscencias cos prados que nos rodean neste o noso enclave rural?)