Mostrando entradas con la etiqueta Asociación Educativa Infantil e Xuvenil Soño Rural. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Asociación Educativa Infantil e Xuvenil Soño Rural. Mostrar todas las entradas

martes, 5 de abril de 2016

PROXECTO MÓVETE: XA TEMOS LOGO


Durante a última semana de marzo eleximos o logo co lema que representará o noso 
Proxecto Móvete.




De todos os participantes, dez foron os finalistas, pero tan só un foi o gañador…


Moitísimas grazas a todos e a todas por participar!
Nótase que no Virxe da Cela movémonos polo rural! 


miércoles, 30 de marzo de 2016

MOCIÓN DE APOIO EN DEFENSA DO RURAL




      O pasado mércores 30 de marzo o alumnado de 5º e 6º de Ed. Primaria do CPI Plurilingüe Virxe da Cela acode ao pleno ordinario do Concello de Irixoa (13:30) dentro dunha iniciativa destinada a fomentar a organización do alumnado en prol dunha aprendizaxe que repercuta na sociedade na que se desenvolve, é dicir, que se formen cidadáns críticos e responsables. Trátase de que aprendan a xestionar as súas accións de forma coordinada, cooperativa, dialogante e democrática. 

      En dito pleno presentamos una moción de apoio ó rural en todas as súas vertentes (sociedade, cultura, economía …) que, acompañada dunha campaña de difusión das súas potencialidades, pretende facer visible ó conxunto da sociedade unha forma de vida singular e propia que non ten por qué desaparecer da nosa Comunidade, xa que foi a base da sociedade actual. Ademais expuxéronse as problemáticas máis urxentes: despoboamento, avellentamento, falla de recursos e infraestruturas, ou a crise tanto do sector agrícola como do gandeiro, facendo fincapé na perda de poder adquisitivo das xentes que vivimos ó seu redor. Dita moción foi aprobada por unanimidade. A mesma proposta tamén se trasladará no seu momento ao Concello de Monfero. 

     Os encargados de formular a proposta (alumnado de 5º e 6º de Ed. Primaria) forman parte da Asociación Educativa Infantil e Xuvenil Soño Rural, que constituíu dito alumnado o pasado 8 de marzo como fórmula para aglutinar as actuacións que se desenvolven no centro en prol dunha revalorización das formas de vida do rural e, o mesmo tempo fomentar a participación nas mesmas do resto da comunidade educativa e do tecido social da comarca. Ademais, as mesmas formaran parte dunha campaña de difusión automática dos valores e potencialidades do rural baixo o título “NO RURAL VIVES O NATURAL”. Dita campaña, contará cun soporte físico publicitario, e tamén será difundida a través de medios dixitais para ampliar o seu ámbito de acción. Entre as temáticas que tratará a campaña están a valoración do patrimonio natural, histórico, artístico, lingüístico, cultural, etnográfico e social entre outros a través de exemplos cotiás das formas de desenvolvemento das súas xentes. 

     En definitiva, cremos nun mundo rural vivo, no que partindo das súas potencialidades e dunha valoración positiva da súa idiosincrasia sexa quen de acadar un crecemento sostible e a valoración e o respecto da súa singularidade patrimonial (medio natural, lingua, costumes, usos, formas de desenvolvemento entre outros) para ser quen de transformar as súas potencialidades en motor económico, social e cultural. Por último, estas iniciativas desenvólvense ao abeiro do proxecto “Móvete” da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e do Plan Proxecta na modalidade “Paisaxe e Sustentabilidade ”do Instituto de Estudos do Territorio.




miércoles, 9 de marzo de 2016

ASOCIACIÓN EDUCATIVA INFANTIL E XUVENIL SOÑO RURAL

Cando dende a administración se nos propuxo a participación no proxecto Móvete, os nenos e nenas de 5º e 6º de primaria estivemos nuns obradoiros nos que nos demos conta de que o traballo individual non dá tan bos resultados coma o traballo colectivo. Por iso pensamos en organizarnos nunha asociación que se convertera en motor e nos fixera protagonistas dun cambio na nosa contorna converténdoa nun espazo de convivencia e de futuro.
Animados polos nosos mestres xuntámonos para organizarnos e aprender a xestionar as nosas accións de maneira coordinada cos demais dun xeito dialogante e democrático. Así naceu a Asociación Educativa Infantil e Xuvenil Soño Rural, con sede no noso centro educativo e que tentará aglutinar as accións que dende aquí se leven a cabo na procura dun mundo rural vivo, valorado positivamente e cun crecemento sostible que nos permita vivir a todos dunha maneira digna.
Tivemos un acto fundacional da nosa asociación no que decidimos os seus fines e obxectivos i eliximos á xunta directiva; esta está formada por un presidente, unha secretaria e dous vocais. Agora estamos na fase de elaboración e aprobación dos estatutos. Mentres tanto comezamos a traballar.
Para poder levar a cabo os nosos obxectivos temos que dar tres pasos:
    1.    Coñecer a realidade,
    2.    Reflexionar sobre o positivo e negativo do mundo que nos rodea,
    3.    Actuar, conxuntamente coa sociedade na que estamos inmersos, para cambiar o que está mal e potenciar realidades e valores que nos identifican e que son positivos.
Somos conscientes de que a nosa asociación non ten valor institucional fóra da nosa escola, xa que somos menores de idade; sen embargo a través das accións levadas a cabo estaremos aprendendo o funcionamento de calquera tipo de asociación, polo que nos fixemos con un caderno no que a nosa secretaria levanta acta de cada unha das reunión para que non queden esquecidas e se nos lembren os acordos tomados para levalos a cabo.
Unha das primeiras acción que faremos será presentar unha moción de apoio ó mundo rural no Concello de Irixoa, con propostas para que os nosos políticos loiten pola recuperación e mellora da nosa contorna. Xa iremos contando como foi…