miércoles, 30 de marzo de 2016

MOCIÓN DE APOIO EN DEFENSA DO RURAL




      O pasado mércores 30 de marzo o alumnado de 5º e 6º de Ed. Primaria do CPI Plurilingüe Virxe da Cela acode ao pleno ordinario do Concello de Irixoa (13:30) dentro dunha iniciativa destinada a fomentar a organización do alumnado en prol dunha aprendizaxe que repercuta na sociedade na que se desenvolve, é dicir, que se formen cidadáns críticos e responsables. Trátase de que aprendan a xestionar as súas accións de forma coordinada, cooperativa, dialogante e democrática. 

      En dito pleno presentamos una moción de apoio ó rural en todas as súas vertentes (sociedade, cultura, economía …) que, acompañada dunha campaña de difusión das súas potencialidades, pretende facer visible ó conxunto da sociedade unha forma de vida singular e propia que non ten por qué desaparecer da nosa Comunidade, xa que foi a base da sociedade actual. Ademais expuxéronse as problemáticas máis urxentes: despoboamento, avellentamento, falla de recursos e infraestruturas, ou a crise tanto do sector agrícola como do gandeiro, facendo fincapé na perda de poder adquisitivo das xentes que vivimos ó seu redor. Dita moción foi aprobada por unanimidade. A mesma proposta tamén se trasladará no seu momento ao Concello de Monfero. 

     Os encargados de formular a proposta (alumnado de 5º e 6º de Ed. Primaria) forman parte da Asociación Educativa Infantil e Xuvenil Soño Rural, que constituíu dito alumnado o pasado 8 de marzo como fórmula para aglutinar as actuacións que se desenvolven no centro en prol dunha revalorización das formas de vida do rural e, o mesmo tempo fomentar a participación nas mesmas do resto da comunidade educativa e do tecido social da comarca. Ademais, as mesmas formaran parte dunha campaña de difusión automática dos valores e potencialidades do rural baixo o título “NO RURAL VIVES O NATURAL”. Dita campaña, contará cun soporte físico publicitario, e tamén será difundida a través de medios dixitais para ampliar o seu ámbito de acción. Entre as temáticas que tratará a campaña están a valoración do patrimonio natural, histórico, artístico, lingüístico, cultural, etnográfico e social entre outros a través de exemplos cotiás das formas de desenvolvemento das súas xentes. 

     En definitiva, cremos nun mundo rural vivo, no que partindo das súas potencialidades e dunha valoración positiva da súa idiosincrasia sexa quen de acadar un crecemento sostible e a valoración e o respecto da súa singularidade patrimonial (medio natural, lingua, costumes, usos, formas de desenvolvemento entre outros) para ser quen de transformar as súas potencialidades en motor económico, social e cultural. Por último, estas iniciativas desenvólvense ao abeiro do proxecto “Móvete” da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e do Plan Proxecta na modalidade “Paisaxe e Sustentabilidade ”do Instituto de Estudos do Territorio.




No hay comentarios:

Publicar un comentario