Mostrando entradas con la etiqueta 3º ESO. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta 3º ESO. Mostrar todas las entradas

miércoles, 11 de junio de 2025

Radio cun sorriso. Buscamos solucións ao despoboamento rural

O alumnado de 3º da ESO do CPI Virxe da Cela de Monfero levou a cabo unha investigación sobre os motivos polos que se produce o despoboamento do mundo rural, moi visible no seu entorno. O resultado foi a elaboración dun programa de radio no que se propiciou a reflexión sobre este tema e no que se realizou unha entrevista a unha persoa que podía dar testemuño da vida no rural e dos cambios que se produciron na localidade de Monfero desde os tempos da súa infancia.   

Con esta experiencia preténdese que o alumnado reflexione sobre as formas de habitar o territorio, valore as posibilidades do rural, identifique as causas do despoboamento neste medio e procure solucións que contribúan a desenvolver o obxectivo 11 das ODS: facer que as cidades e os asentamentos humanos sexan inclusivos, seguros e sostibles. https://www.un.org/sustainabledevelopment/cities/

O proxecto desenvolveuse entre os meses de xaneiro e xuño de 2025 en varias sesións impartidas por Rocio experta no medio radiofónico de Agareso. Para empezar preguntouse ao alumnado polos temas que lles preocupaban e despois dunha posta en común e un debate decidiron investigar sobre o despoboamento que afecta ao entorno rural no que viven. A experiencia concretouse nun programa de radio no que se analizaron as causas do despoboamento, as vantaxes e inconvenientes de vivir no campo ou a posibilidade de facelo no futuro. Tamén realizaron unha entrevista a unha persoa natural da zona que deu conta da experiencia de vivir no medio rural e dos cambios que percibiu no seu entorno desde que el era neno.  

(LUCES)

Que situacións actuais no noso arredor nos preocupan?

A experiencia comezaba preguntando sobre situacións actuais que afectaban ou preocupaban ao alumnado. O punto de partida foi unha chuvia de ideas; expuxéronse varios temas, debateuse e elixiron investigar sobre o despoboamento do rural. Despois traballaron en pequeno grupo arredor das causas e consecuencias do despoboamento nas zonas rurais de Galicia e compartiron os resultados para abordar a problemática con maior amplitude desde o propio coñecemento que tiñan da realidade: avaliaron as vantaxes e inconvenientes de vivir no rural, expuxeron as súas expectativas de cara a poder desenvolver a súa vida futura nel e buscaron solucións aos déficits que presenta a actual situación das nosas aldeas. Polo xeral, o alumnado amosou apego ao campo, valora vivir neste entorno e de ser posible afincaríase nel aínda recoñecendo as dificultades que implica, por exemplo de cara a realizar estudos superiores ou atopar un posto de traballo.  

(CÁMARA)

Quen pode responder as nosas preguntas sobre a vida no rural?

Para completar a visión  sobre a problemática do despoboamento no mundo rural e achegar solucións, o alumnado de terceiro curso da ESO do CPI de Virxe da Cela decidiu entrevistar unha persoa coñecida na comunidade que puidese responder as súas preguntas e resolver algunhas dúbidas. O elixido foi Amando, técnico de deportes do Concello, que ademais de explicar as razóns persoais que o levaron a escoller o rural para vivir e analizar a problemática, deixounos o testemuño dos cambios que se produciron desde que el era estudante. Ao tratarse dunha persoa relativamente nova e cun traballo que non resulta un impedimento para residir na zona, o seu caso pode tomarse como un exemplo para a xente que desexa desenvolver a súa vida no medio rural, sexa no lugar onde naceu ou noutro.  

Imaxe representativa do pensamento crítico do alumnado de 3º da ESO.

(ACCIÓN)

Compartindo a experiencia da Rede Compás

Aproveitando que parte do alumnado participara, dentro do marco do proxecto europeo de “Rede Compás”, nun encontro entre centros no que se tratara a mesma temática, trasladouse ao programa de radio a experiencia e as conclusións ás que se chegara alí. Moitas eran as mesmas que apareceran no proceso de análise realizado nas sesións de traballo: deficiencias no transporte público, dificultades da mocidade para realizar os estudos desexados en centros próximos, limitada oferta de traballo, carencias nos servizos, pouca vida social ou deterioro da vivenda. Seguindo o espírito da Rede Compás, plan impulsado desde a UE que procura fomentar o activismo entre a xuventude propondo modelos de futuro sostibles, propuxéronse solucións como impulsar mellorar as condicións de vida da poboación do campo, promover o asociacionismo ou demandar axuda das entidades públicas, igual que se fixera no manifesto elaborado no encontro entre centros no que participou o CPI de Monfero.  

 
Ao tempo, xa temos a nosa experiencia no Mapa de experiencias para a cidadanía global.Cénit
Imaxe do mapa do CENIT onde se recolle a nosa experiencia.


miércoles, 20 de noviembre de 2024

SESIÓN DE CONTACONTOS PARA CONMEMORAR O DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS DA INFANCIA

Sesión de contacontos para o alumnado de 1º a 4º de primaria a cargo dos rapaces e rapazas de 3º de ESO. O alumnado da ESO a través do conto “Na procura dun mundo marabilloso”, narrou a historia dun grupiño de nenos e nenas liderados por Liberdade que se embarcan nunha viaxe por un camiño longo e verde na procura dun mundo mais humano e mellor.

 O alumnado da ESO explicoulles aos máis pequenos/as o porqué da celebración desta data tan importante e amosoulles a importancia de respectar en todo o mundo os Dereitos dos Nenos e as Nenas.

 Finalizaron cun simpático xogo de pasapalabra rematando a sesión cun pequeno agasallo realizado polo alumnado da ESO para todos os asistentes.