martes, 30 de abril de 2019

VIOLENCIA DE XÉNERO NA PUBLICIDADE E NOS MEDIOS AUDIOVISUAIS

 No CPI Virxe da Cela temos claro que o papel dos centros educativos e do profesorado é un factor clave na prevención da violencia de xénero. De entre as actividades realizadas con este fin, o mércores 24 de abril tivo lugar unha charla dirixida ao alumnado de 2º, 3º e 4º de ESO, sobre a “Violencia de Xénero na publicidade e nos medios audiovisuais" impartida por Gela G. Sánchez-Albornoz no marco do Plan Proxecta 2018-2019 dentro do programa da Secretaría Xeral da Igualdade “Por 365 días de repecto e igualdade”.



viernes, 26 de abril de 2019

3º OBRADOIRO "HORIZONTE 2030"

Georgina de los Angeles Molina Rivera é unha rapaza que estivo traballando en temas de novos liderados con xóvenes e mulleres en Nicaragua. Visitou o noso centro o pasado venres 26 de maio de 2019 da man de Solidariedade Internacional Galicia, a través do proxecto “Horizonte 2030”. Georgina explicou o traballo do ILS (Instituto de Liderazgos de Las Segovias, Nicaragua), unha rede formada por mulleres e por xóvenes que participan nun programa de formación centrado en temáticas como as relacións de xénero igualitarias, os dereitos humanos das mulleres, os dereitos sexuais e reprodutivos, os dereitos sociais, ambientais, económicos e políticos. A finalidade desta charla impartida aos mozos e mozas de Monfero é facelos conscientes da importancia da súa participación á hora de mellorar a situación das súas comunidades, isto é “construír unha xuventude galega transformadora”.









VII ENCONTROS DE CONVIVENCIA POSITIVA. Un mar de redes

O 26 e 27 de abril tiveron lugar os VII Encontros de centros para unha convivencia positiva, que baixo o lema Un mar de redes se desenvolveron no IES Mestre Landín de Marín.

Ata alí acudiron Marta e Hugo de 2º de ESO, en representación do alumnado mediador do centro, acompañados de Magú (Orientadora) e Abel (formador en Mediación).
Nos encontros participamos un total de 24 centros de toda Galicia e durante dúas xornadas debatemos e aprendemos, profesorado, alumnado e familias,  da man de Jordi Adell, Juan Vaello Orts sobre aspectos como os retos da educación na era dixital e as novas metodoloxías de traballo nas aulas e puidemos disfrutar das boas prácticas educativas dos centros participantes.

Todo isto completouse con obradoiros e sesións de teatro e parte das conclusións recolléunas @Cris_MartiR a través de visual thinking.



Inauguración

Taller


martes, 23 de abril de 2019

SAME 2019. CPI PLURILINGÜE VIRXE DA CELA


     Na última semana do mes de abril 2019 celebramos no colexio a SAME (Semana Mundial de Acción pola Educación). Este ano o lema é “Defendemos a educación, sostemos o mundo” e a campaña está centrada na loita contra a degradación medioambiental e a transformación cara un modelo social e medioambiental sostible. O alumnado de 2º de ESO nas materias de Relixión e Valores Éticos deseñou e levou a cabo un gran mural para difundir o lema da campaña. E como actividade conxunta cada clase ou grupo do centro elixiu palabras que  relacionadas co lema da campaña (por exemplo: ecoloxía, cambio climático, planeta, reciclaxe, etc) e construiu as letras desas palabras utilizando vasos de iogur (na base de cada vaso vai pintada unha letra). 
     O venres 26 de abril habilitouse un espazo na biblioteca que serviu de base para ir construíndo un gran “autodefinido” conxunto (EI, EP e ESO). Ao longo da mañá cada grupo baixou acompañado polo seu titor/a para colocar as súas palabras.

                 








FEIRA ORIENTACIÓN

O mércores 10 de abril, o alumnado de 3º e 4º de ESO acudiu ás II Xornadas de Orientación Académica e Profesional da comarca de Ferrol, onde puido informarse sobre as diferentes ofertas educativas postobrigatorias: mesas e relatorios das diferentes universidades, oferta de Formación Profesional de diferentes institutos da zona e estudos de ensinanzas artísticas entre outros.





viernes, 12 de abril de 2019

XI RASTRO SOLIDARIO E OPERACIÓN QUILO 2019. CPI VIRXE DA CELA

Nova xornada festiva para clausurar este segundo trimestre e dar paso ás vacacións de Semana Santa: que mellor que o xa tradicional Rastro Solidario e Operación Quilo, que neste ano 2019 cumpre a súa 11ª edición. Tras unha semana intensa de preparativos (queremos agradecer o traballo de todo/as, axudando a organizar os espazos, decorar, colocar os obxectos, etc) o venres 12 de abril dedicamos toda a mañá a visitar o Rastro e tamén a efectuar compras, trocando alimentos non perecedeiros por vales de compra. Xuntamos moitísimos quilos de comida que doaremos á Cociña Económica de Ferrol. Tamén recadamos 147’12 euros en donativos (estes cartos serán entregados á Fundación Vicente Ferrer para a construción dunha escola na India).









viernes, 5 de abril de 2019

OBRADOIRO RCP IMPARTIDO POR NENOS/AS INFANTIL


Os nenos e nenas de infantil, axudado pola súa profesora de educación fisica Ruth,  impartiron ao alumnado de ESO un interesante obradoiro de RCP (Reanimación Cardio Pulmonar), utilizando os seus peluches e cantando unha bonita canción. 

martes, 2 de abril de 2019

XORNADAS DE IDENTIDADE DIXITAL

O pasado luns 1 de abril de 2019, en horario de 14:25 a 16:25, celebráronse na aula de Usos Múltimples unhas xornadas de sobre identidade dixital para todo o alumnado da ESO. Enmárcanse dentro dos diferentes proxectos de Ayuda en Acción. Dúas xornalistas presentaron o seu proxecto Pasaporte Digital (proxecto educativo de alfabetización multimedia e competencias dixitais que ten por obxectivo fomentar un uso activo, crítico e responsable de Internet)