Mostrando entradas con la etiqueta VII Rastro Solidario. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta VII Rastro Solidario. Mostrar todas las entradas

martes, 31 de marzo de 2015

ESPECIAL RADIOFÓNICO VII RASTRO SOLIDARIO E OPERACIÓN QUILO 2015







       Quixemos compartir esta xornada tan especial, a celebración do VII Rastro Solidario e Operación Quilo 2015, con toda a nosa comunidade educativa, e por que non, con todos os nosos seguidores/as e admiradores/as. E que mellor transporte que as ondas radiofónicas para difundir esta experiencia?

     Coincidindo coa realización do obradoiro de radio impartido por Lucía Abarrategui e Sergio Pascual, o alumnado de 4º de educación primaria sentou ao micrófono a diferentes convidados para que explicasen a súas impresións. Nesta ocasión a biblioteca escolar converteuse nun auténtico estudio radiofónico e foron moitos/as os que se achegaron a este espazo para presenciar en directo a gravación deste especial radiofónico. 

        Entre as figuras entrevistadas destacamos as intervencións de Sonia Freire, nai de dúas alumnas que cursan educación secundaria neste centro, que explicou a implicación das familias, por segundo ano consecutivo, nesta actividade. Tamén contamos coa participación de Ramón Molina, coñecido por todos/as no noso centro e que nos visitou unha vez máis para gravar e documentar todo o proceso, e destacou diante dos micros a importante labor do noso centro en campañas solidarias deste calibre, feito que resalta e potencia o prestixio do CPI Virxe da Cela dentro da Rede de Centros Escolares Solidarios da Xunta de Galicia (Plan Proxecta). Contamos tamén coa intervención de Pablo Rodríguez Gómez, dinamizador da Rede Galega de Dinamización Xuvenil (Xunta de Galicia), que visitou hoxe o noso centro para ofrecer diferentes obradoiros ao alumnado de ESO e así completar esta xornada tan especial.


sábado, 28 de marzo de 2015

CELEBRACIÓN DO VII RASTRO SOLIDARIO E OPERACIÓN QUILO 2015



      







        Despois dunha intensa semana dedicada aos preparativos para a “VII Rastro Solidario e Operación Quilo 2015” chegou o tan ansiado venres 27 de marzo (non só por esta xornada tan especial, senón tamén porque sempre coincide co comezo das vacacións de Semana Santa). Os rapaces e rapazas de 4º da ESO, auténticos veteranos (levan presenciando ano tras ano, desde que teñen uso de memoria, a celebración desta actividade que xa é todo un referente no noso centro educativo) foron os encargados de atender os diferentes mostradores de compra-venda, mentres que un grupiño de pais e nais centrábanse na tarefa de trocar alimentos por vales e ir organizando os paquetes de alimentos en caixas. 

       Non tardaron de chegar á primeira hora da mañá o grupiño de nenos e nenas de educación infantil, que viviron este acontecemento con moitísima ilusión e alegría. Viñeron cargados de bolsas de arroz, pasta, galletas, etc. e volveron tamén cargados con moitos xoguetes… E así, curso por curso, desde os máis pequenos ata os maiores que cursan a ESO, foron pasando todos os grupos acompañados cos seus profesores. As imaxes que acompañan esta crónica amosan o dinamismo e satisfacción de todos/as os asistentes: rapaces/as, profesores/as, familias, cociñeiras, bedel, administrativa, etc… Sen esquecernos das visitas: Ramón Molina (coordinador da Rede de Centros Escolares Solidarios do Plan Proxecta, Xunta de Galicia), María Caride (técnico da ONG Solidariedade Internacional Galicia), Mª José Tejeras (técnico da ONG Ayuda en Acción), e un grupo de alumnas de Comunicación Audiovisual que viñeron gravar e documentar o evento.

       Quixemos completar esta xornada tan especial coa realización de actividades paralelas: en sesión de mañá o alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO participou dun divertido e didáctico obradoiro ofertado por Xuventude e Voluntariado (Xunta de Galicia), mentres que na biblioteca escolar o alumnado de 4º de primaria realizada a gravación dun especial radiofónico coa axuda de Lucía Abarrategui e Sergio Pascual (Radio Itinerante Creativa). Despois do xantar o noso compañeiro Álex de 3º da ESO agasallou aos rapaces/zas de 5º, 6º primaria e ESO cun espectáculo de DJ na aula de Usos Múltiples, e posteriormente o grupo de alumnos/as pertencentes á Rede Solidaria da Mocidade Entreculturas reuníronse con Sandra Rodríguez, técnico desta ONG, para programar as actividades que se desenvolverán neste último trimestre. 

      E por si fora pouco todo o que esta xornada nos aporta como centro, aínda hai que engadirlle a montaña de alimentos que proximamente levaremos á Cociña Económica de Ferrol, así como os 232’30 euros que se recadaron na caixa de doazóns, que tamén irán destinados a esta institución ferrolana. 
 

  

martes, 17 de marzo de 2015

VII RASTRO SOLIDARIO: CAMPAÑA DE SENSIBILIZACIÓN

Un ano máis, e con este xa van sete, celebraremos unha xornada especial o vindeiro venres 27 de marzo, día que rematamos as clases antes das vacacións de Semana Santa. O motivo é a celebración do VII Rastro Solidario, esta edición vinculado tamén á Operación Quilo. O alumnado de 1º da ESO visitou hoxe todas as aulas do CPI  Virxe da Cela, desde infantil ata secundaria, tratando de sensibilizar ao alumnado sobre a súa implicación nesta actividade, e repartindo circulares informativas ás familias.