Mostrando entradas con la etiqueta Operación Quilo 2014. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Operación Quilo 2014. Mostrar todas las entradas

lunes, 12 de mayo de 2014

CARTA DE AGRADECEMENTO DA COCIÑA ECONÓMICA DE FERROL

Antonio Tosado Naveiras, Presidente de Cociña Económica de Ferrol, escribiu unhas palabras de agradecemento ao CPI Virxe da Cela, deixando constancia da donación recibida o pasaso 28 de abril de 2014. Transcribimos as súas palabras:

  "A Xunta de Goberno da Cociña Económica de Ferrool, e no seu nome o presidente, saúda ao CPI Virxe da Cela de Monfero para expresarlles o noso profundo agradecemento polas doazóns en metálico e en especie realizadas. Aproveitando esta oportunidade para expresarlle a súa consideración máis distinguida. Recibe a 28 de abril de 2014 do CPI Virxe da Cela unha doazón en metálico de 147'40 euros, así como unha doazón en especie de 20 caixas de produtos variados".




lunes, 28 de abril de 2014

COCIÑA ECONÓMICA FERROL


Como podedes ver na imaxe, un grupiño de alumnos/as da ESO e a profe Teresa Losada, sempre tan dinámica á hora de mobilizar ao persoaal e toda unha experta en organizar e remover mobiliario, posan para esta fotografía rodeados dunha morea de caixas repletas de alimentos. É o resultado da campaña Operación Quilo 2014 realizada o pasado venres 11 de abril de 2014 en estreita colaboración co VI Rastro Solidario, realizándose nesta ocasión a compra dos obxectos do rastro a través dun auténtico “troco” con alimentos non perecedeiros. Este ano a falta de tempo impídenos organizar unha visita co alumnado á Cociña Económica de Ferro, tal como se fixo en anos anteriores. Aínda así, as coordinadoras de Monferosolidario ofrecímonos voluntariamente o pasado luns 28 de abril a cargar ata os topes os nosos vehículos particulares e levalos persoalmente ás instalacións da Cociña Económica de Ferrol, situadas na Rúa Rubalcava. Aproveitamos esta viaxe á capital ferrolá para reunirnos con Sandra Couso (técnico de Entreculturas) e con Ana Martín (profesora do colexio Jesús Maestro de Ferrol) para ir planificando o “Encontro de Fin de Curso da Rede Solidaria da Mocidade Entreculturas”, que nesta ocasión terá como escenario o Castelo de San Felipe e consistirá nunha peculiar “festa pirata”. Rematamos esta peculiar xornada de luns saboreando un exquisito chocolate con churros … para chuparse os dedos!!

sábado, 12 de abril de 2014

EMISIÓN RADIOFÓNICA VI RASTRO SOLIDARIO E OPERACIÓN QUILO 2014

      A celebración do VI Rastro Solidario e Operación Quilo 2014 supón un día moi especial para o CPI Virxe da Cela. O venres 11 de abril de 2014 o noso centro realizou unha xornada de portas abertas, e ademais dos nenos e nenas, profesores e profesoras, os corredores recibiron a visita de familias, que se achegaron á nosa escola para participar activamente nesta actividade. Coincidindo coa realización do obradoiro de radio “Laboratorio Radiofónico”, que se vén desenvolvendo todos os venres no noso centro desde o pasado mes de febreiro e dirixido ao alumnado de 5º e 6º de primaria e 4º da ESO, tivemos a idea de realizar unha gravación especial dedicada á VI Edición do Rastro Solidario e Operación Quilo 2014. 

     Os rapaces e rapazas de 5º e 6º de primaria entrevistaron a Belén e Yoli, dúas das nais que viviron de cerca esta experiencia: dedicaron parte do seu tempo axudando aos máis pequenos a elixir os obxectos e realizar o troco de alimentos, axenciáronse a cámara de fotos para documentar a actividade, e incluso unha delas aportou gran cantidade de bisutería realizada artesanalmente utilizando as cápsulas de nespresso e que tivo grande éxito de vendas… Aproveitando a visita de Mª José e Bea, da Fundación Ayuda en Acción, fixémoslles tamén unha entrevista para ver o seu punto de vista. Ambas agasallaron ao noso centro cun montón de críticas positivas, e sabemos que o convenio de colaboración coa Fundación Ayuda en Acción que firmamos o pasado mes de decembro de 2013 vai dar moitos froitos. Tamén entrevistamos a Verónica, unha das profes coordinadoras de Monferosolidario, que resaltou a importancia desta actividade para sensibilizar a toda a comunidade educativa, e contamos tamén cos comentarios de varios alumnos e alumnas, que amosan grande entusiasmo e satisfacción ao sentirse partícipes dunha acción que vai axudar ás persoas máis necesitadas.





http://www.diariodeferrol.com/articulo/ferrol/alumnos-cpi-virxe-da-cela-monfero-realizan-programa-radio-solidario/20140421002227082721.html











VI RASTRO SOLIDARIO E OPERACIÓN QUILO 2014

     Ante todo foi unha xornada festiva, na que o CPI Virxe da Cela, engalanado e decorado para a ocasión, acolleu a toda a comunidade educativa cun fin común e solidario: contribuír, cun pequeno xesto pero grande impacto, a facilitar a vida das persoas teñen unha enorme dificultade por acadar un dos dereitos básicos do ser humano: o dereito á alimentación. Con este xa van seis edicións do Rastro Solidario, que ano tras ano celebramos o último venres de clase antes das tan esperadas vacacións de Semana Santa. 
     Cada ano enviamos os cartos recadados a diversas ONGs que teñen proxectos vinculados coa educación (Save the Children, Entreculturas, Fundación Vicente Ferrer e Cruz Vermella). Este ano quixemos experimentar neste “mercadillo” unha práctica ancestral que non implica a utilización de diñeiro. Estamos a falar do “troco”, que nos permitiu mercar obxectos a cambio de alimentos non perecedeiros que proximamente levaremos á Cociña Económica de Ferrol, entidade coa que colaboramos desde fai varios anos. 
      Outra das novidades desta VI edición foi a participación activa das familias. A AMPA do CPI Virxe da Cela esmerouse en publicitar esta actividade entre toda a comunidade educativa, utilizando non so circulares informativas ás familias, senón tamén facendo uso do “boca a boca”. Esta coidadosa organización fíxose visible na realización da actividade, sendo un grupo de nais as encargadas de recoller os alimentos, entregar tickets de compra e atender o mercadillo, facendo diversas quendas. Asimesmo contamos con diferentes obxectos de artesanía elaborados por varias nais/pais do alumnado de infantil e primaria, que lograron enorme éxito e vendéronse rápidamente, e máis que houbese… 
      Contamos coa visita de María José e Bea, técnico e voluntaria da Fundación Ayuda en Acción, que nos acompañaron durante parte do desenvolvemento da actividade, documentando o proceso e incluso puideron presenciar en vivo e en directo a gravación dun programa radiofónico centrado exclusivamente nesta “VI edición do Rastro Solidario e Operación Quilo 2014”. As nosas cociñeiras fixeron un kit-kat nos fogóns da cociña para darse unha volta polo evento e realizar, como non, as súas compras. 
      Queremos agradecer a moitas persoas o seu esforzo e apoio, facendo posible a realización e o éxito desta actividade: empezando pola dirección do centro, que amosa unha total disposición cara todas e cada unha das propostas de Monferosolidario; profesorado, alumnado e familias, que inverteron moitas horas do seu tempo para unha perfecta posta a punto e efectuaron numerosos “trocos” que sumaron nunha pila de caixas de alimentos e un total de 147’40 euros en donativos, e que serán moi ben recibidos pola Cociña Económica de Ferrol. Non nos esquecemos de todas as persoas que doaron obxectos, algunhas das cales non forman parte directa da comunidade educativa aínda que son fans número un de Monferosolidario (María José de Ares e Yolanda Ferrer). E que mellor que celebrar o éxito desta actividade e todo o traballo invertido cunhas ben merecidas vacacións…

















viernes, 11 de abril de 2014

PREPARATIVOS VI RASTRO SOLIDARIO

     Comeza a conta atrás. Nun par de días a nosa escola vai transformar o seu aspecto de “centro educativo” e converterase nun auténtico mercado da solidariedade. Caixas repletas de xoguetes, libros, guirnaldas, farolillos e outros obxectos decorativos campan nos corredores do CPI Virxe da Cela. Imos poñernos mans á obra e colocaremos cada cousa no seu lugar, ordenadas por categorías e por prezos, todo isto para levar a cabo o vindeiro venres 11 de abril a VI edición do Rastro Solidario e a Operación Quilo 2014. Contamos por tanto nestas vésperas da celebración con moitos voluntarias e voluntarios: profes, alumnos/as, nais e algún ben querido exalumno que aproveita a ocasión para facernos unha agradecida visita… Non nos esquecemos de elaborar carteis, preparar os sempre exitosos sobres-sorpresa, e nesta ocasión tamén uns “rudimentarios” bonos para canxear alimentos non perecedeiros e así facer cunha operación de troco as desexadas compras. E escola é un auténtico fervideiro e anticipa unha das grandes festas da nosa comunidade educativa, o xa tradicional Rastro Solidario, que marca á súa vez o inicio das vacacións de Semana Santa… Que apetitoso…










miércoles, 2 de abril de 2014

CAMPAÑA DE SENSIBILIZACIÓN VI RASTRO SOLIDARIO E OPERACIÓN QUILO 2014

Un ano máis, e con este xa van seis, o CPI Virxe da Cela organiza o VI Rastro Solidario. Nesta ocasión contamos coa colaboración da AMPA da nosa escola, que prestarán a súa axuda tanto para difundir a actividade, como para levala a cabo. Esperamos que todos xuntos logremos o noso obxectivo, concienciar á nosa comunidade educativa de que unha pequena acción pode cambiar o mundo. Nesta ocasión, en lugar de cartos faremos as compras a través do troco con alimentos non perecedeiros, e deste xeito axudaremos a todas esas familias que están nunha situación crítica, a través da Cociña Económica de Ferrol. O alumnado de 1º da ESO visitará todas as aulas da nosa escola para repartir entre os rapaces e rapazas as circulares que informarán ás familias desta actividade, e pedirán a súa colaboración. Para nós e sumamente importante este intercambio xeracional, e que a mocidade transmita aos máis pequenos a súa experiencia e os animen a formar parte desta gran familia: Monferosolidario.