lunes, 25 de febrero de 2019

HORIZONTE 2030: FORMACIÓN EN INTELIXENCIA EMOCIONAL

O pasado sábado 23 de febreiro de 2019 SIG (Solidariedade Internacional Galicia) ofertou un obradoiro en Pontevedra para seguir coas formacións no marco do proxecto "Horizonte 2030: construíndo liderados positivos para unha xuventude galega transformadora". A formación estaba centrada en "intelixencia emocional" e os asistentes eran técnicos e voluntarios da ONG, así como profesores dos centros galegos onde se está levando a cabo o proxecto Horizonte 2030, entre eles, o CPI Plurilingüe Virxe da Cela (Monfero).




viernes, 22 de febrero de 2019

CONGRESO EDUCA 2019


https://www.mundoeduca.org/

      O 22 de febreiro unha representación do alumnado de 3º e 5º de primaria, acompañado de Carmen Espiñeira (titora de 5º EP) e Magú (orientadora), presentaron unha comunicación no II Congreso Mundial de Educación. EDUCA 2019, que se organizou na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.




     A comunicación levaba o título “A implementación do Programa TEI na etapa de Educación Primaria”. O alumnado titor cos seus titorandos explicaron a profesorado de moitos lugares diferentes a súa vivencia no Programa TEI: por que se anotaron como titores/as, como facer fronte a un conflito, que calidades ten que ter un titor/a e moitos aspectos máis que podedes consultar na presentación de PowerPoint. A experiencia, despois foi valorada polo alumnado como algo moi positivo, xa que, nas súas palabras, aprenderan o que é un Congreso, ao tempo que tiveron que lidiar cos seus medos e inseguridades. Aprenderon tamén que todos somos máis capaces do que pensamos, solo temos que propoñernos facer as cousas para que estas resulten. Por parte do profesorado tamén somos máis conscientes aínda de que o noso alumnado só necesita oportunidades para enfrontarse a novos retos e levalos a cabo con éxito.

martes, 19 de febrero de 2019

1º OBRADOIRO "HORIZONTE 2030"

Martes 19 de febreiro 2019, de 12:15 a 13:25. O alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO recibiu o primeiro obradoiro deste proxecto "Horizonte 2030: construíndo liderados positivos para unha xuventude galega transformadora" que estamos a desenvolver coa ONG Solidariedade Internacional Galicia, que ten como marco os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable. Noa, a encargada de impartir esta actividade, fixo unha interesante dinámica utilizando graos de café  na que os rapaces e rapazas tiveron que reflexionar sobre o reparto equitativo. A seguinte sesión a realizaremos no vindeiro mes de marzo, e consistirá nun proceso de investigación.







viernes, 15 de febrero de 2019

TEATRO E VISITA AO CIFP SOMESO


O día 21 de xaneiro, todo o alumnado da ESO que cursa a materia de francés dirixiuse ao Forum Metropolitano da Coruña, para asistir a unha obra de teatro na lingua referenciada que levaba por título: Prêt-à-porter a través de Transeduca.
A mencionada peza de teatro tivo unha duración aproximada dunha hora na que o alumnado tivo o pracer de ver in situ as evolucións interpretativas e poder sentirse franco-escoitantes, gozando da presencia dun elenco de actores franco-belga.

Ao remate da sesión seguiu unha pequena charla-coloquio entre @s participant@s e o trío de intérpretes, configurado por dúas persoas de orixe belga e unha francesa que intercambiaron inquedanzas, preocupacións  e respostaron ás cuestións lanzadas dende o patio de butacas.

Os nos@s alumn@s foron quen de seguir globalmente a obra, feito que lles vai axudar a avanzar e reportar máis curiosidade se cabe na súa evolución e aprendizaxe da lingua obxecto de estudo.

O alumnado que non cursa francés visitou o CIFP Someso para coñecer as  familias profesionais que alí se imparten. Puidemos ver talleres de fabricación e montaxe, as cabinas de soldar, talleres de carpintería, de transporte e mantemento de vehículos e de peiteado e estética, entre outros.

Moitas grazas ás persoas que nos acompañaron nas visitas!!



A ESTUDAR TAMÉN SE APRENDE

Estudar require esforzo a maior parte das veces. Porén, se eres capaz de dar sentido ao teu traballo, se comprendes por que merece a pena estudar, sentiraste mellor e terás éxito nos teus estudos.
Pero estudar non só significa pasar moitas horas diante dos libros ou apuntamentos e para ensinarvos diferentes “trucos” e estratexias que vos permitan ter éxito, Belén Pérez Sanmartín, pedagoga do gabinete Eleméntal, desenvolveu ao longo da semana do 4 ao 8 de febreiro un obradoiro de técnicas de estudo co alumnado de 5º e 6º de educación primaria e de 1º e 2º de ESO.





IRIMONLAB: OBRADOIRO DE INTERNET SEGURO

     




O pasado martes 5 de febreiro os alumnos/as do proxecto IrimonLab impartiron un obradoiro aos rapaces de 5º e 6º de primaria e a ESO sobre os riscos que de Internet. Tal como relata Lúa, unha das formadoras de IrimonLab: "

      "Foi unha iniciativa que xurdiu no Lab, a proposta foi nosa pero os rapaces e rapazas aceptaron o encargo. Tiñan liberdade para elixir que formato lle querían dar, e como o tempo foi xusto, decidiron tirar pola parte de presentación en impress. Fixéronse dous grupos no Lab: un deles faría o obradoiro con 5º e 6º de Primaria e o outro con toda a ESO. O obradoiro discurriu así:

 - Presentación, na que se incluían indicacións básicas para manexarse na rede con seguridade, vídeos, preguntas para o debate. 

- Dinámica. Consistía nun xogo tipo "pasapalabra" para comprobar os coñecementos dos e das asistentes e aclarar dúbidas e algúns conceptos.

     O resultado foi positivo por dous motivos fundamentais: En primeiro lugar, os rapaces e rapazas do Lab valoraron a importancia de ser quen transmite información relevante para a vida do seu grupo de iguais, e tomaron a tarefa con responsabilidade. En segundo lugar conseguiron traballar en equipo, é verdade que con moitas dificultades, pero conseguírono."

jueves, 14 de febrero de 2019

RADIO FEROUTA CELEBRA O DÍA MUNDIAL DA RADIO 2019

Radio Ferouta celebra o Día Mundial da Radio 2019 realizando un programa especial con entrevistas a referentes como Gorka Zumeta ou Nazaret López, unha reportaxe a  La Radio de los Gatos ou reflexións arredor da radio escolar e a solidariedade. Esta coprodución radiofónica realizada entre o CPI Virxe da Cela (Monfero) e o CEIP Barouta (Ames) é o resultado da participación de dez alumnos/as de ambos centros a través da aportación de ideas e a creación e produción do guión.
Unha produción do Laboratorio de Radio coa colaboración de Fundación La Caixa, Fundación Repsol e Axuda en Acción.

miércoles, 13 de febrero de 2019

DIÁLOGO, TOLERANCIA E PAZ NO DÍA MUNDIAL DA RADIO 2019

    Hoxe, mércores 13 de febreiro de 2019, a UNESCO celebra a octava edición do Día Mundial da Raido. Este día é unha oportunidade para que o mundo celebre a radio e o seu impacto nas nosas vidas. A radio infórmanos, transfórmanos e tamén únenos. Reúne a comunidades de todas as profesións e condicións sociais para promover un diálogo construtivo para o desenvolvemento. Máis concretamente, a radio é o medio ideal para pedir o fin da violencia e dos conflitos. 
   Sobre esta base o tema do Día Mundial da Radio 2019 será "Diálogo, Tolerancia e Paz". Ao proporcionar unha plataforma para o diálogo e o debate democrático sobre temas de actualidade, como a migración ou a violencia contra as mulleres, a radio pode axudar a sensibilizar e difundir novas perspectivas positivas. A radio tamén pode axudar a difundir a tolerancia e superar as diferencias para reunir ás persoas en torno a obxectivos e causas comúns, como o dereito á educación e a saúde para todos/as. 

viernes, 1 de febrero de 2019

35 CONCURSO ESCOLAR ONCE

Baixo o lema “Por min e por tódolos meus compañeiros” os alumnos e alumnas de 1º e 2º da ESO  uniron esforzos para elaborar e realizar unha serie de vídeos para o 35 Concurso Escolar Once. Con esta proposta a Fundación ONCE pretende sensibilizar aos alumnos/as sobre a importancia de crear unha escola inclusiva e, nesta edición, ponse o punto de mira nos recreos.
 De feito, o patio de recreo convértese nunha micro sociedade dentro do espazo escolar, onde alumnos/as de distintas idades, etapas educativas, perfis... poñen en xogo a súa capacidade de interactuar cos iguais nun espazo onde poñer en práctica as súas habilidades de empatía, negociación, interacción, solidariedade...