Mostrando entradas con la etiqueta SIG. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta SIG. Mostrar todas las entradas

viernes, 21 de octubre de 2022

VIII XORNADAS DE EDUCACIÓN PARA A CIDADANÍA GLOBAL. CURRÍCULO E ACCIÓN SOCIAL PARA A TRANSFORMACIÓN

Dende Solidariedade Internacional de Galicia e o grupo de investigación ECIGAL vos convidamos a participar nas “VIII Xornadas de Educación para a Cidadanía Global. Currículo e acción social para a transformación”. A Educación para a Cidadanía Global  entra con forza na nova lei educativa e é esta unha oportunidade para formarnos e dialogar. Tamén, fóra da escola, destaca como estratexia transformadora na promoción do necesario cambio social.

 Dirixido a profesorado de todas as etapas educativas (infantil, primaria, secundaria, formación profesional e universidade) así como alumnado universitario das titulacións de Educación Infantil, Educación Primaria e Educación Social, ademáis de persoal técnico e/ou voluntario de diversas entidades, ONGs e colectivos sociais interesados en traballar esta temática.

Serán o 9 de novembro, na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Elviña) da Universidade da Coruña. Nas mesmas daránse a coñecer diferentes prácticas de ECG transformadoras e se realizará un obradoiro específico, dinamizado pola entidade Madre Coraje, que nos dará orientacións sobre como incorporar a educación para a cidadanía global no currículo escolar. As xornadas serán de mañá e tarde, pero pódese participar nunha soa quenda. Certificado de 4 horas de formación por asistencia na Xornada da mañá, e 8 horas de formación pola asistencia completa.

Máis información e inscricións de balde na seguinte ligazón: 

https://www.ecigal.gal/es/xornadas-inscrici%C3%B3n

VIII Xornadas de Educación Para a Cidadanía Global Currículo e Acción Social Para a Transformación by veracruces on Scribd

jueves, 28 de octubre de 2021

FORMACIÓN "O GLOBO"

    Dende fai uns anos, SI Galicia (Solidariedade Internacional Galicia) está a traballar no fomento da participación social, para iso creou colectivamente, unha ferramenta chamada O Globo, na que a través dunha metodoloxía baseada no coñecer (luces), reflexionar(cámara) e no actuar (acción) visibilizas e promovemos micro-experiencias de transformación social. Esta metodoloxía pode ser utilizada nas aulas como estratexia didáctica e por iso SIG queren dala a coñecer contextualizándoa no enfoque da Educación para a Cidadanía Global. 

      Terá unha duración de 20 horas, sendo 12 presenciais (o sábado 13 de novembro en horario de 10:00 – 14:00 e de 15:00 a 19:00 horas e o xoves 20 de xaneiro de 2022 en horario de 16:30 a 20:30) e 8 de traballo en aula titorizado polo equipo de SI Galicia. 

     Realizarase na EGAP ( Escola de administración pública en Santiago de Compostela). A formación ten os seguintes obxectivos 

 1.- Adquirir coñecementos teóricos-prácticos sobre a Educacion para a Cidadanía Global e a Axenda 2030 de Desenvolvemento Sostible coma proceso socio-educativo.  

 2.- Coñecer O Globo (observatorio para educar na cidadanía global) como ferramenta de participación social. 

 3.- Utilizar a metodoloxía que dende O Globo se impulsa: Luces (coñecer), Cámara (reflexionar) Acción (actuar) como estratexia didáctica na aula. 

 4.- Por en practica os coñecementos e as habilidades adquiridas na fase presencial. 

 5.- Desenvolver na aula unha micro-experiencia de transformación social baixo a metodoloxía de luces-cámara-acción. 

 6.- Socializar a micro-experiencia elaborada nos espazos de encontro de O Globo.  

 E os seguintes contidos: : Analizarase o contexto global de desigualdade no que vivimos e afondaranse nos conceptos de interdependencia, corresponsabilidade, Axenda de Desenvolvemento Sostible (Axenda 2030) e participación social, imprescindibles para traballar desde un enfoque de Cidadanía Global. Mostraremos unha ferramenta de participación social, O Globo, que permite traballar e formarse nos coñecementos, habilidades e valores para exercer a cidadanía global. Potenciando o desenvolvemento de competencias propias do currículo escolar e de habilidades participativas. Traballarase desde unha estratexia que contempla a investigación, análise e acción. 

 O enlace para inscribirse está na seguinte dirección https://forms.gle/1wRkts7y3i3BKmyQA

FormacionOGlobo by veracruces on Scribd

martes, 26 de octubre de 2021

III ENCONTRO "O GLOBO"

 

III encontro de O Globo que terá lugar este venres día 29 en horario de 16:30 a 20:30 no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. É unha proposta na que coñeceremos micro-experiencias de transformación social de aquí e acolá, festexaremos tamén, coñecerémonos un pouquichiño máis e, como novidade, habilitaremos un espazo de reflexión sobre participación social e activismo en Galicia.

viernes, 16 de abril de 2021

MICROEXPERIENCIAS PARA A TRANSFORMACIÓN SOCIAL

Este ano tamén participaremos, ao igual que nos dous últimos cursos anteriores, no proxecto O Globo promovido pola ONG Solidariedade Internacional Galicia. Coa súa metodoloxía "Luces, Cámara, Acción", trataremos de levar a cabo miniexperiencias para a transformación social. Durante a semana do 12 ao 16 abril 2021 o alumnado da ESO, a través dunha elección dialogada,  tratou de mirar desde a súa contorna máis próxima (o local) ata a totalidade do mundo (o global) para determinar cales son os problemas que lle preocupan e partindo deste "quilómetro 0", tratar de buscar posibles solucións.




viernes, 9 de abril de 2021

O GLOBO: ENCONTRO VIRTUAL DO PROFESORADO

 O venres 9 abril 2021 tivo lugar un encontro virtual do profesorado participante no proxecto "O Globo" (Plataforma Zoom). María Caride, técnico da ONG Solidariedade Internacional Galicia foi guiando este encontro, achegando diferentes materiais e explicacións moi para que o profesorado participante no observatorio "O Globo" poda ir orientando a súa práctica educativa e acadar o obxectivo: que o alumnado dos centros lebe a cabo microexperiencias para a transformación social. 


FORMACIÓN PROFESORADO by veracruces on Scribd

Guia Luces-camara-Acción Para as Aulas by veracruces on Scribd

martes, 26 de enero de 2021

II ENCONTRO O GLOBO 2020

 

Difundimos este video que recolle o II Encontro O Globo 2020, nacido do proxecto "Horizonte 2030" da ONGD Solidariedade Internacional Galicia. O II Encontro O Globo tivo lugar o 19 de decembro de 2020 xuntando s neste encontro virtual arredor de 80 persoas, no que participaron diversas entidades asociativas, profesorado de distintos IES galegos, alumnado da Universidade senior, e persoas que ao longo deste tempo foron sumando as súas achegas ao Globo.. 


Na seguinte imaxe poderedes acceder ao traballo realizado polo alumnado do CPIP Virxe da Cela, "Preservar os océanos: nas túas mans está o cambio"



viernes, 23 de octubre de 2020

I PREMIO GALEGO DE EDUCACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO E A CIDADANÍA GLOBAL

Aberta a 1ª edición do Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global A Coordinadora Galega de ONGD abre a convocatoria da primeira edición do Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global coa vontade de recoñecer experiencias educativas transformadoras que fomenten unha cidadanía solidaria, crítica e comprometida coa construción dun mundo xusto.

viernes, 26 de abril de 2019

3º OBRADOIRO "HORIZONTE 2030"

Georgina de los Angeles Molina Rivera é unha rapaza que estivo traballando en temas de novos liderados con xóvenes e mulleres en Nicaragua. Visitou o noso centro o pasado venres 26 de maio de 2019 da man de Solidariedade Internacional Galicia, a través do proxecto “Horizonte 2030”. Georgina explicou o traballo do ILS (Instituto de Liderazgos de Las Segovias, Nicaragua), unha rede formada por mulleres e por xóvenes que participan nun programa de formación centrado en temáticas como as relacións de xénero igualitarias, os dereitos humanos das mulleres, os dereitos sexuais e reprodutivos, os dereitos sociais, ambientais, económicos e políticos. A finalidade desta charla impartida aos mozos e mozas de Monfero é facelos conscientes da importancia da súa participación á hora de mellorar a situación das súas comunidades, isto é “construír unha xuventude galega transformadora”.









lunes, 25 de febrero de 2019

HORIZONTE 2030: FORMACIÓN EN INTELIXENCIA EMOCIONAL

O pasado sábado 23 de febreiro de 2019 SIG (Solidariedade Internacional Galicia) ofertou un obradoiro en Pontevedra para seguir coas formacións no marco do proxecto "Horizonte 2030: construíndo liderados positivos para unha xuventude galega transformadora". A formación estaba centrada en "intelixencia emocional" e os asistentes eran técnicos e voluntarios da ONG, así como profesores dos centros galegos onde se está levando a cabo o proxecto Horizonte 2030, entre eles, o CPI Plurilingüe Virxe da Cela (Monfero).




lunes, 19 de marzo de 2018

XORNADA FORMATIVA: PROMOVER A PARTICIPACIÓN DENTRO DUNHA ORGANIZACIÓN









    O castelo de Santa Cruz (Oleiros) foi o espazo idílico que acolleu o pasado sábado 17 de marzo de 2018 o módulo 2 do programa de formación-acción en participación enmarcado dentro do proxecto “Horizontes 2030: Construíndo liderados positivos para unha xuventude galega transformadora”.
 A xornada comezou ás 10 da mañá, repartíndonos en dous grupos de traballo: por un lado a Xunta Directiva de Solidariedade Internacional Galicia e por outra banda o profesorado. Este último grupo reuniuse co obxectivo de potenciar un traballo  conxunto co fin ultimo de deseñar colaborativamente unha proposta educativa para levar as aulas o próximo ano. Unha proposta educativa baseada no paradigma da educación para o desenvolvemento e con perspectiva de xénero.

Ás 12:00 da mañá deu comezo a charla-coloquio con Haydeé Castillo, Directora do Instituto de Liderazgos las Segovias, que é a contraparte de SIG en Nicaragua.  Despois do xantar participamos todos e todas das dinámicas ofrecidas por Ana Lorenzo e antes do remate fixemos unha reflexión e un compromiso individual para poñer xa en práctica o aprendido.



lunes, 8 de enero de 2018

ÉXITO DO MERCADILLO DE COMERCIO XUSTO


     Con expresión de satisfacción posan os rapaces e rapazas de 1º da ESO que, voluntariamente, encargáronse das ventas no mercadillo de Comercio Xusto organizado no CPI Plurilingüe Virxe da Cela en decembro de 2017. Non é para menos, despois de estar varios recreos dedicados a este menester e chegados á hora do reconto… recadáronse 402’60 euros!!! Estes cartos foron ingresados na conta de Solidariedade Internacional Galicia, unha organización non gubernamental que vela pola xustiza e a equidade. O mercadillo de Comercio Xusto foi unha actividade para complementar a campaña navideña “No Nadal non te Consumas”.

martes, 12 de diciembre de 2017

MERCADILLO DE COMERCIO XUSTO


      Achégase o Nadal, e nestas datas tan especiais queremos agasallar aos nosos familiares e seres queridos con múltiples regalos para expresar o noso cariño. Mais ás veces este xesto tan xeneroso convértese nun acto de puro consumismo… Este ano, e da man da ONG Solidariedade Internacional Galicia (coa cal xa levamos colaborando un tempo) trocaremos de hábitos e mercar regalos axudaranos a reflexionar sobre o consumo responsable e o comercio xusto. 
       O comercio xusto é un sistema comercial solidario e alternativo que ten por obxectivo mellorar o acceso ao mercado dos produtores máis desfavorecidos e cambiar as inxustas regras do comercio internacional, que consolidan a pobreza e a desigualdade mundial. É, ademais, un movemento internacional formado por organizadores de todo o mundo. 
      Se vós queredes, pois, unir a este movemento, non deixedes de visitar o CPI Virxe da Cela, que albergará desde o 12 ata o 21 de decembro un “stand” de comercio xusto no horario de recreo de secundaria (de 12:15 a 12:35). Aquí poderedes mercar artesanía, café, chocolate, xabóns e outros moitos atractivos produtos de calidade e poder facer os típicos regalos de Nadal. Os nenos/as de educación infantil e primaria tamén poderán facer compras acompañados polos seus titores/ras.

jueves, 28 de abril de 2016

3º REUNIÓN GRUPO INVESTIGACIÓN EDUCACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO


Reunión a reunión (a última tivo lugar o mércores 27 de abril de 2016) o profesorado participante no grupo de investigación sobre Educación para o Desenvolvento (CPI Virxe da Cela, Universidade da Coruña e Solidariedade Internacional Galicia) imos definindo as liñas de actuación do interesante proxecto que temos entre as nosas mans e que, si todo sae como está previsto, poñerase en práctica o vindeiro curso académico.