Chegou o ansiado paquete que estábamos
esperando!!! Vén da India, en concreto da Pinadari
School, situada nunha aldea de Anantapur, nas lonxanas terras da India…
Sabiamos que estaba a piques de chegar, e … nin que estivéramos totalmente
sincronizados!!! Fai escasamente unha semana que enviamos o noso paquete á
India, repleto de traballos realizados polo alumnado de Educación Infantil e de
1º da ESO do CPI Virxe da Cela durante o presente curso académico 2013-2014
dentro do programa “School to School”,
da Fundación Vicente Ferrer.
Pois para celebrar tan importante
momento, a apertura deste enigmático paquete, reunímonos todos os “axentes
implicados” o pasado mércores 28 de maio
de 2014 na aula da profe Oliva, isto é, Educación Infantil de 3 anos: os nenos
e nenas das dúas aulas de infantil coas súas respectivas profes (Vane e Oliva),
os mozos e mozas de 1º da ESO coas profes Verónica (Atención Educativa) e
Yolanda (Relixión), xa que nestas materias desenvolveron o proxecto. Foi unha
xornada inesquecible… a verdade é que hai que repetir estas xuntanzas máis a
cotío, na que ademais do acto “académico” saboreamos unhas deliciosas “pombiñas de millo”
que nos fixo nun “plis-plás” a profe Oliva, que é “todo-terreo”: tanto se lle
da cultivar tomates e pementos cos pequerrechos que poñer un mandil e
deleitarnos coas súas delicias gastronómicas!!!
Andrea e Tania, as nosas “mascotas”
de Monferosolidario, foron as
encargadas de dinamizar esta actividade: sabemos que teñen moitas táboas nas
artes da docencia, xa que pasan moitos dos seus recreos visitando aos pequenos
e pequenas de infantil para xogar con eles e tamén de paso transmitir os seus
saberes. Abriron o sobre e explicáronnos o contido do “dossier”: unha carta escrita en lingua telegu (o dialecto que se fala en Anantapur), a verdade é que aínda
que non se entendía nada, era curioso describir un novo alfabeto con eses
caracteres tan fermosos e artísticos. O dossier tamén recollía os debuxos dos
nenos e nenas da India, así como unha pila de fotografías que a profe Vane
amosou aos seus alumnos/as indicando semellanzas e diferenzas coa nosa
cultura.
Se a chegada deste sobre supón unha
celebración no noso cole, esperamos que os nenos e nenas da Pinadari School
podan disfrutar dunha xornada tan divertida e interesante cando reciban o noso
paquete!!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario