O “Pasaporte á India” é un documento persoal, individual e
intrasferible, expedido polos órganos competentes da Administración Xeral de
Monferosolidario, que acredita, fóra do CPI Virxe da Cela, a identidade dos
nenos e nenas que participaron activamente no curso académico 2013-2014 no
proxecto School to School coa Fundación Vicente Ferrer.
Unha sinxela e vistosa actividade que
funciona como unha carta de presentación, que amosa os nosos gustos e afeccións
e a nosa imaxe persoal, e que terán unha dobre vertente. Por unha banda serán
enviados á Konampalli School, para que os nenos e nenas desta escola india
podan saber algo máis sobre nós, neste interesante intercambio cultural no que
ano tras ano, e con este xa van catro, estamos a realizar a través da FVF. E
por outra, quedarán como rexistro do noso paso polo centro, esa memoria que
conservaremos nas nosas casas e que co tempo faranos lembrar dos nosos
compañeiros e compañeiras, con quen tantos días e tantas experiencias
compartirmos a longo de todo este curso. Quedarán tamén como un fermoso recordo
para Oliva e Vanesa, esas marabillosas mestras de infantil que deixaron pegada no
CPI Virxe da Cela , e que non estarán connosco para o vindeiro curso.
Como non queremos poñernos tristes e
morriñentos, centrámonos no venres 16 de maio de 2014, véspera das Letras Galegas,
que foi unha xornada de celebración, aproveitada non so para homenaxear a Xosé
María Díaz Castro, senón tamén para repartir no recreo premios, diplomas e
galardóns para varias actividades desenvolvidas no noso centro: a entrega dos “Pasaportes
á India” (Monfersolidario), os premios do “Concurso de Cubertas de Libros”(Departamento
de Plástica), “III Edición Concurso Preguntón” (Biblioteca Castelao), e “Concurso literario San Valentín 2014”
(EDLG). Despois de xantar os nenos e nenas de Infantil (3 anos) e de Infantil
(4 e 5 anos) fixeron unha fermosa e simpática foto en “familia” diante do panel
onde están expostos os seus traballos, que mandarán tamén aos seus compañeiros
da India. Esperamos ansiosamente recibir a contrapartida por parte da
Konampalli School…
No hay comentarios:
Publicar un comentario