miércoles, 3 de junio de 2015

III ENCONTRO DA RCES







     Aínda que nesta ocasión o CPI Virxe da Cela non poido asistir ao III Encontro da Rede de Centros Escolares Solidarios (RCES-Plan Proxecta-Xunta Galicia), deixamos neste espazo unha crónica da actividade:    

     O pasado 28 de maio tivo lugar na Cidade da Cultura o III Encontro da Rede de Centros Escolares Solidarios, na que 110 alumnos e alumnas e 12 profesores e profesoras de 7 centros da rede compartiron proxectos, experiencias e iniciativas de gran valor educativo e impacto solidario. A xornada iniciouse coa inauguración por parte de Alberto Otero Peña, subdirector xeral de Voluntariado e Participación, e por parte de Felicitas Rodríguez González, xefa de departamento da Sociedade da Información. 
    Despois da inauguración puidemos ollar as micromovies elaboradas polo alumnado, referidas a temáticas moi diversas: a etnia xitana, cooperación para o desenvolvemento, o bullyng e o consumo de drogas … e onde a acción voluntaria e a solidaridade xogaban un papel esencial no seu deseño. A continuación puidemos coñecer de primeira man o resultado do II Encontro Construíndo redes, celebrado no albergue Lug-II e onde se elaborou un lipdub da canción da RCES e se determinaron as accións a realizar para o vindeiro día internacional do voluntariado. Antes de rematar a actividade matutina visionamos diversos spots solidarios realizados polos centros da rede e que son en si mesmos instrumentos para a dinamización do voluntariado. 
    Despois dun merecido descanso tivemos espazo para interactuar, comunicar e facer rede, e alí traballamos na elaboración dun lema, coñecer o que é un comité solidario ou realizar fotos solidarias moi creativas. Tralo xantar desenvolvemos o espazo interactivo aberto onde se daban a coñecer os proxectos dos centros, a realización das actividades solidarias a compartir, un mercado do troco, un “World café” para o profesorado, e puidemos asistir ao “Volunradio”, primeiro programa de radio da RCES con entrevistas, información, publicidade solidaria, e que permitiu coñecer un pouco máis a RCES. 
     O encontro rematou coa gravación do videoclip da canción da RCES “móvete” composta por Paco Nogueiras, e na que contamos coa colaboración do alumnado do CEIP de Fontiñas na elaboración da coreografía. Finalmente desfrutamos dun miniconcerto de Paco Nogueiras que puxo fin a unha intensa xornada chea de amizade, valor educativo e compromiso solidario.

No hay comentarios:

Publicar un comentario