miércoles, 20 de mayo de 2015

CHARLA PARA A PREVENCIÓN DE ACCIDENTES DE TRÁFICO




      O martes 19 de maio tivo lugar no noso centro unha charla da “Asociación para o Estudo da Lesión Medular” (AESLEME) organizada polo Departamento de Orientación; esta asociación traballa en colaboración co Ministerio de Educación e a Dirección Xeral de Tráfico, impartindo charlas de prevención nos centros escolares. 

         A charla correu a cargo dunha terapeuta ocupacional que ademais está rematando os estudos de enfermería, e dunha persoa que sufriu unha lesión medular por causa dun accidente de tráfico e que se despraza en cadeira de rodas; ambos traballan na asociación e aportan a súa formación e experiencia para falar cos rapaces. Estivo dirixida ao alumnado de 5º e 6º de Primaria e a todo o alumnado da ESO, en dúas sesións de algo máis de hora e media cada unha delas, a primeira dirixida aos máis pequenos, e a segunda aos maiores da ESO. 

         Estas dúas persoas aportaron información ao noso alumnado sobre o que é unha lesión medular e un traumatismo craneoencefálico e como pode producirse; pero o maior énfase o puxeron na prevención de accidentes de tráfico tanto en coche como en moto, bicicleta, monopatíns, e incluso como peóns; tamén falaron da importancia de ser precavidos, agora que chega o bo tempo, nas zambullidas no mar, no río ou na piscina, xa que cada ano se producen bastantes casos de lesións medulares relacionadas con esta actividade. Por último, informaron aos nosos alumnos sobre como actuar nunha situación na que se produza un accidente e aconselláronos que fixeran un curso de primeiros auxilios, xa que é unha formación moi valiosa que pode axudar a salvar vidas.

       Dende o centro valoramos moi positivamente a actividade, pois axuda a formar persoas responsables nun tema tan importante hoxe en día como é a formación vial e a prevención de accidentes de tráfico. Departamento Orientación

No hay comentarios:

Publicar un comentario