O vindeiro 5 de decembro celébrase o Día Internacional do Voluntariado. Este ano, e por primeira vez desde que se construiu RCES (Rede de Centros Escolares Solidarios) queremos conmemorar esta data de xeito compartido con todas e todos as e os axentes implicados: Docentes, estudantes, técnicos, etc.
Para facelo a organización de RCES pensou que era necesario dar voz fundamentalmente ao alumnado para que determinara a maneira na que se celebraría esta data nos centros da Rede: Lembramosa xuntanza “Construíndo Redes” que celebramos o pasado curso escolar na cidade de Lugo e na que participaron alumnas e alumnos dos centros de RCES (en concreto, Antía e Sofía, que agora cursan 4º da ESO, foron as representantes do CPI Virxe da Cela neste encontro).
O resultado deste proceso participativo determinou celebrar o Día Internacional do Voluntariado a través da elaboración de “pulseiras solidarias” coas cores do logotipo da RCES –tamén deseñado polo alumnado da Rede, nese mesmo encontro-, que se porían á venda nesta data, destinando o recadado a unha ONG que cada un dos centros participantes elixa.
O alumnado propuxo, igualmente, que esta acción de elaboración de pulseiras solidarias se complementara coa realización de “apertas solidarias”, como xeito de “transmitir” e “visibilizar” solidariedade.
Penduramos este titorial para aprender a facer as pulseiras. No CPI Virxe da Cela organizaremos un recuncho para impartir obradoiros aos alumnos/as do centro, e así ser moitas as mans que se unan nesta campaña.
No hay comentarios:
Publicar un comentario