lunes, 7 de mayo de 2012

AS PRIMEIRAS LEMBRANZAS DA ESCOLA


Os corredores do edificio de secundaria están moi concurridos últimamente, debido ao éxito da exposición "A gran imaxe", realizada para conmemorar a Semana de Acción Mundial pola Educación (SAME). Alumnado e profesorado da ESO penduraron as súas lembranzas máis entrañables dos seus inicios na escola, acompañadas de imáxenes evocadoras da etapa da infancia. Son moitos os que se achegan con grande curiosidade para descubrir quen é quen nesa galería de fotos de album da memoria.

martes, 24 de abril de 2012

SEMANA DE ACCIÓN MUNDIAL POLA EDUCACIÓN



O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou hoxe os actos da Campaña Mundial pola Educación (CME).
Durante a súa intervención na inauguración do encontro o conselleiro recordou a súa propia etapa como estudante e en especial a unha das súas mestras. Así destacou que “agora teño máis presentes que nunca as súas ensinanzas. A súa entrega e dedicación a todos e cada un de nós, o seu xeito de guiarnos, de facernos ver o privilexio que supoñía poder acudir cada día á clase, poder adquirir novos coñecementos.”
O encontro, celebrado en Santiago a través da coalición galega integrada por Axuda en Acción, Educación Sen Fronteiras, Entreculturas, InteRed e o Seminario Galego para a Paz, contou coa presenza de estudantes dos centros composteláns CEIP López Ferreiro, IES Eduardo Pondal, IES Arcebispo Xelmirez I, así como do IES Carlos Casares de Viana do Bolo que deron a coñecer as súas experiencias vitais en torno á educación tanto en Galicia como nos países de procedencia de algúns dos participantes no encontro.

Os obxectivos

A CME 2012 ten como lema Con dereitos desde o principio. Por unha educación temperá de calidade, e o seu obxectivo é que os centros educativos galegos traballen na elaboración da Grande Imaxe, conformada por instantáneas de todos os participantes que reflexionen sobre as propostas didácticas dos propios estudantes en torno á importancia da atención e educación da primeira infancia, establecida entre os 0 e 6 anos. Nesta imaxe final estarán incluídas as sinaturas do conselleiro Xesús Vázquez Abad como demostración do seu compromiso cos principios e accións da CME.
Cómpre recordar que a CME ten como obxectivo reflexionar sobre o cumprimento dos principios acadados no “Cumio de Dakar” en 2000. Un documento que reflicte o compromiso da comunidade internacional para garantir o acceso a unha educación de calidade para todas as nenas e nenos no 2015. Así no 2010 o presidente da Xunta de Galicia recibiu por primeira vez aos embaixadores da CME, e no seguinte ano realizaron o acto central da Campaña no Parlamento de Galicia.
Este ano a Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria  volve a mostrar o seu apoio a todas aquelas actividades centradas nunha educación universal e de calidade que permitan ter cada vez xeracións mellor preparadas.

lunes, 23 de abril de 2012

INAUGURADA A ESCOLA DA INDIA





Como xa todos sabedes, fai unha semana realizamos un ingreso de 1100 euros á conta da Fundación Vicente Ferrer. Esta cantidade foi recadada a través do Rastro Solidario (realizado o pasado venres 30 de marzo de 2012), e foi destinada para completar un segundo pago no finanzamento dunha escola na India. Acabamos de recibir o informe final e xa temos á nosa disposición as fotografías do proceso: mapas de localización, planos, fases da construción, etc. Fíxonos moitísima ilusión ver o nome do CPI Virxe da Cela na placa situada na entrada da escola e que agradece a nosa colaboración. 



viernes, 20 de abril de 2012

A GRAN IMAXE


A gran imaxe é un título moi suxerente e ilustrativo da actividade central que realizaremos no noso centro educativo para celebrar a Semana de Acción Mundial pola Educación. A gran imaxe é un collage de enormes dimensións na que a través das propostas do alumnado e profesorado do CPI Virxe da Cela podamos difundir a nosa propia visión da importancia da educación nas nosas propias vidas. 

Pica enriba da imaxe para ver a presentación en grande

RECIBIMOS O PAQUETE POSTAL DA ESCOLA KONAMPALLI




O pasado venres 30 de marzo de 2012 recibimos o paquete co material que nos envía a Konampalli School, escola da India coa que estamos a realizar un programa de intercambio cultural a través do proxecto School to School, da Fundación Vicente Ferrer. Aproveitando unha data especial, a realización do Rastro Solidario 2012 (coa finalidade de recadar cartos para a construción dunha escola na India a través da FVF), o alumnado de infantil e primaria participou dunha charla impartida polo alumnado de 4º da ESO na que se explicaba detalladamente o contorno onde traballa a FVF. Por tanto, como punto final da charla e despedida con sorpresa, un par de voluntarios/as entre os máis pequenos foron os encargados de abrir o sobre de correos e extraer o dossier elaborado polos nenos e nenas da escola Konampalli. Contamos coa axuda de Carlos, o mestre de inglés de primaria, que, animado polos seus alumnos/as, realizou unha explicación das fotos e unha tradución dos textos escritos en inglés. Aproveitamos esta ocasión para recordar a todo o alumnado do centro que próximamente será a nosa escola a encargada de enviar un paquete postal con todos os materiais elaborados no noso centro dentro la proposta deste ano, a contorna natural. É  esta unha fantástica ocasión para contribuír á conservación e difusión do noso patrimonio natural e cultural. 

MONFEROSOLIDARIO REÚNESE CON JORDI FOLGADO, DA FVF

Como prometimos fai varias semanas, aquí podedes visionar algunhas das fotografías que documentan o acto de inauguración dunha rúa adicada a Vicente Ferrer. As coordinadoras do proxecto Monferosolidario apoiaron esta iniciativa do Axuntamento da Coruña, asistindo a este acto en recoñecemento á labor desempeñada por Vicente Ferrer na India. Intercambiamos parabéns e felicitacións con Jordi Folgado, sobriño de Vicente Ferrer e presidente da fundación que leva o seu nome aquí en España. Agradecemos a Yolanda Ferrer, representante da FVF na Coruña, o seu interés convidándonos a esta inauguración e facilitándonos as imaxes que publicamos nesta entrada. 





SAME 2012


Un ano máis estamos preparados para celebrar en Abril a campaña da SAME (Semana de Acción Mundial pola Educación). Dende ahi catro anos o noso centro participa activamente nesta campaña a través da ONG Entreculturas. Baixo os lemas tan suxerentes como "A Gran Lectura", "Un Gol pola Educación" ou "A Educación non é un Conto", os rapaces e rapazas do CPI Virxe da Cela levan realizando interesantes reflexións en torno á importancia da educación. Adxuntamos o diploma da nosa participación na pasada campaña, que acabamos de recibir recientemente. Este ano o alumnado e profesorado do noso centro está a elaborar "A Gran Imaxe", a actividade central da nova campaña da SAME 2012 baixo o lema "Con dereitos desde o principio. Por unha educación témpera de calidade".

jueves, 12 de abril de 2012

CARTA DE PAVANI


Regresamos ás aulas de volta das vacacións de Semana Santa cunha grande sorpresa: unha carta de Pavani, a nena india que en decembro de 2011 o alumnado de 4º da ESO do CPI Virxe da Cela apadriñou a través da Fundación Vicente Ferrer. Alba, María, Marta, Iván e Lorena leron con atención as palabras de agradecemento de Pavani e da súa familia, e están traballando nunha carta de resposta na que contarán a súa experiencia como padriños e falarán da súa vida e os seus planes de futuro.
Incluímos o texto de Pavani para que todos coñezamos algo máis sobre ela:

Todos na familia de Pavani están moi felices polo seu apadriñamento. Para eles é unha axuda moi importante e o agradecen de todo corazón. Pavani estuda 3º de primaria na escola da aldea. Agora está preparándose para os exames semestrais. O seu irmán chámase Praween e estuda 7º curso, e a súa irmá Pavillira e estuda 5º curso. A súa nai Nagaraurna e o su pai Papanna están traballando nos proxectos do goberno para loitar contra a seca crónica. A súa aldea chámase Madapuram, e está a 75 kms de Anantapur. Hai facilidades de autobuses, correos, e a xente vive básicamente das súas colleitas. A dous kms da aldea hai un hospital da Fundación Vicente Ferrer. Pavani envía as grazas pola vosa axuda.

viernes, 30 de marzo de 2012

RASTRO SOLIDARIO 2012

Despedimos as clases e marchamos de vacacións de Semana Santa facendo unha crónica desta xornada especial adicada á Fundación Vicente Ferrer. Un ano máis, e con este xa van catro, a nosa escola montou un Rastro Solidario coa intención de darlle un novo uso a moitos obxectos que temos na casa a través da súa venda, e destinar os cartos recadados a unha causa humanitaria. Neste ano 2012 realizaremos un segundo ingreso á Fundación Vicente Ferrer, que investirá esta axuda económica nun proxecto de construción dunha escola no distrito de Anantapur. O ano pasado enviamos 1000 euros, e hoxe rematamos esta xornada co seguinte reconto:

Venda de obxectos: 715 euros

Caixa de donativos: 85 euros

Total: 800 euros.

A este total de 800 euros temos que sumarlle 300 euros da venda de flores na campaña de San Valentín. Nos próximos días faremos por tanto o ingreso de 1100 euros na conta da Fundación Vicente Ferrer. Grazas a todos de novo pola vosa colaboración.

   
Alumnado de 4º de ESO, encargado da caixa no Rastro Solidario


Alumnado de EI e EP visitando o Rastro




Apertura do paquete recibido da escola da India



Alumnado da ESO recibe unha charla sobre a FVF



Alumnado de 4º da ESO imparte a charla sobre a FVF



martes, 27 de marzo de 2012

CAMPAÑA DE SENSIBILIZACIÓN PARA O RASTRO SOLIDARIO 2012



O luns 26 de marzo de 2012 o alumnado de 4º da ESO do CPI Virxe da Cela visitou as aulas de educación infantil, educación primaria e ESO do noso centro para impartir unha breve charla de sensibilización con motivo de concienciar ao alumnado da importancia da súa participación no Rastro Solidario 2012 que terá lugar o vindeiro venres 30 de marzo. Alba, Iván, María e Marta explicaron aos rapaces e rapazas que todos os cartos recadados a través da venta de obxectos no rastro empregaranse para unha segunda fase da construción dunha escola en Anantapur, A India, a través dun programa da Fundación Vicente Ferrer. A continuación incluímos o informe de localización do proxecto, no que ven especificado a situación da escola, os planos, o calendario de execución e outros datos de interese.

martes, 13 de marzo de 2012

EMPATÍA E SOLIDARIEDADE COAS PERSOAS DISCAPACITADAS





O pasado luns 12 de marzo de 2012 recibimos a visita de catro técnicos/monitores da Asociación Down A Coruña, que estiveron no noso centro impartindo diferentes charlas e obradoiros ao alumnado da ESO e PCPI, coa finalidade de romper moitos prexuízos e falsas crenzas acerca das persoas con Síndrome de Down, e con isto tratar de fomentar a súa integración na sociedade. Descubrimos que eles e elas non son tan diferentes de nós, tamén soñan con conseguir un traballo, independizarse, e por que non, atopar parella e formar unha familia. A través de diferentes dinámicas puxémonos no seu lugar, entendendo que difícil lles pode resultar realizar algunhas tarefas ben simples, como atar os cordóns dos zapatos ou pechar ou abrir unha cremalleira. Tamén entendimos como sofren a discriminación ou a marxinación cada vez que os tratamos como xente enferma, infantil, e non valoramos as súas capacidades. Visionamos varios videos nos que poidemos comprobar as ilusións e os soños dos rapaces e rapazas con Síndrome de Down que acoden á asociación Down en Coruña, descubrindo que poden acadar éxitos nos estudos, sacar unha carreira, preparar unhas oposición, e disfrutar do ocio e tempo libre bailando como calquer mozo/a.
Estas charlas e obradoiros forman parte dunha campaña de sensibilización que se está levando a cabo no noso centro educativo, xa que no presente curso académico está cursando os estudios na nosa escola un rapaz con síndrome de Down, e o mellor xeito de tratar na igualdade e romper moitos prexuizos e descubrir que todos somos diferentes, e que e diferenza non ten por que ser un motivo de exclusión, senón unha fonte de enriquecemento. Nesta mesma campaña o alumnado da ESO e PCPI visionou a película León e Olvido, e a como proceso final realizarán uns cuestinarios de reflexión.

miércoles, 7 de marzo de 2012

8 DE MARZO: DÍA DOS DEREITOS DAS MULLERES


A que soa o de muller traballadora?
Non pensades que é un adxectivo absurdo, cando se aplica á muller?
As mulleres son todas traballadoras e como sabemos cunha carga laboral que supera as veces amplamente á dos homes en moitos aspectos.
A única maneira de chegar a unha igualdade entre homes e mulleres, recollida en numerosas constitucións do mundo é, desde a educación , unha educación en valores, igualitaria e non sexista.
A educación na igualdade, a información veraz e a xustiza social permitirán que nos desenvolvamos como persoas libres; libres para sentir, pensar e actuar por nós mesmos, sen o sometemento duns sobre outros.
Non podemos deixar este 8 de marzo  sen mostrar o noso máis absoluto rexeitamento á violencia que causa tantas mortes de mulleres, pola súa condición de tales. Este “terrorismo afectivo” derivado dos conceptos patriarcales de posesión, podería combaterse cunha coeducación efectiva familia-escola encamiñada á consideración de todas as persoas por igual, sen distinción de sexos.
A educación na igualdade, a información veraz e a xustiza social permitirán que nos desenvolvamos como persoas libres; libres para sentir, pensar e actuar por nós mesmos, sen o sometemento duns sobre outros.

lunes, 5 de marzo de 2012

NUN SEGUNDO... CAMBIA A TÚA VIDA



Unha frase moi suxerente que pon a funcionar a nosa imaxinación, mais neste caso é o lema dunha campaña da Fundación MAPFRE coa colaboración da Xunta de Galicia, na que se pretende sensibilizar á mocidade sobre os tremendos perigos dunha condución imprudente. Desde a Coordinación de Actividades Complementarias e Extraescolares e o Departamento de Orientación do CPI Virxe da Cela ponse a disposición do profesorado o video da campaña para concienciar ao alumnado de ESO e de PCPI da obriga e responsabilidade na condución, e reflexionar das terribles consecuencias que poden truncar a vida nun breve instante, tan so un segundo. O documental "Un segundo" reflicte o volco na vida tanto de víctimas como de familiares de accidentes de tráfico.

Preme na imaxe para velo.