martes, 24 de abril de 2012

SEMANA DE ACCIÓN MUNDIAL POLA EDUCACIÓN



O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou hoxe os actos da Campaña Mundial pola Educación (CME).
Durante a súa intervención na inauguración do encontro o conselleiro recordou a súa propia etapa como estudante e en especial a unha das súas mestras. Así destacou que “agora teño máis presentes que nunca as súas ensinanzas. A súa entrega e dedicación a todos e cada un de nós, o seu xeito de guiarnos, de facernos ver o privilexio que supoñía poder acudir cada día á clase, poder adquirir novos coñecementos.”
O encontro, celebrado en Santiago a través da coalición galega integrada por Axuda en Acción, Educación Sen Fronteiras, Entreculturas, InteRed e o Seminario Galego para a Paz, contou coa presenza de estudantes dos centros composteláns CEIP López Ferreiro, IES Eduardo Pondal, IES Arcebispo Xelmirez I, así como do IES Carlos Casares de Viana do Bolo que deron a coñecer as súas experiencias vitais en torno á educación tanto en Galicia como nos países de procedencia de algúns dos participantes no encontro.

Os obxectivos

A CME 2012 ten como lema Con dereitos desde o principio. Por unha educación temperá de calidade, e o seu obxectivo é que os centros educativos galegos traballen na elaboración da Grande Imaxe, conformada por instantáneas de todos os participantes que reflexionen sobre as propostas didácticas dos propios estudantes en torno á importancia da atención e educación da primeira infancia, establecida entre os 0 e 6 anos. Nesta imaxe final estarán incluídas as sinaturas do conselleiro Xesús Vázquez Abad como demostración do seu compromiso cos principios e accións da CME.
Cómpre recordar que a CME ten como obxectivo reflexionar sobre o cumprimento dos principios acadados no “Cumio de Dakar” en 2000. Un documento que reflicte o compromiso da comunidade internacional para garantir o acceso a unha educación de calidade para todas as nenas e nenos no 2015. Así no 2010 o presidente da Xunta de Galicia recibiu por primeira vez aos embaixadores da CME, e no seguinte ano realizaron o acto central da Campaña no Parlamento de Galicia.
Este ano a Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria  volve a mostrar o seu apoio a todas aquelas actividades centradas nunha educación universal e de calidade que permitan ter cada vez xeracións mellor preparadas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario