lunes, 20 de abril de 2015

3º OBRADOIRO "CREANDO CIDADANÍA GLOBAL"







        Chámase Cristiana Louis, é avogada e naceu na República Dominicana. Visitou o CPI Virxe da Cela o luns 20 de abril 2015 para impartir unha charla ao alumnado de 4º da ESO, enmarcada dentro do proxecto Creando Cidadanía Global. Veu acompañada de María Caride, técnico da ONG Solidariedade Internacional Galicia, quen a presentou aos rapaces e rapazas como todo un exemplo de incidencia política. Cristiana pertence á organización MUDHA (Movemento de Mulleres Dominico-Haitianas), unha organización que centra o seu traballo no ámbito da educación, a saúde e os dereitos humanos, loitando pola mellora da calidade de vida da poboación dominico-haitiana. 

     O 23 de setembro de 2013 o Tribunal Constitucional da República Dominicana emitiu unha sentenza (168-13) a cal ordena o despoxo da nacionalidade de centos de persoas nacidas en territorio nacional. As persoas que serían afectadas desta decisión son homes e mulleres fillos e fillas de inmigrantes hatianos/as que foron recoñecidos/as como dominicanos/as e gozaron deste dereito por máis de 20, 40, 60 e 80 anos. Cristiana veunos falar desta situación que ameza coa deportación masiva destas persoas a partires do 15 de xuño deste mesmo ano, converténdoas en apátridas e privándolles da documentación e dos dereitos que lles corresponden. Unha enorme inxustiza na que se evidencian a violación de dereitos fundamentais, como é o dereito á nacionalidade, á dignidade humana, a aplicación retroactiva de leis, etc. 

     Admiramos o valente esforzo de Cristiana Louis e do Movemento de Mulleres Dominico-Haitianas na denuncia e a loita contra esta inxusta sentenza, así como a importante e valiosa labor que están desenvolver na República Dominicana para garantir os dereitos básicos da poboación dominico-haitiana e ofrecendo servizos básicos ás familias.

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario