martes, 3 de marzo de 2015

GRAVACIÓN VÍDEO CAMPAÑA MUNDIAL POLA EDUCACIÓN

Da man da Fundación Entreculturas recibimos a visita dun pequeno equipo de comunicación disposto a recoller as impresións que docentes e alumnos/as do CPI Virxe da Cela temos sobre a CME (Campaña Mundial pola Educación), evento celebrado no noso centro educativo anualmente no mes de abril desde o curso académico 2008-2009. Son por tanto seis campañas con numerosas anécdotas e lembranzas, loitando en conxunto polo dereito a unha educación universal e de calidade.
Todas as persoas que sentaron diante da cámara na xornada do martes 3 de marzo de 2015 (grupiños de alumnado de 6º de primaria e da ESO e as profesoras que coordinan o proxecto Monferosolidario) reflexionaron sobre os cambios que se deron no noso centro desde a chegada da CME, xustificando a importancia de loitar polo dereito á educación e os logros que se conseguiron en relación a este dereito. Está claro que a día de hoxe o noso alumnado é consciente de que a educación cambia vidas, tanto é así que varios rapaces e rapazas comentaron exemplos no seu ámbito máis próximo que exemplifiquen este feito.
Esta entrevista, que formará parte dun vídeo final que promoverá a Campaña Mundial pola Educación 2015, e na que participarán outros centros educativos galegos, está dando a oportunidade a alumnos/as e docentes para expresar peticións ás persoas con responsabilidade política, reivindicando a importancia de traballar en prol dunha educación para todos e todas, así como lanzarse a soñar e falar en voz alta de todos aqueles desexos que quizás un día, se todos unimos as nosas forzas, poidan converterse en realidade. 













No hay comentarios:

Publicar un comentario