viernes, 6 de marzo de 2015

8 de MARZO: DÍA DOS DEREITOS DA MULLER


Este domingo 8 de marzo celébrase o Día Internacional da Muller. Neste día é fundamental recordar que todas as persoas, xa sexa homes ou mulleres, posúen unha dignidade e, por iso, teñen dereito á igualdade. Ademais, este ano 2015 é un momento histórico: cúmprense 20 anos da Declaración e a Plataforma de Acción de Beijing, folla de ruta para a materialización dos dereitos das mulleres, e cúmprese a data fixada para o cumprimento dos Obxectivos da Educación para Todos (EPT) e dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM).
A día de hoxe, aínda queda moito por facer para que os dereitos das mulleres e as nenas non sexan vulnerados. Aínda non fomos capaces de suprimir as disparidades entre sexos no ensino primario e secundario e lograr a igualdade de xénero na educación. Os obstáculos máis relevantes son a pobreza, as prácticas sociais discriminatorias, a distancia dos centros escolares para as persoas que viven en zonas rurais, os matrimonios precoces, a falta de instalacións sanitarias axeitadas que fai que as mulleres e as nenas sexan máis vulnerables á violencia, ou vivir en ámbitos escolares perigosos por conflitos armados.
 O Estado ten un papel fundamental en promover políticas e estratexias adecuadas para lograr unha educación de calidade para nenas e mulleres, como por exemplo: 
•Asegurar un investimento axeitado que teña impacto en todos os obstáculos que impiden a educación das mulleres e nenas.
•Acurtar as brechas producidas pola pobreza e a exclusión e facer que a educación sexa de igual calidade para todos e todas.
•Revisar a estrutura e o funcionamento xeral do sistema educativo, erradicando calquera forma de discriminación e incluíndo eixes transversais para a equidade de xénero.
•Unha boa escola vai asociada a un bo proxecto de comunidade. Coherencia entre os códigos éticos da escola e os códigos éticos que desenvolve a convivencia cotiá.
•Garantir unha boa formación dos docentes en perspectiva de xénero, cidadanía e democracia.
•Asegurar características inclusivas na escola como: infraestruturas axeitadas, contidos e materiais educativos comprometidos coa igualdade de xénero e que sexan espazos de reeducación das relacións entre home e mulleres eliminando os roles tradicionais.

Para a consecución plena do dereito á igualdade no mundo, son necesarias sociedades que traballen en pro de dito dereito e a favor do empoderamento das mulleres. Está amplamente recoñecido pola comunidade internacional, que os países con maior igualdade entre homes e mulleres experimentan progresos en diferentes ámbitos como maior crecemento económico, erradicación da pobreza, desenvolvemento sostible e acordos de paz máis duradeiros.

Por iso todos debemos de  seguir traballando na liña da sensibilización e da incidencia política. Porque, cantos máis sexamos empurrando nesta dirección, máis forte será a nosa voz e máis pronto lograremos alcanzar a meta dunha cidadanía igualitaria, con plenos dereitos e garantista dunha igualdade real e diaria entre homes e mulleres.

No hay comentarios:

Publicar un comentario