Xa rematado oficialmente o curso académico 2013-2014, un grupiño de 9 alumnas e dúas profes do CPI Virxe da Cela achegámonos o pasado mércores 25 de xuño ao instituto Campo de San Alberto de Noia para participar no encontro de fin de curso da Rede Solidaria da Mocidade Entreculturas. Unha ocasión ideal para reunirnos con xente coñecida doutros tres centros escolares galegos pertencentes á Rede e para divertirnos con dinámicas e xogos específicos, amenizados polo infatigable Abeloni, o monitor máis marchoso de Entreculturas. Despois desta parte máis lúdica, pasamos a revisar e avaliar as nosas axendas solidarias, e comprobamos que o alumnado do CPI Virxe da Cela non so está satisfeito coas accións desenvolvidas durante o curso académico 2013-2014, senón que xa ten en mente varias propostas para levar a cabo o vindeiro curso. As profes Verónica e Yolanda estamos orgullosas da nosa canteira, observando a participación activa do noso alumnado e descubrindo que día a día os nosos rapaces/zas van aumentando o seu grado de autonomía: poñer por caso o éxito de diversas “iniciativas emprendedoras” que se foron xestando ao longo dos últimos meses, incluíndo a campaña de deseño e elaboración das chamativas camisetas de Monferosolidario que nos aportan un sinal máis da nosa identidade como grupo e colectivo. Feliz verán a todos e todas: agora toca baleirar o “disco duro” e deixar espazo para “reiniciar o equipo” no vindeiro mes de setembro!!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario