martes, 24 de junio de 2014

DIARIO DE A BORDO "COOPERACIÓN GALEGA: O MUNDO QUE QUEREMOS"




        Tras unha longa travesía de 10 meses a nosa nave chega a porto para repoñer forzas e revisar esta aventura que levamos a cabo tres profesoras do CPI Virxe da Cela xunto cos nosos alumnos/as de ESO. Atrás quedan moitos recordos, desde o noso inicio, neste pequeno camarote atiborrado de obxectos diversos para a nosa expedición, aquel día que nos reunimos cos armadores de Cooperación Internacional para definir o rumbo do Mundo que Queremos. Tras aquela primeira impresión sabiamos que a nosa viaxe ía ser exitosa, contábamos cunha espléndida nave e unha formada tripulación. Queremos agradecer especialmente a María Caride por todo o seu traballo de planificación, e os numerosos contactos que establecimos vía telegráfica.
        Coincidimos con outras naves no medio do océano, tripuladas por Rosa López Miramontes que dirixía os ODM desde unha perspectiva lúdica, contaxiando moitísimo entusiasmo entre os nosos mariñeiros/as. Posteriormente topámonos coa nave AGARESO, patroneada por Montse Fernández e Óscar Vázquez, que nos guiaron nas artes da radio e da fotografía. Meses máis tarde coincidimos coa nave de piratas Cen Tolas, mulleres con grande forza que tratan de dar solucións aos conflitos a través do Teatro do Oprimido. Surcamos os mares do sur acompañados da fragata Radio Tehuacán, baixo o mando de Iris, Jasmin e José Manuel, que nos mostraron como é a vida nesas latitudes, facéndonos valorar o que temos e que habitualmente nos pasa desapercibido.
        E como momento culminante do noso periplo, o Paso do Ecuador, celebrouse mar adentro, na terra do Apóstolo, xuntándonos a bailar e celebrar un divertido Acto de Clausura na Sala Capitol. Non esquecemos o chiculate ben quente que paladeamos nunha reunión clandestina no camarote do Almirantazgo, tendo a oportunidade de coñecer aos outros/as capitáns da escuadra que viaxaron en paralelo.
Enarbolamos as bandeiras da Cooperación Internacional e Rexional e atracamos o noso navío no astaleiro para poñelo a punto cara a próxima singladura. E agora que estamos en terra, deixaremos que o destino nos volva a unir nalgunha rúa coruñesa a horas intempestivas da madrugada.

                                               Teresa, Yolanda e Verónica


 

No hay comentarios:

Publicar un comentario