Fermosa e emotiva gala de Despedida do Curso 2013-2014 no CPI Virxe da Cela, unión de sentimentos contrapostos. Por un lado desexamos rematar dunha vez este mes de xuño, sempre repleto de exames, traballos e carreiras dun lado para outro ao borde da taquicardia, e así por fin vernos liberados gozando dunhas merecidas vacacións. Por outra banda, poñer o punto final a unha travesía na que inevitablemente algúns terán que abandonar o barco: o alumnado de 4º da ESO, rapaces e rapazas que pasaron a meirande partes das súas vidas compartindo aula, compañeiros, profesores e cargados de centos de recordos. A partir de agora terán que deixar esta a súa “casa” atrás e camiñar cara a novos horizontes, enfrentándose a novas situacións e comezando novas relacións de amizade. Tamén foi o momento de despedir a Pedro García, Abel Soto e Mª Carmen Espiñeira, profesores que mudan destino ou ben rematan a súa traxectoria profesional, e que tamén viviron esta xornada como unha despedida.
Como xa ven sendo toda unha tradición no noso centro, foron os alumnos/as de 3º da ESO os encargados de organizar e presentar esta gala, e o fixeron con todo detalle e cariño, obsequiando aos seus compañeiros/as de 4º e aos profesores que deixan o centro cunha fermosísima rosa vermella, orixinais diplomas e simpáticas presentacións audiovisual cos mellores momentos e con algún material inédito que fixo arrancar as gargalladas do público alí presente. Houbo tamén espazo para as bágoas, que comezaron a asomar a través da lectura dalgunha carta de despedida e xa foi imposible poñerlles freo unha vez que soaron os fermosos arpexios do comezo da canción “Cuando me vaya”, que cantamos todos xuntos en unión e que puxo punto final a este curso 2013-2014.
No hay comentarios:
Publicar un comentario