viernes, 26 de abril de 2013

O ALUMNADO DO CPI VIRXE DA CELA COÑECEN A MAHÁN


 


Fai uns días xa vos adiantamos algo sobre as aventuras de Mahán, un simpático e avispado cativo dunha aldea de África que descobre un xeito moi singular para loitar polo dereito á educación de aqueles 61 millóns de nenos e nenas que, vivindo en diferentes áreas da xeografía mundial, non teñen a sorte e o privilexio de asistir a unha escola e aprender. 

A encargada de transmitir esta historia é Andrea, unha rapaza de 1º da ESO que ten o don de contar historias, e que cautivou ao público asistiente a estas sesións de contacontos, que a observaban boquiabertos e con mirada atenta. E para ambientar este conto de "Mahán e a cadeira vermella" que mellor que realizar simultaneamente a acción de pintar unha cadeira de cor vermella para simbolizar a esencia do noso conto!!! Recordamos que este conto está inspirado na campaña de "La silla roja" lanzada pola ONG Entreculturas, que os textos foron escritos por María, outra rapaza de 1º da ESO, e que as ilustracións correron a cargo de varios alumnos e alumnas de 1º da ESO. Parabéns a todos vós por demostrar esas capacidades creativas e deixar voar a vosa imaxinación. Pero a historia non acaba aquí, cada un dos grupos que vai visitando a Biblioteca Escolar para descubrir a historia de Mahán, realizan pequenos xogos e dinámicas que lles fai recapacitar sobre a importancia da educación. Esta sesión de contacontos remata obsequiando a cada un dos grupos con unha versión impresa en papel deste conto, para que a leven á aula e traten de imaxinar outro conto posible utilizando como símbolo unha cadeira vermella. Tedes de prazo ate o 1 de xuño para presentar as vosas aportacións, tanto de maneira individual como en grupo, que poderán optar a unhas serie de premios, tendo en conta tanto a calidade artística, a creatividade, así como a importante mensaxe solidaria a transmitir. 

Esta actividade está organizada por Monferosolidario en colaboración co EDLG e a Biblioteca Escolar. O EDLG quere a través dela potenciar o uso da lingua galega, tanto de maneira escrita como oral, e será o encargado de finanzar os premios da convocatoria. Por outra banda a Biblioteca Escolar ofrécenos o lugar perfecto para mergullarnos no mundo das historias. Queremos facer da biblioteca un espazo vivo e dinámico onde reunirnos e compartir vivencias, e que as historias viaxen polo aire e non queden atrapadas en libros inertes que soamente viven esquecidos en estanterías.

No hay comentarios:

Publicar un comentario