jueves, 1 de noviembre de 2012

ENTRECULTURAS NO CPI VIRXE DA CELA

A tarde do mércores 31 de outubro de 2012 tivemos a visita de Sandra Rodríguez, técnica da ONG Entreculturas. Son cinco xa os anos que levamos vinculados con esta ONG, co seu apoio incondicional desde o nacemento do proxecto Monferosolidario, alá no curso académico 2008-2009. Con Sandra únenos unha especial relación, xa non soamente profesional, senón que a estas alturas, de auténtica amizade. Sabemos que ademais do contacto habitual coas coordinadoras de Monferosolidario, trata cada ano de visitar o noso centro para falar cos rapaces e rapazas da ESO, tratando de afianzar o compromiso daqueles que xa están na Rede Solidaria da Mocidade Entreculturas, así como de facer novas fichaxes, eses nenos e nenas que comezan os seus estudos en 1º da ESO, e que serán a savia nova que alimente o proxecto. Acompañada por Xosé Luis Pastoriza (outra persoa clave para o éxito de Entreculturas en Galicia, e a quen tamén lle temos especial estima e agradecemos o seu humor e creatividade á hora de dinamizar calquera actividade), Sandra agradeceu en primeiro lugar a participación de todos aqueles alumnos e alumnas que contribuíron ao éxito do Encontro Zanmitay, celebrado no noso centro fai agora un ano, no que se deron cita casi 200 persoas, entre rapaces e rapazas e tamén docentes de toda Galicia. En segundo lugar convidou a todo o alumnado presente a participar no próximo encontro da rede solidaria, que terá lugar o vindeiro sábado 10 de novembro de 2012 no IES Elviña (A Coruña). Finalmente fixo a presentación oficial da fermosa campaña "A cadeira vermella" (La silla roja) que este ano Entreculturas lanza para concienciar á poboación do dereito á educación de máis de 61 millóns de nenos en todo o mundo que están sen escolarizar. Un grupiño de alumos/as de 1º da ESO axudaron a presentar esta campaña, indicando algúns dos obxectivos e adiantando algunhas das actividades que temos pensado levar a cabo na nosa escola para sensibilizar á nosa comunidade educativa. Seguro que vale a pena o noso esforzo... 

1 comentario:

  1. hola , soy Antía Gómez. me gusto nel otro día que biniese Sandra.
    yo voy a ir al encuentro de entreculturas y se que lo voy a pasar muy bien.
    espero pintar la silla de la que nos hablo.

    ResponderEliminar