jueves, 15 de diciembre de 2016

QUILÓMETROS DE SOLIDARIEDADE

O CPI Virxe da Cela sumouse este ano, por primeira vez,  á  XIII Carreira Quilómetros de Solidariedade da ONG Save The Children.  Enmarcada dentro das nosas actividades solidarias, é unha actividade con dobre finalidade: por unha banda, espertar nos nosos alumnos e alumnas un espírito crítico e solidario cara as inxustizas que afectan a millóns de nenos e nenas de todo o mundo e, por outra banda, recadar fondos en colaboración coa ONG “Save the Children” para axudar á infancia mais desfavorecida e facer que se respecten os seus dereitos.
Moito máis que unha actividade deportiva, a carreira Quilómetros de Solidariedade permite traballar a defensa e promoción dos Dereitos da Infancia dentro e fora da aula. A través das actividades didácticas as alumnas e alumnos coñecen máis de preto a situación que millóns de nenas e nenos de países máis desfavorecidos viven a diario. Mobilizarse e loitar para defender os seus dereitos é o noso obxectivo. Cada quilómetro percorrido conta para chegar á meta: conseguir que todas as nenas e nenos do mundo teñan asegurado o cumprimento dos seus dereitos.

E para mostra, o vídeo que tedes a continuación.

GRAZAS A TOD@S  POLA VOSA SOLIDARIEDADE


             

martes, 13 de diciembre de 2016

UNHA CLASE MOI ESPECIAL NA FACULTADE DE FORMACIÓN DO PROFESORADO DE LUGO






Unha clase moi especial na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo. Alumnado do CPI Plurilingüe Virxe da Cela (Monfero) impartirá unha clase ao alumnado de primeiro curso do Grao en Mestre/a de Educación Primaria. Nenos e nenos de 5º e 6º de Primaria, explicará aos futuros mestres/as como se traballa na seu colexio empregando metodoloxías innovadoras que permiten conectar aprendizaxe e realidade a favor dun desenvolvemento sostible do rural galego. 

A experiencia que presentarán concrétase nunha campaña de posta en valor do medio rural galego que aglutina un conxunto de actuacións a prol da identificación, valoración e enfrontamento a situacións problemáticas que o configuran dende unha perspectiva activa e resolutiva que é quen de aglutinar o esforzo comunitario. O nexo de unión é a Asociación Infantil e Xuvenil “Soño rural” creada polo alumnado do centro, sendo a encargada de dinamizar e difundir estas actuacións, tarefa que realizarán na Facultade. Neste curso escolar o proxecto deseñado ten por nome "A vaquiña polo que vale", sendo hoxe o alumnado o encargado de presentalo

Destacar que esta experiencia forma parte dos proxectos “Somos paisaxe, somos vida” e de “Monfero Solidario” que desenvolve o Centro educativo e que conta cun gran recoñecemento institucional, sendo o primeiro premiado en varias ocasións dentro do Plan Proxecta, tanto pola Consellaría de Cultura Educación e Orientación Universitaria como pola Consellaría do Medio Rural e Monfero Solidario galardoado co Premio Nacional Vicente Ferrer de Educación al Desarrollo. Un proxecto que ademáis contou co respaldo da Dirección Xeral de Voluntariado pola súa capacidade de entender a aprendizaxe como un servizo á comunidade. 

O encontro, impulsado pola profesora de Socioloxía da Educación, Marta Poncet e pola directora do CPI Plurilingüe Virxe da Cela, Camino Pereiro (antigua alumna da Facultade), se encadra dentro do espírito de esforzo compartido en prol da calidade do ensino en todas as súas vertentes.


sábado, 10 de diciembre de 2016

10 DECEMBRO: DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS HUMANOS

“Somos moito máis fortes cando nos tendemos a man e non cando nos atacamos, cando celebramos a nosa diversidade [...] e xuntos derrubamos os poderosos muros da inxustiza”.


TRABALLANDO INTELIXENCIAS ENTRE A UNIVERSIDADE E A ESCOLA

Nestes últimos días o colexio público Integrado Plurilingüe Virxe da Cela (Monfero) converteuse nun lugar de encontro entre o alumnado de 5º de Educación Infantil e alumnado do Grado de Mestres/as de Educación Infantil da Escola Universitaria de Formación do Profesorado de Lugo, da Universidade de Santiago de Compostela. O obxectivo desta experiencia foi que futuros mestres e mestras puxeran en práctica un banco de actividades deseñadas para desenvolver as intelixencias múltiples en nenos e nenas de catro anos.






viernes, 9 de diciembre de 2016

ENTRECULTURAS NADAL 2016

INCONFORMISTAS


A Coordinadora Galega de ONGD pecha o ano do seu 25 aniversario coa difusión on line de 'Inconformistas. 25 anos de andaina solidaria', unha curta documental producida por Agareso, e dirixida por Xes Chapela, que fala da loita das organizacións galegas para mudar o mundo. O alumnado do CPI Virxe da Cela participou na gravación deste documental.

 

lunes, 5 de diciembre de 2016

DÍA INTERNACIONAL DO VOLUNTARIADO NO VIRXE DA CELA


O obxectivo do tema do Día Internacional dos Voluntarios 2016, (#GlobalApplause - Viva os voluntarios!) é recoñecer o labor dos voluntarios e as voluntarias en todo o mundo, e todo o que fan para que a paz e o desenvolvemento sustentable sexan unha realidade.
Animamos a todas as persoas do planeta para dar un moi merecido aplauso global (#GlobalApplause) aos voluntarios e voluntarias a través das redes sociais e a participar nas celebracións do Día do Voluntariado.
Este 5 de decembro, Día Internacional dos Voluntarios, non só celebramos o voluntariado en todas as súas facetas, senón que tamén se rende unha homenaxe especial a todos os voluntarios que traballan para conseguir os novos obxectivos mundiais. A través do voluntariado, cada persoa pode influír na axenda de desenvolvemento sustentable mobilizando e promovendo a participación de gobernos e comunidades.
Cada día miles de persoas ofrécense como voluntarios, sobre o terreo ou en liña, para contribuír á paz e o desenvolvemento e para alcanzar os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable.
Este día é unha celebración do noso compromiso e da nosa esperanza dun mundo mellor.

 E aquí vai o aplauso de todos os que formamos a comunidade educativa do CPI Virxe da Cela.
VIVAN OS VOLUNTARI@S!!!!


         

miércoles, 30 de noviembre de 2016

XOGAR A PENSAR NO VIRXE DA CELA


 Durante estes días (luns 28 e martes 29 de novembro)  o alumnado de 6 a 12 anos do CPI Plurilingüe Virxe dá Cela de Monfero preparouse para “Xogar a pensar”participando en diversos talleres de Filosofía para nenos e nenas, impartidos por un profesorado moi especial: os estudantes de primeiro curso do Grao en Educación Primaria da Universidade dá Coruña. Trátase dunha iniciativa enmarcada dentro dun Proxecto de Aprendizaxe-Servizo impulsado polo CPI Plurilingüe Virxe dá Cela e a Facultade de Ciencias da Educación da UDC, institucións que veñen colaborando xa en distintas experiencias nos últimos anos.
Este proxecto permite aos estudantes universitarios reforzar dun modo práctico as aprendizaxes e competencias desenvolvidas na súa titulación, á vez que realizan un servizo á comunidade educativa de Monfero e Irixoa. Desde o CPI Plurilingüe Virxe dá Cela colabórase activamente na realización dos múltiples talleres, co fin de iniciarse nunha metodoloxía, a filosofía para nenas e nenos, que en palabras de Helena Zapico, docente do departamento de Pedagoxía e Didáctica da UDC e coordinadora da actividade,  permite mellorar as habilidades de pensamento crítico, creativo e coidadoso dos nenos e nenas, a través da utilización de xogos, arte e narrativa.  


             

PRESENTACIÓN AO ALUMNADO DO PROXECTO DE EDUCACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO

O martes 29 de novembro tiveron lugar dous actos dentro do proxecto de Educación para o desenvolvemento e cidadanía global,que leva a cabo o noso centro xunto a UDC. 
  •   De 15:30 a 15:45 no salón de usos múltiples presentouse ao alumnado de secundaria e 4º,5º e 6º de primaria dito proxecto por parte de membros da UDC 
  •  De 15:45 a 16:30 Reunión co profesorado participante no proxecto para facer a proposta definitiva de actividades e calendario.






lunes, 28 de noviembre de 2016

Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller no Virxe da Cela

A coeducación e a igualdade son elementos fundamentais para construír sociedades cada vez máis xustas. Actuacións, neste senso que se desenvolven diariamente no centro educativo de Monfero, pero que con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller, adquiren énfase cunha xornada no que a totalidade de Comunidade educativa se implica.
Ao redor da mesma se organizou unha mesa debate na que as experiencias das nais do noso alumnado permitiron ver e reflexionar sobre a evolución da escola e os valores sociais no último século. Actitudes, valores e comportamentos transmitidos que camiñan cara a igualdade pero nos que aínda perduran micromachismos que reflicten o que aínda nos queda por percorrer.
Pero a reflexión sempre debe ir acompañada do seu traslado á realidade, e que mellor que darlle sabor a xornada cos obradoiros de cociña creativa do alumnado de Ed. Infantil, doces nos que nenos e nenas amosan as súas capacidades culinarias e dos que todo o centro fomos quen de saborear.
Alén disto, o alumnado de ESO exerceu de conta contos coa obra “Artur e Clementina” e o de Ed. Primaria deseñaron marcapáxinas que despois penduramos no patio do centro para quen llo regalara a unha muller da súa vida no día de hoxe.

Sen dúbida, unha xornada moi especial.




viernes, 25 de noviembre de 2016

LUZ PARA COMBATER A VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES



A  violencia contra a muller supón a manifestación máis extrema da desigualdade de xénero e a máis grave violación dos dereitos humanos das mulleres que padece calquera sociedade. Hoxe, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, desde Entreculturas queremos arroxar luz e denunciar esta realidade, tantas veces escondida e silenciada. Infórmate: http://bit.ly/erradicacionviolenciamujer.






martes, 22 de noviembre de 2016

PRÁCTICAS DE RCP NO COLE

A intervención rápida ante unha parada cardio-respiratoria é vital para que os equipos de emerxencia poidan actuar e salvar vidas. Por esta razón, o pasado 15 de novembro, organizouse desde o departamento de orientación e educación física, en colaboración co CHUAC unha charla dirixida a todo o alumnado da ESO e 5º e 6º de educación primaria, dentro do “Programa de Divulgación en Doazón e Transplantes”
Na primeira sesión, impartida por Alejandro, enfermeiro do CHUAC, vimos os aspectos básicos da Doazón de órganos e tecidos.
Na segunda sesión, Fernando, médico da UCI, despois das pautas básicas teóricas sobre a RCP (Reanimación Cardiopulmonar) ensinou ao alumnado a realizar a maniobra de forma práctica.

Toda unha experiencia que repetiremos coa formación básica para alumnado e profesorado dentro do Plan deportivo de centro.







martes, 15 de noviembre de 2016

III XORNADAS DE EDUCACIÓN para o DESENVOLVEMENTO e A CIDADANIA GLOBAL






O pasado, venres 18 de novembro, dende as 9:45h ata as 16:00h o Centro Público Integrado Plurilingüe Virxe da Cela de Monfero, desenvolvese coa participación de máis de cento cincuenta persoas as III Xornadas de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global. As xornadas enmárcanse dentro do proxecto “Investigando a dimensión global da Educación para o Desenvolvemento. Un proxecto piloto de investigación-acción colaborativa nun centro educativo de Galicia (Fase I)” subvencionado pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, e pretenden dar voz e protagonismo tanto ao alumnado como ao profesorado e familias do centro. 

Neste proxecto están participando de xeito colaborativo o CPI Plurilingüe Virxe da Cela, a ONGD Solidariedade Internacional de Galicia e un equipo de investigación da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña. O obxectivo do mesmo é o de traballar transversalmente no centro educativo dende a perspectiva da educación para o desenvolvemento, poñendo en relación as problemáticas locais do concello de Monfero, como é o sector lácteo-gandeiro, coas problemáticas globais de inxustiza e desigualdade Norte-Sur (pobreza, Dereitos Humanos, interculturalidade, xénero, sustentabilidade….). 

Durante estas xornadas os auténticos protagonistas serán os nenos e nenas, quenes expoñerán os seus traballos no eido da solidariedade, a loita contra a pobreza e a desigualdade. Os máis cativos participarán en sesións de contacontos e obradoiros sobre consumo responsable. Ademais celebrouse a Carrera Kilómetros de Solidaridad en colaboración con Save the Children cuxa intención é movilizarse e loitar polos dereitos da infancia. Cada quilómetro percorrido conta para chegar á meta: acadar que todas as nenas e nenos do mundo teñan asegurado o cumprimento dos seus dereitos.






lunes, 7 de noviembre de 2016

A FAMILIA GRELINDA NA PRENSA

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/ferrol/monfero/2016/11/05/span-langglos-grelinda-unha-familia-cinespan/0003_201611F5C12993.htm


Greliño estuda no CPI Plurilingüe Virxe da Cela que, como é un nome tan longo, todos coñecen como o colexio do Xestal. Alí tamén se formaron súa nai, Nabiza, e seu pai, Grelo. O avó materno de Greliño, Nabo, non foi á escola «porque daquela aínda non a había», pero mandou á súa filla. «Alí ensináronlle a ler, sumar e, o máis importante de todo, a ser persoa e a saber andar polo mundo», subliña o avó na curtametraxe A familia Grelinda. 

A peza creada o curso pasado por alumnos e docentes do colexio do Xestal quedou finalista no sexto Certame de Cinema OUFF Escola, enmarcado no Festival de Cine Internacional de Ourense. O proxecto xurdiu no obradoiro sobre creación de contidos multimedia impartido por Yolanda Castro, responsable de Normalización Lingüística no CPI de Monfero. «O ano pasado celebrabamos os 40 anos do centro, buscamos algo significativo da zona e collemos os grelos, o leitmotiv de Monfero», conta a docente, que tamén traballa no CPI As Mirandas, de Ares. Ana Martínez era alumna deste centro e colaborou con eles no deseño dos orixinais personaxes da familia Grelinda. «Despois editamos o audio [con Audacity, gratuíto], gravamos as voces e metemos as fotografías nun programa informático que xa xera a imaxe», explica a encargada da edición e de poñerlle voz a Greliño.