O mércores 2 de novembro de 2022 contamos no noso centro coa visita de Estefanía Franco, técnica da Fundación Entreculturas, para impartir unha charla sobre a Rede Solidaria de Mocidade Entreculturas ao alumnado de 1º, 2º e 3º ESO. Con esta actividade temos o obxectivo de reactivar a Rede Solidaria e formar un grupo de alumnos/as que queran seguir mantendo este proxecto que durante xa máis dunha década foi todo un signo de identidade do noso centro e que nos últimos anos foise debilitando por diferentes motivos (un deles, sen dúbida, foi a interrupción de encontros presenciais debido á Covid-19.) Durante dúas sesións lectivas (de 12:35 a 14:15) Fani transmitiu aos rapaces e rapazas todo o seu entusiasmo, explicando en que consiste a Rede Solidaria, que pasos hai que seguir para iniciarnos nela, e todas as cousas que nos pode aportar. Houbo tempo de visionar videos dos Encontros Globais da Rede Solidaria en Madrid, de repasar no noso blogue Monferosolidario algúns momentos históricos, como foi a celebración de dúas asambleas da Rede Solidaria no CPI Virxe da Cela, e incluso de realizar dinámicas e xogos, como un escape room utilizando dispositivos móbiles para reflexionar sobre temas tan importantes como o coidado do medio ambiente.
Aproveitando esta visita e charla quixemos inaugurar unha exposición sobre a traxectoria de Monferosolidario vinculada á Fundación Entreculturas. Podedes ver nos corredores de educación secundaria varios paneis expositivos con carteis, crónicas, reportaxes fotográficas, así como unha colección de materiais didácticos publicados por Entreculturas.
Esperemos que neste curso 2022-2023 a Rede Solidaria de Mocidade Entreculturas poda enraizar de novo entre os nosos mozos e mozas, aportándonos ferramentas para construír un mundo mellor.
No hay comentarios:
Publicar un comentario