viernes, 9 de noviembre de 2018

RADIO ESCOLAR PARA CONCIENCIAR SOBRE A DOAZÓN DE ÓRGANOS


  A radio do CPI Virxe da Cela de Monfero desprázase este venres ao Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (CHUAC) para facer un programa de radio sobre a doazón de órganos coa presenza do Coordinador de Transplantes de Órganos do CHUAC, o doutor Fernando Mosteiro; o secretario da Federación Galega de Doantes de Sangue, José Manuel Otero e o vicepresidente da Asociación Galega de Transplantes Airiños, Juan Graíño, entre outros. 
      O programa, titulado Doando Boas Ondas, estará presentado polo alumnado de 5º de Primaria do Virxe da Cela e contará cos testemuños de pacientes que recibiron unha doazón e pacientes que agardan por unha. Ademais, ao longo do programa, haberá reportaxes e varias entrevistas. Un programa que antecederá á charla didáctica que o Dr. Mosteiro ofrecerá aos escolares para explicarlles a importancia de doar. 
      Por primeira vez nesta tempada, a Radio CPI Virxe da Cela sae das aulas e o fai para achegarse aos protagonistas e concienciar sobre unha cuestión tan fundamental como é doar. Nese sentido, un dos lemas do espazo radiofónico é ‘Doar é Doado’. 
      Esta aposta do CPI Virxe da Cela pola radio para ensinar valores e coñecemento comezou en 2014 da man do Laboratorio de Radio como un xeito diferente de adquirir competencias comunicativas a través dun medio tan flexible e lúdico como é a radio. Actualmente, a actividade conta co apoio da Fundación Repsol e Axuda en Acción que fan posible o desenvolvemento desta actividade no centro educativo de Monfero (A Coruña).






No hay comentarios:

Publicar un comentario