O CPI Virxe da Cela participou no XVII Encontro en Rede “Un mundo nas túas mans”, organizado pola ONG Entreculturas e celebrado o sábado 24 de outubro de 2015 no IES Arcebispo Xelmírez. Un total de 15 alumnos/as e 2 profesoras compartimos experiencias con outros escolares e docentes de outros centros galegos pertencentes á Rede Solidaria da Mocidade Entreculturas nunha xornada lúdico-educativa: obradoiros, xogos, dinámicas, formación, charlas e actuacións, unha combinación de actividades deseñadas para concienciarnos dos problemas que existen no mundo e convencernos que ás solucións para cambiar o mundo están nas nosas mans.
Un dos obxectivos fundamentais desta xuntanza que se desenvolve sempre a comezos do curso escolar é deseñar unha axenda de actividades para levar a cabo no noso centro. Decidimos seguir realizando aquelas accións que xa veñen sendo unha tradición (Rastro Solidario, Operación Quilo, campaña de recollida de roupa, apadriñamento dunha nena na India, etc), así como lanzarnos a novos retos, entre eles tratar de implicar máis ás familias e visitar un centro de maiores.
Un dos momentos máis impactantes desta xornada foi a charla de tres médicos sirios que están na actualidade vivindo en Galicia e contaron en primeira persoa a situación dos seus compatriotas nun país destruído pola guerra, e deste xeito comprendemos a traxedia deste pobo e a odisea de milleiros de refuxiados que buscan en Europa un territorio para manterse a salvo lonxe das bombas e da violencia.
Agora o que nos queda é poñernos mans á obra, e de novo, a finais de curso, volverémonos reunir para facer o balance de varios meses de intenso traballo intentando cambiar o mundo, porque… o mundo está nas túas mans.
No hay comentarios:
Publicar un comentario