martes, 1 de abril de 2014

RADIO TEHUACÁN: 92.1 FM











Iris, Yasmin e José Manuel son tres xóvenes de El Salvador que visitaron  hoxe o noso centro (martes 1 de abril de 2014) e impartiron o último obradoiro no marco de "Cooperación Galega: o Mundo que Queremos", dentro do Plan Proxecta da Xunta de Galicia. A pesares do seu malestar físico debido ao jetlag e aínda aclimatándose as condicións do  frío e humidade, estes rapaces/zas foron quen de dar unha grande lección ao noso alumnado, non so explicando o seu traballo na Radio Tehuacán 92.1 FM, emisora comunitaria no Baixo Lempa (El Salvador), senón dando unhas pinceladas da súa loita por reivindicar a liberdade e cambiar a difícil situación na que se atopa o seu país. Son auténticos heroes, combinando a súa faceta xornalística, os seus estudos para lograr unha meta no futuro e facéndose cargo ou axudando ás súas familias e as súas comunidades. A través da súa voz e da súa testemuña estamos máis preto de coñecer as difíciles condicións de vida dun país que viviu unha tremenda guerra civil, e que na actualidade sofre a dura violencia exercida polas perigosas "maras". Recordaron aos nosos alumnos/as a sorte que teñen por poder vir á escola, estar ben alimentados, e non ter que traballar explotados como parte da infancia do seu país. 

Foron dúas horas de charla que souberon a pouco, así que verémonos de novo nun par de días, nesa celebración final que terá lugar o vindeiro venres día 4 de abril en Santiago. Grazas pola vosa lección. Queremos tamén destacar a presenza de Rosa López Miramontes, quen visitou o noso centro en cada un dos catro obradoiros desenvolvidos no noso centro a través do Plan Proxecta "Cooperación Galega: O Mundo que Queremos", e a María Caride, coordinadora deste programa e que sempre estivo ao outro lado do teléfono ou do ordenador para guiar aos docentes que participamos nel. Benvidos a Monfero e esperamos contar convosco de novo o próximo curso académico. Esta é a vosa casa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario