A chegada da esperada primavera deixa atrás un duro e longo inverno, e que mellor que celebrar a Día da Árbore (21 de marzo) e o Día da Auga (22 de marzo) para conmemorar a visita desta musa da natureza, tan tímida este ano que esqueceu presentarse nas datas oficiais e xa entrado o mes de abril empeza a asomar nas nosas vidas. Precisamente agora (martes 8 de abril de 2014) contamos coa visita ao noso centro de Luís e Cristina, pertencentes ao Distrito Forestal de Ferrol, que viñeron recordar a todos os/as escolares do CPI Virxe da Cela a importancia da auga e das árbores nas nosas vidas, a través dunha múltiple presenza: na paisaxe, na fauna, na flora, nas actividades humanas, etc. Eles, os axentes forestais, son os encargados de custodiar a nosa riqueza e ensinarnos a preservala. Unha conciencia que temos que adquirir tanto na escola como nas propias casas, respectar a natureza é construír un mundo mellor para nós e os que nos precederán. Disto xa estivemos a traballar todo o ano a través dos Obxectivos do Milenio, concretamente o ODM nº 7, que fala da importancia de garantir a sostinibilidade do Medio Ambiente.
Grazas, Luís e Cristina, foi unha xornada longa con moitas charlas continuadas, pero os froitos deixaranse ver no futuro. Grazas tamén a Ignacio (4º da ESO) por facer unha reportaxe fotográfica desta actividade. E grazas, Primavera, por acompañarnos neste tramo final de curso, deixando brillar un sol radiante despois de tanta cicloxénese explosiva…
No hay comentarios:
Publicar un comentario