lunes, 24 de abril de 2023

FOTOGRAFÍAS POLA IGUALDADE

Un ano máis a Federación de ANPAS Compostela organiza o CONCURSO FOTOGRAFÍAS POLA IGUALDADE. Este concurso fotográfico está dirixido ao alumnado e as familias dos centros de infantil, primaria, secundaria e bacharelato, conservatorios e escolas de música públicos co obxectivo de que plasmen nunha imaxe como ven a igualdade en calquera ámbito da vida; Con el preténdese fomentar a mirada crítica das e dos participantes sobre a vida cotiá dende a perspectiva da igualdade/desigualdade de xénero. Toda a información sobre as bases do concurso, o formulario de inscrición e os documentos de autorización necesarios están accesibles na web deste concurso:

 http://fotografiaspolaigualdade.fanpacompostela.gal/inscricions/ O prazo estará aberto ata o 16 de maio.



PEGADAS DAS MULLERES NA HISTORIA DA EDUCACIÓN

 



A exposición "Educación en feminino: un paseo pola historia" pódese ver no CPI Virxe da Cela, concretamente na biblioteca escolar. Que mellor momento que na última semana de abril, coincidindo coa SAME (Semana de Acción Mundial pola Educación), para poder visitar este percorrido pola historia da educación en feminino a través dunha mostra composta por 39 pósteres e paneis, nos que o alumnado da materia Historia e Teoría da Educación Escolar (Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo na USC) recuperan a memoria de episodios singulares no ámbito do ensino e salientan as importantes achegas realizadas por ducias de educadoras e/ou colectivos femininos ao longo dos séculos.


Ao longo da historia miles e miles de educadoras viñeron desempeñando profesionalmente un labor pedagóxico persistente e socialmente imprescindible, aínda que a cotío calado, moitas veces minorizado e en non poucas ocasións directamente ocultado, polo simple feito de que a protagonista non era un docente senón... UNHA docente.

Algunhas desas educadoras, mestras, profesoras, á marxe da súa diversidade de orixes e da pluralidade de respostas pedagóxicas que ofreceron aos desafíos socioeducativos do seu tempo, realizaron un traballo verdadeiramente meritorio e inspirador, pioneiro ou innovador, que transformou vidas de crianzas e adolescentes, que mellorou de xeito significativo as condicións educativas do seu momento, ou que influíu positivamente na escola de épocas posteriores, ata o punto de que a súa obra pedagóxica, teórica e/ou práctica, chega ata os nosos días e explica parcialmente a situación educativa da actualidade.

A presente exposición quere precisamente, en xusta compensación, recoñecer e homenaxear unhas poucas desas mulleres referentes en educación, normalmente descoñecidas para o gran público e mesmo para as e os profesionais do ensino. Sirva pois esta colección, este “paseo pola historia”, para contribuír a poñer en valor e difundir o legado pedagóxico destas mulleres, o da “educación en feminino”.




Exposición Educación en Feminino by veracruces on Scribd

viernes, 21 de abril de 2023

PREPARATIVOS PARA A SAME 2023

O alumnado de 3º da ESO na materia de Relixión está a elaborar un vistoso e interesante mural para sensibilizar á comunidade educativa da grande importancia da educación, actividade englobada dentro da Campaña Mundial da Educación, para celebrar a SAME (Semana de Acción Mundial pola Educación).

 

viernes, 14 de abril de 2023

MAPA VERDE EDUCATION4THEPLANET

 Despois de tres obradoiros e dunha ruta de sendeirismo, toca agora elaborar un Mapa Verde da comarca do Eume a través do proxecto Education4ThePlanet. O venres 14 de abril de 2023 Cristina Otero visitou de novo o noso centro educativo, e nesta ocasión todo o alumnado da ESO, dividido en grupos de traballo, elaboraron un mapeo da zona onde viven para analizar o impacto negativo das diferentes actividades de carácter económico, social e humano. 

O proxecto Education4ThePlanet, realizado no CPI Virxe da Cela grazas ao apoio da Fundación Ayuda en Acción, pretende a transformación de hábitos da nosa mocidade, xa que nas mans dos xóvenes de hoxe en día está o futuro do noso planeta. 






viernes, 24 de marzo de 2023

GALA ENTREGA II PREMIO GALEGO EPDCG

 Venres 24 marzo 2022

A Coordinadora Galega de ONGD organizou o venres 24 de marzo de 2022 un acto no que por en valor o labor da comunidade educativa e tecer redes arredor da Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global. A convocatoria deste II Premio Galego de EPDCG, financiada pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia (Cooperación Galega), ten unha triple finalidade. Recoñece o labor e esforzo realizado pola comunidade educativa dos centros de ensino galegos para por en práctica a Educación para a Cidadanía Global (ECG) nas aulas. Promove a integración da ECG na educación regrada galega e xera sinerxías entre o profesorado interesado nos contidos e metodoloxías abordadas.

Á Coordinadora Galega de ONGDs considerou   importante que os centros gañadores do I Premio Galego de EPDCG pasaran o testigo aos novos gañadores deste ano. Neste acto de entrega do II Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global, 3 representantes do CPI Virxe da Cela (a directora Mª Camino Pereiro e as docentes Verónica Dopico e Yolanda Castro, coordinadoras do proxecto Monferosolidario), foron convidadas para facer a entrega do premio ao IES Carlos Casares centro gañador na categoría B. 

A esta gala asistiron 122 persoas entre profesorado e alumnado de centros de tódolos niveis educativos e representantes de diferentes ONGDs e da Xunta de Galicia, e foi conducido polo cómico Fran Rei na Sala Agustín Magán do Centro Sociocultural Santa Marta, concluíndo con café e chocolate de comercio xusto para todas as persoas asistentes.


https://galiciasolidaria.org/tres-centros-educativos-galegos-son-galardoados-co-ii-premio-galego-de-educacion-para-o-desenvolvemento-e-a-cidadania-global/

https://osil.info/o-ies-carlos-casares-de-viana-premio-galego-de-educacion-para-a-cidadania-global/





“Feirón Ama con corazón” , iniciativa do CEIP Sada y sus Contornos, gañadora da categoría A

“Coidados para un mundo global: todxs camiñamos pola mesma senda”, iniciativa do IES Carlos Casares de Viana do Bolo, gañadora da Categoría B

“Deseño Social e ambiental Sostible” foi a gañadora da categoría C da man da Facultade de Humanidades e Documentación da Universidade da Coruña.




Mª Camino Pereiro, Ana Lampón, Verónica Dopico e Yolanda Castro

martes, 21 de marzo de 2023

21M: DÍA MUNDIAL DO SÍNDROME DE DOWN.

Para o Síndrome de Down visibilizar, un calcetín de cada cor debes levar. Hoxe é o día mundial do Síndrome de Down. Por iso, dende as áreas de Valores-Reli de Educación Infantil e Reli de primaria, decidimos traballalo co noso alumnado. A concienciación e visualización da diversidade é un aspecto que consideremos fundamental para acadar que o noso alumnado se convirta en persoas críticas, solidarias, empáticas e voluntarias. Aquí tedes o resultado final do noso traballo!



NOVAS REALIDADES EDUCATIVAS

Mesa redonda da II Mostra Internacional de Cine e Educación (CINEDUCA), realizada o 20 de marzo de 2023 coa participación de Camino Pereiro, Directora do CPI Virxe da Cela de Monfero; Manuel Losada, Director do CFR de Ferrol; e Ramón Veiga, Director do IES Félix Muriel de Rianxo. Coordina: Miguel Zabalza, Catedrático de Didáctica e Organización Escolar da USC.


lunes, 20 de marzo de 2023

8-M

Dentro da programación do 8-M, todo o centro educativo involucrouse na proposta de renomear as aulas do centro con figuras importantes femininas. Cada aula investigou e escolleu a muller de referencia coa que quixeron renomear a súa aula. Para facelo tiveron á súa disposición unha mesa da biblioteca chea de materiais sobre mulleres artistas, científicas, escritoras... galegas, españolas e estranxeiras. No seguinte vídeo amosamos o resultado! Mirádeo e coñecede as nosas novas aulas!






miércoles, 15 de marzo de 2023

FORMACIÓN DO PROFESORADO EN TICS CON FUNDACIÓN AYUDA EN ACCIÓN

A  través do convenio de colaboración con Fundación Ayuda en Acción, dará comezo no noso centro educativo  un curso formativo en liña titorizado dirixido ao profesorado sobre ferramentas de avaliación a través das TIC  (“Avalía de maneira innovadora a través das TIC”) a través do noso Centro de Intercambio de Prácticas Docentes (CIPD).

O curso é tutorizado e ten 4 sesións en liña programadas, ademais de 4 tarefas/retos prácticos que se deben ir completando.

FORMULARIO INSCRICIÓN


lunes, 13 de marzo de 2023

"PAN E ROSAS". CONCURSO DE VIÑETAS 2023

     Desde Igualdade da Deputación da Coruña animámosvos a participar do Concurso de viñetas 2023: "Pan e rosas". O obxecto do certame é empregar a viñeta, ou tira de viñetas (como máximo 6) para reflexionar, concienciar, visibilizar e mudar mentalidades, da cidadanía en xeral e da poboación adolescente en particular.

       Baixo o lema “Pan e rosas” convídase a reflexionar e visibilizar a necesidade de conmemorar o “Día Internacional da muller”, lembrando a transformación histórica tras a Revolución Industrial da economía e o traballo coa desprotección e a explotación que viviron as mulleres e a necesidade da reivindicación da igualdade salarial, as melloras das condicións laborais, a necesidade de empoderamento das mulleres e posta en valor da contribución das mulleres ao mercado laboral e o desenvolvemento socioeconómico.

       Temática: Os traballos poderán versar sobre a análise e percorrido histórico da Conmemoración do 8M, así como dalgún fito histórico asociados á loita polos dereitos laborais das mulleres.

Poderase participar en dúas categorías:

CATEGORÍA A (idades comprendidas entre os 12 e 14 anos): Outorgaranse primeiro, segundo e terceiro premio. O premio consistirá nun iPAD e unha colección de cómics por valor de 100 €.

CATEGORÍA B (idades comprendidas entre os 15 e 18 anos):Outorgarase primeiro,segundo e terceiro premio. O premio consistirá nun iPAD e unha colección de cómics por valor de 100 €

Prazo: 30 de marzo de 2023

Pan y Rosas by veracruces on Scribd

sábado, 11 de marzo de 2023

CONVITE Á ENTREGA DE PREMIOS DO II PREMIO GALEGO EPDCG

 Prezada comunidade do CPIP Virxe da Cela,

Pola presente, a Comisión de Educación da Coordinadora Galega de ONGD ten o pracer de convidarvos ao 

ACTO DE ENTREGA DO II PREMIO GALEGO DE EDUCACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO E CIDADANÍA GLOBAL

que se celebrará o vindeiro venres 24 de marzo de 11:00-13:30h na Sala Agustín Magán do Centro Sociocultural Santa Marta (Rúa Antonio Rama Seoane nº6) en Santiago de Compostela.

Como centro gañador do Premio na anterior edición, na que ademais non se pudo celebrar un acto aberto e colectivo por mor da pandemia, nesta ocasión encantaríanos poder contar con representación do voso centro educativo neste día tan especial de celebración e recoñecemento.


viernes, 10 de marzo de 2023

TECNOLOXÍA PARA AS FAMILIAS CON ANTONIO RIAL BOUBETA

Un número moi significativo de familias acudiron o xoves 9 de marzo de 2022 ao CPI Virxe da Cela interesados polo tema a tratar: Tecnoloxía, infancia, adolescencia, convivencia, adicións. Pais e nais queren informarse sobre conductas de risco que poden traer consigo o uso abusivo das tecnoloxías, e quen mellor que Antonio Rial Boubeta para poñer datos sobre a mesa e sembrar dúdidas que den paso á reflexión. Antonio Rial é doctor en Psicoloxía Social e profesor titular da Universidade de Santiago, ademais de técnico da Unidade de Psicoloxía do Consumidor e experto en metodoloxía de investigación en ciencias sociais e saúde. 





    
  

jueves, 9 de marzo de 2023

BOAS NOVAS

 Este é o lema tan positivo co que queremos conmemorar a Semana da Prensa no CPI Virxe da Cela, xa que queremos resaltar e contaxiar de ánimos e de esperanza a o mundo que queremos cambiar. Non sempre van ser malas noticias... Así que achegádevos ao taboleiro, aportade as vosos textos, debuxos, colaboracións, etc... e mergulládevos no mundo da prensa positiva!