Despois da viaxe realizada en setembro a Bruxelas, os tres alumnos/as do CPI Virxe da Cela que representaron ao noso centro educativo nesta actividade explicaron o mércores 1 de outubro de 2025 ao resto do alumnado que forma parte da Rede Compás en que consistiu esta experiencia. Poder ser recibidos por persoas vinculadas á política europea no Parlamento de Bruxelas e facerlles chegar as peticións da mocidade galega foi un momento moi importante, algo que estivemos preparando durante todo un curso. Ademais deste compoñente de activismo político e cidadanía responsable, estes tres estudantes tiveron a oportunidade de relacionarse con outros mozos e mozas dos outros catro centros educativos galegos que participan no proxecto. Foi unha experiencia vital, iso foi evidente, por iso agradecemos a AGARESO (Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social) ter pensado no noso centro para participar neste proxecto Erasmus+. Aínda que a Rede Compás chega ao seu final, sabemos que está plantada a semente e seguramente todas as aprendizaxes servirán para crear un grupo de asociacionismo xuvenil que atenda ás demandas da xente moza.




No hay comentarios:
Publicar un comentario