martes, 5 de junio de 2018

5 DE XUÑO, DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE

En 1972, Nacións Unidas proclamou o 5 de xuño como Día Mundial do Medio Ambiente. A idea é que todos actuemos para asegurarnos agora e no futuro un hábitat máis limpo, verde e san. Este é un gran día para celebrar cos nenos e maiores a beleza da natureza e ensinarlles algunhas cousas que podemos facer para protexela.
Ofrecémosche algunhas ideas que estamos a levar a termo no noso cole e que che amosamos a modo de suxestións:
  •  Da exemplo á hora de reciclar (motiva aos que te rodean: pais, nais, veciños, amig@s...) Aínda hai moita xente que se pregunta en que cubo do lixo ten que tirar a lata de sardiñas ou o envase do deterxente e nós, podemos ensinar aos adultos. ·
  •  Un día sen coche. Explícalles aos maiores o valor da enerxía e porque é importante racionalizar o uso dos automóbiles. 
  • Organiza unha saída ao campo ou parque,con bolsa e luvas para todos. Trátase de recoller todos os obxectos non biodegradables que atopedes no camiño. Faredes deporte e axudaredes a manter limpa a nosa terra. 
  •  Fálase moito de contaminación pero seguramente moitos non entendan ben os seus efectos. Explícalles que é a contaminación e aproveita para explicarlles a importancia que ten non tirar os alimentos. Cada ano refúgase un terzo da comida producida en todo o mundo. Os primeiros en tirar: os países occidentais. Estes excedentes na produción aumentan o gasto en auga e terra e a polución provocada por pesticidas e abonos. Todo iso favorece o efecto invernadoiro e o quecemento do planeta. 
  •  Fala aos teus coñecidos do concepto de sustentabilidade. Confecciona coa súa axuda algunha manualidade con material reciclado. Seguro que o pasaredes xenial e obteredes algún obxecto que vos será de utilidade. Se queredes algunha idea, podedes ver os vídeos que realizamos o curso pasado no cole co título “Reciclando no Virxe da Cela”. Aquí tedes o enlace. https://cpivirxedacelasolidario.blogspot.com/2017/05/encontro-fin-de-curso-da-rede-solidaria.html 
  • E sobre todo… segue a poñer o teu gran de area para axudar a conservar o noso planeta. Como dicía o secretario xeral das Nacións Unidade Ban Ki- Moon "Cando billóns de persoas unen os seus esforzos a favor dunha causa, é posible lograr un cambio”.
Invitámosvos tamén  a que recordedes e vexades estes dous audiovisuais realizados no noso cole sobre esta temática. O primeiro co título:  “Gústame de onde son”,  amósanos  a implicación do alumnado, do profesorado e do conxunto da nosa comunidade educativa no deseño e desenvolvemento dunha serie de actuacións, que supoñen a posta en valor do patrimonio natural, imprescindible para o desenvolvemento social, económico e cultural da nosa contorna.



O segundo referido ao Obxectivo 7 dos ODM, recórdanos que hoxe en día o noso planeta está en perigo se non mudamos as nosas accións, e danos algunhas pistas para emprender ese cambio de actitude.

No hay comentarios:

Publicar un comentario