jueves, 10 de septiembre de 2009

I PREMIO NACIONAL DE EDUCACIÓN PARA EL DESARROLLO "VICENTE FERRER"

Ola a todos/as. Tras 9 días fóra da nosa fermosa Galicia, voltamos da non menos fermosa Cidade de Antigua (Guatemala) cansadas pero coas pilas cargadas para empezar o curso con enerxías renovadas e seguir traballando na mesma liña.
A experiencia desta viaxe foi “inesquecible” e, como o prometido é débeda, aquí deixámosvos un resumo do que foron estes días.

O luns 31 de agosto a xornada comezou coa inauguración oficial do seminario por parte de Mercedes Flores, directora do centro de formación da AECID en Antigua (Guatemala), Mª Luz Ortega, representante da AECID e María Jesús Angulo, representante do Ministerio de Educación.



O martes e o mércores (1 e 2 de setembro) comezaron as presentacións e relatorios de proxectos. Durante o seminario compartimos experiencias, seguidas de debates, tamén se traballou nun taller que ten a finalidade de ter claves para a sistematización e aprendizaxe das distintas experiencias presentadas. E finalmente se socializaron as experiencias premiadas, e os e as participantes realizamos visitas a proxectos que a Cooperación Española desenvolve en Guatemala.



A mañá do martes tocounos expor o noso proxecto. Creo que non é necesario que vos contemos nada del xa que está reflectido no noso blogue. Só dicir que o proxecto "Monferosolidario" é unha realidade grazas ao traballo, implicación e colaboración de toda a comunidade educativa (alumnado, profesores, pais). Sen dúbida algunha son os propios rapaces os mais merecedores de seren premiados, pois sen eles nada de todo isto estaríase a facer; e por riba, non tería sentido ningún. Por todo iso reiteramos desde aqui os nosos parabéns para toda a comunidade educativa do Virxe da Cela.




O longo dos días fóronse sucedendo as presentacións e relatorios do resto dos proxectos.

Menos mal que entre tanta exposición e relatorio tiñamos tempo de tomar un refrixerio

En xeral todos os proxectos presentados foron magníficos e poidemos comprobar que se poden facer unha chea de actividades dende as aulas e dende todos os niveis educativos, cada cal máis sorprendente. En particular chamounos a atención como se pode traballar a Educación para o Desenvolvemento cun enfoque curricular dende materias como as matemáticas, economía, a formación profesional ou os ciclos formativos de grao superior, aproximando ao alumnado á realidade social próxima e global.


Cos nosos compañeiros galegos do IES “Carlos Casares” de Viana do Bolo, que tamen foron merecedores deste premio.



Visitamos tamén a Escola Taller dá AECID en Antigua e poidemos ver o entusiasmo do alumnado. Nela estudan rapaces de 16 a 18 anos, procedentes na sua maioria de Antigua e aldeas próximas. Poden estudar, en dous anos, diferentes especialidades coma construcción, carpintería, electricidade, fontanería. Esta acción da Cooperación Española mellora a inserción laboral dos xóvenes e, prácticamente todos saen con emprego o rematar o ciclo.





E despois visita o “Cerro de la Cruz” dende donde había unha vista impresionante de Antigua.




XOVES, 3 de setembro

Fómonos a coñecer o sistema educativo de Guatemala, centrándonos en dúas escolas afastadas da cidade de Antigua e nas que colabora a "Cooperación Española".En primeiro lugar, visitamos a Escola Oficial Urbana Mixta Matutina, Santo Domingo, de Xenaco e , logo, a Escola Aj Popoli de Comalapa, onde traballa Educación sen Fronteiras.
Durante a xornada puidemos falar cos nenos e as nenas e comprobar como moitos e moitas delas falábannos do que querían ser no futuro, mestras, bombeiros, enxeñeiros ou avogadas, cun elemento común en todos e todas, vendo o seu futuro como unha forma de axudar aos demais e desenvolver o seu país.
Foi do máximo interese falar cos mestres e mestras das escolas. Sorprendía o seu entusiasmo á hora de desenvolver o seu traballo, a maioria das veces cuns recursos mínimos.
A educación de xénero, a interculturalidade, a educación bilíngüe utilizando o idioma materno das comunidades, e o traballo por competencias son as liñas de innovación que estaban desenvolvendo estas escolas.






VENRES, 4 de setembro.


A xornada do venres estivo adicada á redacción de conclusións, propostas e compromisos de futuro así como a avaliar o seminario. De aqui sairá un documento que será asinado polos representantes do Ministerio de Educación e da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento.



A verdade é que foi unha semana moi intensa en canto a aprendizaxes, intercambios e ideas que cremos que nos han servir para seguir traballando nesta línea da Educación para o Desenvolvemento nos nosos centros educativos.


Nos seguimos pensando que “outro mundo é posible” e que “Moita xente pequena, en moitos lugares pequenos, facendo cousas pequenas cambiará a face da terra”.


O próximo luns, 14 de setembro, ás 10 da mañá, na sé da AECID en Madrid o Sr, Ministro de Asuntos Exteriores e o Sr. Ministro de Educación farán a entrega oficial do I Premio Nacional de Educación para o Desenvolvemento "Vicente Ferrer". Ali estaremos coa nosa directora para recoller o premio.


1 comentario:

  1. Eu cursei ata sexto de E.X.B. no Colexio Virxe da Cela (O Xestal- Monfero). Fai xa diso bastantes anos atrás, neste intre teño 32 anos e naquel entón tiña uns 11 anos aproximadamente.

    Non tiven noticia do premio otorgado o centro de ensinanza ata o día de hoxe. Cando o vín publicado en "A Voz de Galicia".

    Como dese colexio eu teño moi bos recordos decidín enviaros esta felicitación polo premio recibido que teño por seguro que é moi merecido segundo a liña que eu recordo que o centro tiña de ensinanza.

    Os meus parabens.
    Atentamente,
    Miguel A. Mateos Carreira

    ResponderEliminar